A Sala Mardi Gras está a celebrar o seu 25 aniversario. 25 anos, dende 1999, nos que este local coruñés organizou máis de 3.500 concertos e na que se converteu nun referente para a música en directo na cidade e en toda Galicia
A Sala Mardi Gras (Travesía da Torre 8) está a celebrar o seu 25 aniversario. 25 anos, dende 1999, nos que este local coruñés organizou máis de 3.500 concertos e na que se converteu nun referente para a música en directo na cidade e en toda Galicia, programando con coidado e paixón, creando un público que medrou coa propia sala e espallando a afección pola música a través de múltiples iniciativa.
A Mardi festexa todos os anos o seu aniversario cunha programación especial que adoita durar un mes. Nesta ocasión, a conmemoración do cuarto de século merecía unha aposta maior: cinco meses de actuacións, dende setembro ata o 1 de febreiro, nas que están a pasar pola escenario nomes históricos para a propia sala, bandas locais e galegas, outras chegadas de moi lonxe, concertos tributo, eventos especiais e mesmo un ciclo de monólogos de humor dedicado ao finado Pedro Brandariz. En total, un cento de espectáculos para celebrar de forma compartida estes 25 anos de historia.
Para falar da sala, hai que falar da súa propietaria e fundadora, Yolanda Villa, do xerente e tamén fundador Jaume Solé, do técnico de son Paco Liaño, presente tamén nestes 25 anos de traxectoria, e igualmente de Tomi Legido, que dende hai tempo se ocupa da programación e da representación exterior do local e que, por exemplo, neste momento ocupa a Vicepresidencia da asociación galega de salas de música ao vivo, Clubtura.
A Mardi festexa todos os anos o seu aniversario cunha programación especial que adoita durar un mes. Nesta ocasión, a conmemoración do cuarto de século merecía unha aposta maior: cinco meses de actuacións, dende setembro ata o 1 de febreiro
Falamos con Tomi Legido da historia da sala, da conmemoración do 25 aniversario, dos recoñecementos recollidos (en 2021 recibiron o Premio Organistrum nos Premios Martín Codax) e das moitas actividades realizadas de xeito asociativo, pois a Mardi non só participa na Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, senón tamén en ACCES (Asociación Estatal de Salas de Música en Directo), Live DMA (Asociación Europea de salas e festivais) e na asociación MIM (Mulleres da Industria Musical), da que é socia fundadora.
Así mesmo, dende o 2020 impulsa a República Musical Mardi Gras, dedicada a espallar a cultura musical, e creou en 2017 o proxecto Elas Son Artistas, un ciclo anual de varios meses de duración que nas súas sete edicións programou case un cento de actuacións de proxectos liderados por mulleres, co apoio da Deputación da Coruña e de oito concellos da comarca.
Comecemos polo principio? Como nace a Mardi? A idea sempre foi ter unha sala de concertos, un lugar dedicado, sobre todo, a ofrecer música en directo?
Si, esa foi sempre o proxecto. Yolanda tiña un pequeno local preto de San Andrés, o Bar Atlántico. Alí facía pequenos acústicos e viu como a xente desfrutaba con eses concertos e como as bandas e artistas atopaban o lugar para tocar que necesitaban. Por iso se decidiu a abrir un local pensado para acoller música en directo. Ese foi sempre a idea: fíxose a insonorización correspondente e coa licenza correspondente.
E o nome, tamén escollido, para facer referencia a eses bares de Nova Orleáns sempre tan cheos de boa música, non si?
Si, Nova Orleans ten unha riqueza musical tremenda, é un crisol no que se mesturan moitas tradicións musicais da zona coas que chegan do sur, de México, coas que chegan do norte, de Chicago e demais e acaban confluíndo aí. Por iso se escolleu ese nome, para deixar clara as súas intencións e os estilos musicais que ían primar. Aínda que, iso si, despois na programación sempre se abriu o espectro para acoller todo tipo de estilos.
"Hai máis demanda de música en directo. Pero hai diferenzas brutais entre eses grupos que todo o mundo coñece e polos que está disposto a pagar unha entrada carísima e eses outros non tan coñecidos ou que a xente directamente non coñece e ten que confiar no que salas coma a nosa programamos"
A Mardi é tamén un sitio para ir bailar de madrugada ou para tomar algo na barra. Supoño que programar concertos é unha actividade moi laboriosa, que ás veces nin sae rendible. Nestes anos nunca estivo enriba da mesa aparcar un pouco ese obxectivo e dedicar a Mardo a ser, simplemente, un bar ou un local de noite?
Deixar os concertos nunca estivo enriba da mesa; a filosofía da sala é ofrecer música en directo. Si que se plantexou nalgunha ocasión o aproveitar a sala en máis momentos, por exemplo para as sesións nocturnas, porque tamén temos unha afección moi fiel a vir bailar de madrugada. Porque ademais o de bailar pola noite é algo que agora mesmo está bastante monopolizado polo Grupo Pelícano, pero afortunadamente quedan pequenos redutos coma o noso e outros.
Pensouse en abrir antes, pero é que case todas as tardes necesitamos dúas horas coa sala baleira para as probas de son. Ademais, ao final a forma do local e o feito de estar moi pechado, tamén fai moi complicado darlle máis uso como bar normal.
Como vos afectou a pandemia de COVID? Foi moi duro para o local? Estivo en risco a súa continuidade?
A pandemia foi demoledora. E seguimos a pagar as consecuencias, porque unha cousa da que moita xente non se decata é que catro anos despois temos aínda préstamos por pagar. Houbo axudas a fondo perdido pero non cubriron todo, e tamén houbo préstamos do IGAPE -a un bo interese, iso si- pero préstamos en todo caso.
Estivemos moito tempo pechados, despois comezamos a abrir para pequenos concertos para 40 persoas que, ademais, coas mascarillas non consumían, así que eran completamente ruinosos para nós. Abrimos así pola necesidade de volvernos poñer en marcha e pola necesidade que a xente sentía de saír da casa. A normalidade non chegou ata finais de 2021. Aí tivemos o apoio de Estrella Galicia, que foi un apoio fundamental durante a pandemia para que Mardi Gras non pechase, porque mantiveron o patrocinio malia estar pechados, e iso foi fundamental.
"Fálase moito dos retornos económicos que provocan os festivais, os millóns que euros que deixan nunha cidade nunha fin de semana ao ano. Pero se as salas puidésemos facer ese tipo de estudos veríamos que o retorno ao longo de todo o ano é mesmo maior"
A música en directo vive agora un bo momento? Ou iso redúcese a esa crecente paixón polos grandes eventos (festivais, grandes concertos...) e non se nota tanto nunha sala de programación regular coma a vosa, que moitas veces trae a bandas novas ou a artistas que a xente non coñece (e ten que confiar no voso ollo)?
É certo que hai máis demanda de música en directo. Pero hai unhas diferenzas brutais entre eses grupos que todo o mundo coñece e polos que está disposto a pagar unha entrada carísima e eses outros grupos non tan coñecidos ou que a xente directamente non coñece e ten que confiar no que salas coma a nosa programamos.
A situación é máis doada para os grandes eventos ou para salas grandes, que poden meter 700 persoas nun concerto, o que hoxe están conseguindo con facilidade, pero claro, neses casos a sala vai a asegurar, programa un grupo coñecido e non arrisca tanto. No noso caso hai moitos concertos que son presentacións de grupos novos, bandas locais. Penso que estamos nun momento no que é complicado que a xente aposte por bandas descoñecidas.
"Despois está o retorno social das salas, que son fundamentais para o sostemento de bandas e de toda a escena musical e cultural"
Nos últimos anos, tanto dende a sala coma dende a asociación Clubtura vides reclamando que as administracións apoien economicamente a vosa actividade, tendo en conta a importancia que os locais que ofrecedes unha programación estable de música en directo tedes para o sostemento do sector musical. Que é o que demandades?
Dende o 2020 non recibimos nin un só euro das distintas administracións. E é por iso que reclamamos máis axuda, porque outros eventos máis grandes si as reciben. Fálase moito dos retornos económicos que provocan os festivais, os millóns que euros que deixan nunha cidade nunha fin de semana ao ano. Pero se as salas puidésemos facer ese tipo de estudos veríamos que o retorno ao longo de todo o ano é mesmo maior. No noso caso programamos cada ano 160 eventos, con bandas que en moitos casos veñen de fóra e se aloxan en hoteis, atraendo públicos de fóra da cidade...
E despois está o retorno social das salas, que son fundamentais para o sostemento de bandas e de toda a escena musical e cultural. Hai pouco estivo na sala Bernard Butler, guitarrista orixinal de Suede e fixo durante o concerto un discurso moi emotivo sobre a importancia das salas de concertos. “Está moi ben que vaiades a grandes festivais, pero estes son os espazos que manteñen a vida social e cultural e a comunidade. Hai que manter este tipo de espazos”, dixo. Por iso reclamamos ese recoñecemento como espazos de interese cultural e turístico da cidade.
"O público novo é moi interesante, pero ten poucos recursos e ademais consume pouco en barra, polo que moitas veces eses concertos que os atraen son deficitarios para nós. Como se sostén esa aposta? Pois con axudas. Se recibimos axudas, podemos arriscar e atraer públicos novos"
Sufrides a competencia de locais que ofrecen concertos mesmo sen ter licenza ou as condicións para facelo, como denunciaba hai uns meses o responsable da Pousada da Galiza Imaxinaria nesta reportaxe?
Cando unha persoa ten unha oferta gratuíta para desfrutar dun concerto en directo no seu barrio, aínda que non sexa un artista moi coñecido, aproveita a oportunidade e a nós aféctanos. Nós sabemos que estes locais o fan coa mellor intención e sabemos tamén que os músicos necesitan de locais nos que tocar. Pero a administración debería diferenciar entre ese tipo de espazos, que non teñen licenza nin condicións para acoller música en directo e as salas que si as temos e que ademais temos unha programación estable, un técnico de son, etc. Eu creo que iso non debería desaparecer, pero as salas profesionais si que deberíamos ter axudas públicas para compensar a perda que nos supón.
Como é o perfil do voso público?
O noso público máis habitual é de 40 anos para arriba, que medrou vendo música na Mardi.
Facedes esforzos por atraer público máis novo?
Nós traballamos moito tentando atraer o público novo á sala, buscando novas audiencias, tentamos facer descontos para xente nova, pero custa moito. Estamos tamén en contactos coa Universidade da Coruña para ter algún tipo de colaboración para que o estudantado se achegue á sala. Ese público novo é moi interesante, pero é certo que ten poucos recursos e ademais consume pouco en barra, polo que moitas veces eses concertos que os atraen son deficitarios para nós. Como se sostén esa aposta? Pois con axudas. Se recibimos axudas, podemos arriscar e atraer públicos novos.
"Nas salas pequenas a paixón pola música en directo é o fundamental e nos une a todos. Se fose por gañar cartos, nos dedicaríamos a outra cousa ou simplemente serviríamos cubatas e poñeríamos unha playlist do Spotify"
E como é a relación coas outras salas de concertos da cidade. Esta é unha competencia positiva ou o feito de compartir públicos supón moitas veces un problema?
A competencia na Coruña é brutal, tanto doutras salas amigas coas que nos levamos ben pero que é certo que compartimos público, como doutra programación institucional. Estamos nunha cidade na que cada fin de semana hai unhas trinta ofertas musicais. Conseguir que veña á nosa sala un número mínimo de persoas para que a cousa sexa rendible para todas as partes implicadas é realmente complicado. Pero na Coruña levámonos moi ben as cinco salas que estamos asociadas e ás veces cando me ofrecen un concerto o que fago é dicir: mira, este concerto non é para a Mardi, senón para a Disfrutona do Orzán ou para o Garufa.
Penso que todas temos a idea de 'imos tentar non jodernos entre nós', pero o ritmo vital é tan intenso e en cada sala somos unha soa persoa, que ás veces pasa que programamos dúas salas o mesmo estilo o mesmo día, co que se dividen os públicos. Eu, o que fago cando teño un concerto no que sei que estamos arriscando cartos, falo coas outras salas para preguntarlles o que teñen ese día. E eles saben que eu fago o mesmo se me preguntan.
Nas salas pequenas a paixón pola música en directo é o fundamental e nos une a todos. Se fose por gañar cartos, nos dedicaríamos a outra cousa ou simplemente serviríamos cubatas e poñeríamos unha playlist do Spotify.
"Chegan moitísimas máis propostas masculinas e ás veces hai que facer un esforzo proactivo para compensar. Pero en en absoluto é encher por encher, hai moitísimo talento feminino e o que hai que facer é visibilizalo e darlle a oportunidade"
Como é o traballo de programar 140 concertos cada ano? Estades moi pendentes das novidades, recibides moitas ofertas, atendendes peticións de haibituas da sala que vos piden algún grupo?
Na programación habitual hai unha porcentaxe importante de nomes que parten da iniciativa das propias bandas, que están planificando unha xira e que nos escriben ás salas. Iso si, moitas veces atopamos problemas para traer grupos internacionais que están de xira por España e que dan tres ou catro concertos, pero que teñen que vir a propósito a Galicia dende Madrid ou Barcelona para unha única actuación e non sempre lles compensa.
Por iso é tan importante facer rede con outras salas galegas. Precisamente relacionado con iso, esta semana imos ter en Compostela o primeiro encontro de salas do noroeste de España, con salas de Galicia, Asturias e Castela e León. Hai moi boa relación entre nós en Galicia, con 38 salas asociadas a Clubtura.
"Nas salas coñeces xente, atopas persoas coas que despois coincides durante anos en moitísimos concertos, que teñen unha afección común á túa. Eu vexo as caras de felicidade de moitas persoas que se miran e din 'menudo concerto estamos vendo desta banda francesa que non coñeciamos de nada, e aquí estamos un martes sendo felices'"
Dende hai uns anos está sobre a mesa a reivindicación de que os proxectos musicais con presenza feminina teñan máis espazo nas programacións. Como estades afrontando esta cuestión na Mardi?
Neste caso, tomámonos moi en serio ese tema dende un encontro de salas que se celebrou na Coruña e no que se prefundou Mulleres na Industria Musical (MIM), que finalmente se fundou oficialmente en Vic. A Mardi ten unha propietaria, que é Yolanda Villa, que estivo nesa charla e na fundación da asociación, e dende o primeiro momento me dixo que tiñamos que atender a este asunto. Tamén puxemos en marcha Elas son Artistas, un proxecto no que se está a ver a gran cantidade de talento feminino que hai na cultura.
Non é doado, porque chegan moitísimas máis propostas masculinas e ás veces si que hai que facer un esforzo proactivo para compensar. Pero en en absoluto é encher por encher, hai moitísimo talento e o que hai que facer é visibilizalo e darlle a oportunidade.
Como é que decidistes programar cinco meses de concertos para celebrar o 25 aniversario?
Sempre celebramos os aniversarios cun mes de concertos especiais. Este ano, polo 25 aniversario, pensamos que tiñamos que facer algo máis grande. Comecei a facer unha lista de desexos, de artistas e bandas que me gustaría que viñesen. E aí saíron tantos nomes que ao final vimos que iamos necesitar case cinco meses de concertos, dende o comezo de setembro ata o 1 de febreiro.
Había que facer homenaxes, por exemplo a Pedro Brandariz. Tamén a Eva Coyote, fundamental na historia da música na Coruña, que faleceu dun cancro. E despois había algúns nomes que non podían faltar, como Sex Museum, que vén a todos os aniversarios dende hai moitos anos. En total son 100 eventos e fixemos un esforzo moi grande para cubrir toda a paleta de estilos que temos habitualmente.
"A República Musical Mardi Gras na actualidade ten máis de 350 socios que renovaron e en total repartimos máis de 600 carnés. Aínda que leva ese nome, a súa filosofía é apoiar a toda a música local. Estes proxectos saen da sala e tentan empapar a cidade"
A música en directo crea afección? Engancha? Ademais da xente que vai ver un concerto porque coñece moito unha banda, hai xente fiel, que vai á Mardi porque 'un concerto sempre é un bo lugar'?
Hai unha combinación de públicos, xa que a programación é moi variada. Hai xente que só vén ver algunha banda, e tamén hai xente que vén ver un estilo de música determinado. Temos, nese senso, un público moi fiel ás bandas de americana, que adoitamos traer todos os meses.
Nas salas coñeces xente, atopas persoas coas que despois coincides durante anos en moitísimos concertos, que teñen unha afección común á túa. Eu vexo as caras de felicidade de moitas persoas que se miran e din “menudo concerto estamos vendo desta banda francesa que non coñeciamos de nada, e aquí estamos un martes sendo felices”.
A República Musical Mardi Gras, non si?
Si, temos esa afección fiel á Mardi Gras, que nos coñecemos todos polo nome, e grazas a eles salvámonos na pandemia. Nese momento constituíuse a asociación República Musical Mardi Gras, que na actualidade ten máis de 350 socios que renovaron e en total repartimos máis de 600 carnés.
Aínda que leva ese nome, a súa filosofía é apoiar a toda a música local. Estes proxectos saen da sala e tentan empapar a cidade. De feito agora en novembro imos organizar no Garufa unha xuntanza de todo o tecido musical local da Coruña, non só salas, senón tamén músicos, selos discográficos, tendas de discos...
"Na Mardi a maioría do público está bastante pendente do concerto. Pero de cando en cando hai xente que veu ao concerto arrastrada polos colegas, que está na barra mirando para a porta máis que para o escenario. E con esta xente, o cartaz está funcionando moi ben"
Nos últimos tempos foi moi comentado (e celebrado) o cartel que adoitades sacar na Mardi para pedir silenzo á xente que fala no medio das cancións. É tan necesario? A xente fala moito?
Na Mardi a maioría do público está bastante pendente do concerto. Si que é certo que de cando en cando hai xente que veu ao concerto arrastrada polos colegas, que está na barra mirando para a porta máis que para o escenario. E con esta xente, o cartaz está funcionando moi ben. Normalmente a xente reacciona moi ben e deixa de facer ruído. Porque ás veces o que pasa é que hai xente que si está vendo o concerto e que de súpeto se atopa cun colega e comeza a falar, sen decatarse de que está a molestar.