A Sala Mardi Gras (A Coruña), A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro) e a A Arca de Noe (Vilar de Santos) optan ao premio á mellor sala de música do país
O vindeiro mércores 15 de maio entréganse no Pazo da Cultura Pontevedra os galardóns da undécima edición dos Premios Martín Códax da Música, unha festa dirixida por Xurxo Souto que promete ser “unha gran celebración da selva diversa e espectacular da música galega contemporánea”. Os galardóns recoñecen o mellor do ano na música en galego, con 15 categorías cuxos finalistas debullamos nesta ducia.
Porén, os Premios Martín Códax inclúen tamén un galardón honorífico (que este ano homenaxea a Emilio Cao) e tres categorías que destacan outros ámbitos da escena musical, imprescindibles para o seu funcionamento: os festivais (Galegote Rock, Festival EmigraSON e As Nosa Músicas son os finalistas), medios de comunicación e difusión musical (as Miudiño Sessions da Regueifa 2.0 que se publican en Vinte, o Tik Tok de Rodri Míguez e a Revista Rebelico) e as salas de música.
Falamos cos responsables das tres salas para preguntarlles cal é o momento polo que pasa a música en directo en Galicia, polo comportamento do público e polas principais necesidades do sector, ademais de pedirlles que nos recomenden algúns lugares do país nos que ver un concerto
Que sería da música sen as salas de concertos? Os espazos que programan actuacións de maneira habitual sosteñen economicamente o sector, dan oportunidades ás novas bandas e artistas e crean afeccionados. Nesta edición dos Premios Martín Códax son finalistas a Sala Mardi Gras (A Coruña), A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro) e a A Arca de Noe (Vilar de Santos), que se poden unir a outras gañadoras de anos anteriores, como a Sala Rebullón de Mos (2023), Náutico de San Vicente (2020), El Contrabajo Club de Vigo (2019), Sala Garufa da Coruña (2018), A Pousada das Ánimas de Boiro (2017), Aturuxo de Bueu (2015). No caso da Arca de Noe, busca repetir o triunfo acadado nos anos 2022 e 2016.
Falamos cos responsables das tres salas para preguntarlles cal é o momento polo que pasa a música en directo en Galicia, polo comportamento do público e polas principais necesidades do sector, ademais de pedirlles que nos recomenden algúns lugares do país nos que ver un concerto.
En que momento está a música en directo? Como estades notando este contexto as salas?
"As salas das cidades teñen un público máis amplo e nós temos que escoller moi ben a programación para conseguir que veña xente de Ribeira, de Santiago ou de Vilagarcía", din dende A Pousada da Galicia Imaxinaria, de Boiro
Dende a Sala Mardi Gras da Coruña o seu responsable, Tomi Legido, concorda en que, efectivamente, na actualidade "hai moito público con desexos de escoitar boa música". "A nosa aposta é tentar ofrecer calidade e variedade en canto a estilos na programación mensual, misturando propostas galegas, do resto de España e tamén internacionais. Unha sala pequena como a nosa programa moitas veces artistas bastante descoñecidos e iso e un risco elevado. A oferta cultural en Coruña é enorme e os cartos da xente son limitados", di, engadindo que "parte do noso traballo é dar oportunidades a quen pensamos que as merece. E atraer ao público que se fía un pouco de nós". "Estamos convencidos de que o traballo das salas pequenas é mi importante no ecosistema musical", subliña.
Dende Boiro, o responsable da Pousada da Galiza Imaxinaria, destaca que existen diferenzas entre unha sala de cidade e unha dunha vila, como Boiro, sinalando que "nós temos que ter moito máis coidado á hora de programar". "As salas das cidades teñen un público máis amplo e nós temos que escoller moi ben a programación para conseguir que veña xente de Ribeira, de Santiago ou de Vilagarcía", di. Iso si, quéixase de que hai xente "que aínda non está habituada a pagar por cultura e pregunta se a entrada vén con consumición; non se decatan de que hai que pagar aos grupos, aos técnicos, que hai unha infraestrutura...".
Dende A Arca de Noe amósanse máis pesimistas co momento actual da música en directo en Galicia, sinalando que, a pesar de que "se escuta mais música do que nunca, a realidade na Galiza é que as músicas e os músicos têm cada vez menos espaços tanto públicos como privados onde tocar". "As salas temos cada vez mais problemas para subsistir e não damos cuberto a demanda de todas as propostas que nos chegam", di.
A pesar de que "se escuta mais música do que nunca, a realidade na Galiza é que as músicas e os músicos têm cada vez menos espaços tanto públicos como privados onde tocar", din dende A Arca de Noe
Tedes problema habitualmente con xente que acode aos concertos pero non atende á música, fala no medio das cancións e molesta o resto de asistentes e aos artistas?
A Sala Mardi Gras emprega dende hai un tempo unha serie de carteis que cando se dan este tipo de situacións, amosa para que o público que incorre nestes comportamentos cando menos garde silencio. "Nós temos cartaces pedindo respeto en varios lugares da sala, e acabamos de sumar un que temos na barra para amosar cando fai falla que pon: Ssssshhhh!! E damos as grazas en varios idiomas", explica Tomi Legido. "Si que resulta moi molesto cando hai persoas falando porque quen quere escoitar o concerto protesta, e a súa experiencia é peor do que agardaba. Confiamos en que esta nova medida, e a comprensión por parte de quen estaba falando (moitas veces incluso de xeito pouco consciente do seu volume), axuden a mellorar".
"Esta ben que se fale do tema porque escoitar música cando te está entrando unha conversa (moitas veces a berros) polo oido non é nada agradable. Os artistas moitas veces son quen peor o pasan. Eles están traballando e concentrados ao máximo en facelo dun xeito excelente e que estén chegando voces de diversas partes do espazo, en momentos de temas tranquilos ou baixadas de intensidade, non é nada doado. Teñen moito mérito", engade.
A Sala Mardi Gras emprega dende hai un tempo unha serie de carteis que amosa cando hai xente que fai ruído no medio dunha canción, molestando os outros asistentes ao concerto e tamén aos artistas
O responsable da Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro di, en cambio, que "o de que a xente fale nos concertos creo que é unha dinámica de gran cidade. A nós non nos pasa" e explica que "a xente que vén á nosa sala é xente que vén a propósito ao concerto, moitas veces dende fóra de Boiro". "É un público distinto, como tamén é distinta a xente que vén un concerto a unha sala que o que vai a un festival. O que vai á sala é porque lle gusta esa música e ese artista; nos festivais hai xente que vai ver unha banda e non lle interesan as demais e moitas veces pasa bastante deles".
Finalmente, dende A Arca de Noe sinalan que levan sufrindo este problema dende a posta en marcha da sala: "desde hai 10 anos llevamos lutando contra isto. De facto de tanto mandar calar, é habitual, que, de brincadeira, me imitem alguns ou algumas espetadores e se mandem calar umas a outras. É uma trabalheira e leva tempo consegui-lo, e algum conflito polo meio". "O que eu lhe digo à gente que só é hora é meia, estão ali para ouvir música e que se eles ou elas estivessem tocando ou fazendo qualquer coisa gostariam de que os atendessem", di.
Que reivindicacións e problemas comúns tedes como sector?
Tomi Legido, da Sala Mardi Gras, reclama "o recoñecemento explíto e visible por parte das autoridades da importancia do noso traballo tanto a nivel cultural como turístico"
Tomi Legido, da Sala Mardi Gras, reclama "o recoñecemento explíto e visible por parte das autoridades da importancia do noso traballo tanto a nivel cultural como turístico. Porque os artistas que nos visitan (e parte do público) tamén supoñen ingresos para as nosas cidades". En segundo lugar, comenta que "hai moitas localidades galegas nas que conseguir unha licenza para programar música en directo é unha odisea imposible". E, por último, pide "que haxa fondo públicos para contribuir a que podamos seguir arriscándonos a programar a quen ten talento ainda que cando inicien as suas carreiras o público ainda non o saiba. Manter os equipamentos, o persoal, a promoción correcta... é moi caro".
"Sempre nos vemos forzadas a pedir subvencións que teñen moito truco e non son a fórmula máis axeitada para negocios como o noso, algo que sería moi longo de explicar aquí. Envexamos a fórmula dos patrocinios que reciben os festivais e outros eventos multitudinarios", di. E remata facendo "un chamamento a calquera empresa que nos queda botar unha man a cambio de darlle visibilidade entre un público que ama a cultura e a música en directos. Falamos de poucos cartos, pero salvadores".
Dende a Arca de Noe reclaman "que se atendam as nossas necessidades por parte das instituições públicas, encarregadas de velar pola divulgação da nossa cultura; e contar com os alto-falantes dos meios de comunicação do nosso país, principalmente os públicos"
En Boiro, o responsable de A Pousada da Galiza Imaxinaria sinala que "temos un problema de competencia, pero non competencia doutras salas, que de feito adoita ser positiva, pois poñémonos de acordo para traer a artistas... A nosa competencia é desleal, e é a que fai unha churrascaría que organiza concertos sen ter licenza para facelo e sen ter esa estrutura". Ademais, quéixase de que "as administracións locais son moi esixentes con nós en materia de horarios. Cinco minutos antes da nosa hora de desaloxo temos a policía da porta para asegurarse de que cumprimos. Pero iso non pasa cos restaurantes, que si se pasan do seu horario de peche e ás veces teñen djs, poñen copas...".
Dende a Arca de Noe reclaman "que se atendam as nossas necessidades por parte das instituições públicas, encarregadas de velar pola divulgação da nossa cultura; e contar com os alto-falantes dos meios de comunicação do nosso país, principalmente os públicos para a difusão das nossas atividades para poder abranger e envolver a um público mais amplo". Engade que "uma estratégia fulcral é o facto de todo o sector musical trabalhar em rede e com comunicação efetiva, dotando à Clubtura e à Rede Galega de Músicas ao Vivo da estrutura e os orçamentos necessários para serem mais solventes".
Que outra sala de concertos galega recomendades, pola súa programación, trato a público e artistas, pola calidade do seu son...?
Sala Mardi Gras: "Teño a fortuna de ser mánager de bandas galegas e coñezo moitísimas salas nas que logran que me sinta como na miña casa. Podería citar moitas, pero voume quedar coa nosa irmá maior, por traxectoria e por tamaño, que é o Garufa Club na Coruña. Todo un luxo"
A Pousada da Galiza Imaxinaria: "Por programación e por calidade de trato, eu escollería a Mardi Gras. Pero se teño que recomendar unha por riba de todo sería a Sala Rebullón en Mos, que ten a mellor calidade de son de Galicia. Ten o mesmo problema que temos nós: está lonxe de Vigo e ten que programar moi ben para conseguir que a xente da cidade vaia"
A Arca de Noe: "Pois qualquer sala do país: a Sacabeira, em Sargadelos; Auriense, em Ourense; o Patio da Tola no Coure, A Casa das Crechas, em Compostela; Aturuxo em Bueu, a Rebullón, em Mós; o Clavi, em Lugo; a Mardi ou o Garufa na Corunha; a Pousada em Boiro…"