As mulleres reclaman a igualdade real no mundo da música

Concerto das coruñesas Bala nos Estados Unidos, este verán © Bala

Unicamente entre o 10% e o 15% dos artistas que actúan cada verán nos festivais de música son mulleres, unha situación que é semellante nas salas. Ás dificultades que sofren as mulleres para subir a un escenario en igualdade de condicións únense os obstáculos que teñen que superar para acceder a determinados ámbitos da industria musical, sobre todo nos traballos técnicos, pero tamén nos labores de programación. E, igualmente, son moitos os teitos de cristal que deben rachar para chegar a postos de responsabilidade, ao igual que noutras profesións.

A xornada Feminismo e Industria Musical buscará promover "estratexias de traballo efectivas para reverter a actual situación de desigualdade"

No ano 2016 naceu a asociación Mulleres na Industria da Música (MIM) , para facer fincapé na cuestión de xénero no sector e avanzar cara a unha verdadeira igualdade de oportunidades en todos os seus ámbitos, e cara á equiparación laboral e salarial. En paralelo, en Galicia foron varias as iniciativas que camiñaron na mesma dirección, comezando pola xornada Mulleres e Música, promovida pola Deputación da Coruña dentro do programa A cultura é un dereito. Nela presentouse o documento de análise e propostas Cara ás lentes violetas na música, síntese do informe elaborado pola xurista e xestora cultural Belén Bermejo para a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e a propia Mulleres da Industria da Música (MIM). E podemos falar, igualmente, de iniciativas como Mulleres Galegas Kañeras ou do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, de Laura Romero, baixista de Zënzar.

O vindeiro luns e martes unha nova xornada de debate organizada por MIM e polo Concello da Coruña afondará nestas cuestións coa participación de expertas galegas e do resto do Estado. A xornada Feminismo e Industria Musical  buscará promover "estratexias de traballo efectivas para reverter a actual situación de desigualdade". Podes consultar aquí o programa completo.

"Había eses bulos habituais de que as mulleres non traballabamos ben xuntas ou de que hai unha competitividade insá entre nós"

"O que nos moveu a crear MIM foi, en primeiro lugar, ver que no mundo da música había unha especie de silencio que envolve todos os ámbitos profesionais e que oculta as desigualdades de xénero. Había ademais eses bulos habituais de que as mulleres non traballabamos ben xuntas ou de que hai unha competitividade insá entre nós", explica Carmen Zapata, presidenta da entidade, e que será a encargada de abrir as xornadas o vindeiro luns. "Entre as traballadoras duns e doutros ámbitos comenzabamos a comentar problemáticas que nos foran sucedendo ao longo das nosas carreiras profesionais, e canto máis falabamos do tema, máis claro tiñamos de que este era un problema sistémico e nada casual", di.

Indiespañol, a canción de Las Odio, fai fincapé nas dificultades que ás veces teñen que superar as artistas para que as tomen en serio, á par que os músicos varóns. E o mesmo podería aplicarse a varias profesións musicais. O mundo da música padece as mesmas carencias, desequilibrios e inxustizas que calquera outro sector, destaca Zapata, pero ademais a incorporación a determinadas profesións musicais (cargos técnicos, de programación...) semellaba especialmente complicado. Ademais desta segregación horizontal, existe unha segregación vertical e teitos de cristal que dificultan o acceso a cargos de responsabilidade e dirección para as traballadoras.

"Queremos saber onde están as mulleres, canto están cobrando, cales son os teitos de cristal e en mans de quen está a programación de música"

Un dos primeiros obxectivos da asociación foi realizar un diagnóstico exacto sobre a situación empresarial e profesional do sector, con perspectiva de xénero. "É relativamente doado saber cantas mulleres hai no cartel dun festival. Trátase apenas de sumar. Pero non é tan fácil coñecer cantas mulleres traballan en produción, nas promotoras, nos festivais ou en profesións técnicas", comenta a súa presidenta. "Agora vimos de iniciar un estudo sobre a cuestión de xénero na música en colaboración co INAEM. Queremos saber onde están as mulleres, que postos ocupan, canto están cobrando, cales son os teitos de cristal e en mans de quen está a programación de música", di.

María José Pérez, durante a xornada 'Mulleres e Música', o pasado mes de maio CC-BY-SA Praza Pública

Outro dos obxectivos da entidade é darlles visibilidade ás mulleres que traballan na industria da música, "enriba do escenario pero tamén detrás do escenario, pois moitas delas non dan a cara pero son quen están facendo o traballo", destaca Marcela San Martín, tesoureira da asociación e programadora do Palacio de la Prensa. Sala 0 de Madrid, cargo que tamén ocupou na Sala El Sol, unha das máis importantes da capital do Estado. "O obxectivo é que sexa normal, que se normalice o feito de que haxa mulleres traballando en todos os ámbitos do sector, tamén na parte técnica. E, por suposto, que contemos coa mesmas condicións e salario, e coas mesmas posibilidades de chegar a postos de responsabilidade", destaca.

"Na web da asociación estamos a construír unha base de datos de profesionais, de mulleres que son moi boas no seu traballo e que poden optar a eses postos"

"Eu fun pioneira no mundo da programación de concertos en salas e non tiven doado", explica. "Este é un mundo moi pechado, coñecémonos todos. O que pasaba antes é que cando se tiña que contratar un programador, un técnico de son, un produtor..., acabábase recomendando a un home, por inercia. Eu, dende hai tempo fago o mesmo pero ao revés: recomendo a programadoras, técnicas de son, produtoras... Por iso na web da asociación estamos a construír unha base de datos de profesionais, de mulleres que son moi boas no seu traballo e que poden optar a eses postos. Imos tecendo unha rede", di.

 

O papel das administracións públicas

"Pedimos algo básico: que no ámbito do público, onde se programa cos cartos de todos e de todas, se cumpra a Lei de Igualdade"

A xornada Mulleres e música, que tivo lugar o pasado mes de maio no Teatro Colón da Coruña, consensuou un conxunto de propostas concretas para "combater o desequilibrio histórico da presenza das mulleres na industria da música", dirixidas principalmente ás administracións públicas, como tamén fixera a propia asociación MIM. "Pedimos algo básico: que no ámbito do público, onde se programa cos cartos de todos e de todas, se cumpra a Lei de Igualdade do ano 2007. O sector público sebe ser prescriptor dunha boa praxe e de políticas con perspectiva de xénero", di Carmen Zapata.

"A administración pública está no seu dereito de esixir que nas programacións haxa participación masculina e feminina en igualdade de condicións. A administración debe poñerse firme para facer cumprir a lei e que os cambios vaian máis aló das palabras e das boas intencións", subliña San Martín.

"A administración debe poñerse firme para facer cumprir a lei e que os cambios vaian máis aló das palabras e das boas intencións"

Entre as propostas presentadas naquela xornada estaba a introdución de cláusulas de acción positiva nas contratacións e convocatorias realizadas polas administracións públicas para incentivar a incorporación das artistas nas programacións, ou a contratación de mulleres nos equipos técnicos. Tamén se pedía a incorporación de cláusulas nas convocatorias que tendan á eliminación nas programacións financiadas ou contratadas polas administracións, de "formacións que fomenten o sexismo na música, a través dos estereotipos que transmiten"

Igualmente, demandábase "paridade" nas comisións, xurados e tribunais designados para valorar desde as institucións proxectos vinculados á música.  E, igualmente, promover a elaboración de informes de coñecemento da situación das mulleres na música en Galicia.

Actuación de Silvia Penide © Silvia Penide

Primeiros cambios

 "Algúns dos nosos compañeiros varóns reaccionaron con perplexidade, dicindo 'non non decataramos, pero é verdade, os números están aí''"

Carmen Zapata destaca que a autoorganización das artistas e traballadoras do sector da música comezou a dar xa os seus froitos. "Conseguiuse, como mínimo, que a xente, homes e mulleres, se fixasen nestas cuestións, que se visibilizase esta desigualdade nas programacións e nos aspectos meramente laborais", di. Zapata comenta que ao verbalizar estes temas houbo "reaccións moi distintas". "Algúns dos nosos compañeiros varóns reaccionaron con perplexidade: 'non non decataramos, pero é verdade, os números están aí'. Houbo quen tomou a decisión de facer cambios para tentar reverter esta situación. Houbo tamén quen se revolveu e se sentiu atacado", di. 

"Teño que nomear o Primavera Sound: O cartel do 2019 terá máis mulleres que homes"

O cambio comezou a notarse, máis ou menos timidamente, nas programacións dalgúns festivais e salas. "Teño que nomear o Primavera Sound", apunta a presidenta de MIM. "Cando o ano pasado o festival nos outorgou o seu premio [o Primavera Award], algunha xente preguntoume se nos sentiamos cómodas recibindo un recoñecemento dun certame que ata ese momento estaba lonxe da paridade e que podía estar entregando o galardón por postureo. Porén, o cartel do 2019 terá máis mulleres que homes", destaca Zapata. Carmen Zapata salienta outros exemplos, como o propio Festival Noroeste da Coruña, que tamén este verán tivo por primeira vez máis artistas mulleres que varóns e que tamén acadou a paridade nos seus equipos.

"Estanse programando menos mulleres das que é xustificado programar", explica Carmen Zapata. "É certo que hai algún hándicap inicial, comezando polo feito de que nas xeracións anteriores de músicos e grupos hai efectivamente menos mulleres, polos obstáculos que nesas décadas atoparon en moitas ocasións e a falta de visibilidade), o que leva a que a súa presenza nos festivais sexa menor", di. "Pero se ti tes un festival que programa ducias de bandas e non podes contratar mulleres para encabezar a programación, tes que facer un esforzo no que se refire a bandas emerxentes ou nos niveis intermedios dos carteis, porque iso é o que fará que estas artistas crezan e se consoliden", engade, concluíndo que "sempre hai maneiras de equilibrar os carteis e sobre todo os equipos humanos que traballan nos festivais".

"A realidade dos festivais segue a ser completamente machista, cun predominio absoluto de grupos masculinos"

"Hai unha parte de moda: agora somos todos feministas e por iso metemos unha cota de mulleres. Pero a realidade dos festivais segue a ser completamente machista, cun predominio absoluto de grupos masculinos. E, ademais, moitos deles parécense moito entre si, un copia e pega continuo de carteis e grupos", comenta Marcela San Martín. "Está moi ben o de poñerse medallas, dicir que tes unha alianza cun colectivo feminista, pero se iso non se traduce en cambios, non vale nada. O Primavera Sound está a demostrar que se poden programar mulleres, que se pode incrementar moito a súa presenza dun ano para outro. E faise con normalidade. E se un festival como o Primavera o pode facer, por que non os demais?", engade.

"Son só porcentaxes, máis altos ou máis baixos, pero son sobre todo modelos a seguir"

"Son só porcentaxes, máis altos ou máis baixos, pero son sobre todo modelos a seguir, modelos para as novas xeracións, para que a partir de agora se comecen a facer as cousas de maneira distinta", conclúe Carmen Zapata.

Concerto de Wöyza en Capitol © Efrén Guede Otero

As xornadas

A xornada Feminismo e Industria Musical. A creación dun novo modelo cultural comezará ás 10.30 horas do vindeiro luns 17 no Centro Cívico da Cidade Vella. Ademais dos debates sobre o papel das administracións públicas, a necesidade da introdución de cotas ou o uso do corpo feminino no mundo da música, presentaranse iniciativas lideradas por asociacións que xa están traballando no eido da perspectiva de xénero, e que ofrecen oportunidades de diversa índole ás profesionais do sector. 

Contarase coa presenza de diversos colectivos galegos que están achegando métodos de cambio baseados na perspectiva de xénero

Así mesmo, contarase coa presenza de diversos colectivos galegos que están achegando métodos de cambio baseados na perspectiva de xénero para reverter na situación de desequilibrio actual, como Mulleres Galegas Kañeras, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e Músicas ao Vivo. Ademais, está prevista a participación nos debates de varias músicas galegas, como Silvia Penide, Sofía Trigo (Wöyza), Violeta Mosquera (Bala) ou María José Pérez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.