Os fondos de turismo da Xunta disparáronse dende o inicio da década máis dun 90% e en 2025 serán 143 millóns
O turismo en xeral, co Xacobeo como estrela, é unha das políticas máis reforzadas polo Goberno galego nos últimos anos. Organicamente, ao integrala na estrutura da Presidencia da Xunta, pero tamén orzamentariamente.
O orzamento turístico do Goberno galego disparouse dende o inicio da década máis dun 90%. Dende os case 74 millóns asignados no ano 2020 ata os 143,2 que consigna o proxecto de Orzamentos Xerais para 2025. A do ano vindeiro é unha cantidade que supón un leve ascenso a respecto dos 141 das contas definitivas de 2024. Ou unha mínima diminución, inferior ao 1%, en relación aos 144 que acabaron figurando no orzamento consolidado para este ano.
Máis fondos que para cultura por quinto ano consecutivo
O orzamento turístico segue, en calquera caso, en máximos da historia da autonomía. Por quinto ano consecutivo terá máis fondos asignados ca outra área coa que adoita estar relacionado e coa que mesmo chegou a compartir Consellería no pasado, a de cultura. O orzamento cultural para 2025 sitúase en algo menos de 110 millóns de euros, un avance do 4% en relación ás contas consolidadas deste ano.
O orzamento cultural medra un 4% pero fica en 110 millóns. A partida de investimentos da Axencia Turismo de Galicia medra 5 millóns ata superar os 67 e as axudas para empresas turísticas acadan os 31 millóns ao sumar 3 de fondos europeos
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a fenda orzamentaria entre cultura e turismo tende a alargarse na Xunta en detrimento das partidas culturais. Ata 2020, tamén nos primeiros gobernos do PP de Alberto Núñez Feijóo e mesmo durante os recortes da gran recesión o orzamento de cultura superou ao de turismo malia sufrir notables reducións. Cómpre ter en conta, non obstante, que durante a primeira e a segunda década deste século o orzamento cultural estivo condicionado por relevantes fondos para a construción da Cidade da Cultura.
De volta a 2025, a partida máis relevante do orzamento turístico do Goberno galego, xestionado pola Axencia Turismo de Galicia, supera os 38 millóns de euros para "actuacións de promoción en materia de turismo e do Xacobeo 2027". Case 11 millóns para "mellora dos albergues e a seguridade do Camiño de Santiago" e unha cantidade semellante para "recuperación artística e cultural de bens do patrimonio histórico" contribúen a elevar o capítulo de investimentos desta axencia ata os 67,2 millóns, case cinco máis que en 2024.
Tamén destacan nas contas de turismo ata 31 millóns de euros no capítulo de axudas a empresas privadas. Supón un crecemento de algo máis de 3 millóns a respecto deste ano ao engadírenlle unha partida de "mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas turísticas" financiada integramente a través de fondos europeos de recuperación.
A nova taxa que chega por Santiago
Este orzamento turístico é o primeiro da historia da Xunta que, se chegan a facerse realidade as promesas do Goberno galego e a letra da lei de acompañamento dos propios orzamentos, se aplicará mentres paralelamente no noso país se aplica por primeira vez unha taxa turística. A norma que o Executivo tramita anexa ás contas públicas para modificar múltiplas normativas previas prevé que en 2025 o Consello da Xunta aprobe unha lei que "cree e regule o imposto sobre estadías turísticas".
Este imposto non é outro que a taxa turística reivindicada dende hai anos dende o Concello de Santiago, despois reclamado tamén por outros municipios con forte presión do turismo. Aínda que nacerá como imposto autonómico, o propio Goberno galego deixa claro que "inicialmente" terá "unha bonificación do 100%" e serán os concellos, "de forma voluntaria", os que poidan cobralo coa forma legal de "recarga sobre o imposto autonómico".
A taxa turística nacerá como imposto autonómico bonificado ao 100%. A lei que o regule deixará nas mans dos concellos impoñer unha "recarga" que terán que xestionar con condicións como destinar un mínimo do 80% do recadado ao sector do turismo
Para que os gobernos locais poidan cobrar a taxa turística a Xunta esixe, entre outros aspectos, que aproben unha ordenanza que "avalíe o impacto e eficacia" da medida e garanta a "consulta, participación e audiencia ás organizacións representativas do sector turístico". Ademais, esixe que "cando menos un 80%" do recadado vaia a "gastos vinculados á promoción, impulso, protección, fomento e desenvolvemento do turismo sostible".
Á espera da lei que fixe todas as condicións da taxa turística, incluíndo os seus importes, o texto anexo aos orzamentos xa avanza, por exemplo, que afectará a estadías en aloxamentos turísticos coma hoteis, pero tamén aos cruceiros. Avanza, asemade, que existirán exencións "como, entre outras, menores de dezaseis anos", estadías vinculadas a programas sociais, os albergues públicos do Xacobeo ou as causas de forza maior.