O número de noites contratadas nos pisos turísticos galegos pasou de 2,4 millóns no ano 2021 a 4,6 millóns no ano 2023, practicamente o dobre
As vivendas de uso turístico sumaron case cinco millóns de noites contratadas o pasado ano en Galicia, segundo o indicador feito público por Eurostat. A cifra, superior aos 4,6 millóns de durmidas no conxunto do ano 2023, amosa o crecemento deste negocio no país e medra en paralelo aos propios indicadores do número de pisos turísticos rexistrados legalmente, que pasaron de 14 mil en xaneiro de 2022 a 24 mil en xuño de 2024, apenas dous anos e medio despois.
A estatística publicada por Eurostat amosa que o número de noites contratadas nos pisos turísticos galegos pasou de 2,4 millóns no ano 2021 a 4,6 millóns no ano 2023, practicamente o dobre.
A cifra galega, sendo moi importante, sitúase aínda lonxe do nivel acadado noutros territorios máis turísticos, nomeadamente na costa mediterránea
A cifra galega, sendo moi importante, sitúase aínda lonxe do nivel acadado noutros territorios máis turísticos, nomeadamente na costa mediterránea de España, Francia, Italia, Croacia, Grecia e Chipre, ademais do Algarve portugués e de cidades como Lisboa ou París.
O número total de noites contratatas en Andalucía, por exemplo, superou os 35 millóns e na costa croata pasou de 32 millóns. A Costa Azul francesa roldou os 25 millóns e Canarias, Cataluña, a rexión de París e a Comunidade Valenciana superaron os 20 millóns.
Entre as 252 rexións que aparecen na estatística de Eurostat, Galicia é a número 42 no número de noites contratadas, o que a converte na sétima comunidade autónoma do Estado español
Con todo, Galicia sitúase moi por riba da media europea en canto á importancia do negocio das vivendas de uso turístico. Entre as 252 rexións que aparecen na estatística de Eurostat, Galicia é a número 42 no número de noites contratadas, o que a converte na sétima comunidade autónoma do Estado español. Ademais, tan só tres rexións portuguesas (a Norte, que inclúe Porto, Lisboa e o Algarve) superan os datos galegos.
Galicia presenta unha grande estacionalidade concentrada no verán, pois agosto e xullo suman 2,3 millóns de noites contratadas, ao redor da metade do total
Galicia é, ademais, un dos territorios que está a rexistrar un crecemento máis importante nos últimos anos, especialmente no ano 2023, cun aumento superior ao que rexistran a maior parte dos territorios da Península Ibérica.
En canto á distribución ao longo do ano do negocio dos pisos turísticos, Galicia presenta unha grande estacionalidade concentrada no verán, pois agosto e xullo suman 2,3 millóns de noites contratadas, ao redor da metade do total. Setembro (450 mil) e xuño (350 mil) son os seguintes meses máis populares, seguidos de abril (300 mil) e outubro e decembro (280 mil en ambos os dous casos). Do resto, tan só maio supera os 200 mil, e xaneiro e febreiro mesmo baixaron de 100 mil.
En Galicia contratáronse 1,7 noites por cada habitante (a media europea está en 1,58 noites). Galicia aparece neste caso no número 69 da lista de 252 rexións, á altura de París, Bruxelas, a Puglia italiana ou a rexión do Loira en Francia
A importancia do negocio dos pisos turísticos en Galicia obsérvase tamén se poñemos en relación o número de noites contratadas o pasado ano coa cifra de habitantes de cada rexión europea. Nese caso, atopamos que en Galicia se contrataron 1,7 noites por cada habitante (a media europea está en 1,58 noites). Galicia aparece neste caso no número 69 da lista de 252 rexións, á altura de París, Bruxelas, a Puglia italiana ou a rexión do Loira en Francia.
A costa croata, as illas gregas do Exeo, o Algarve portugués aparecen neste caso como as rexións con maior saturación, seguidas das illas de Madeira, Creta, Canarias, Córcega, Baleares, Malta ou das rexións do Val de Aosta ou o Tirol nos Alpes.