O presidente admite, ante a decisión da Xunta de contratar un observatorio da sostibilidade do sector, que produce efectos negativos como o das vivendas turísticas, pero remite ao Estado a súa regulación
Tras anuncialo hai dous anos e cancelalo, a Xunta vén de encargar novamente un observatorio da sostibilidade turística para propiciar un "cambio de paradigma" no sector e "pensar novos enfoques". O Goberno galego di buscar unha "transición do sistema turístico de Galicia cara un modelo de maior resiliencia e sostibilidade".
Neste contexto este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado pola cuestión e se pensa que xa se están a vivir en Galicia os impactos negativos do turismo. O presidente desbotouno, malia que a documentación da Xunta admite que a administración carece de datos ao respecto.
Segundo Rueda, "estamos lonxe, polo menos non estamos preto do noso número máximo de turistas". Para o presidente en Galicia hai "marxe" para seguir atraendo turismo xa que "hai moitas opcións na desestacionalización" ou en zonas agora non tan concorridas. "Niso consiste a sostibilidade, en máis ofertas", engadiu Rueda. O presidente tamén apelou a "pensar na calidade dos visitantes aparte da cantidade".
Rueda admitiu que "loxicamente todo o fenómeno turístico está repercutindo" en Galicia, tamén con cuestións que poden ser negativas como "o das vivendas turísticas", que contribúen a restrinxir a oferta de vivenda. Unha afirmación de Rueda que se produce despois de que propietarios de pisos turísticos en Santiago denunciasen sufrir unha campaña de desprestixio.
Porén, sobre a cuestión das vivendas turísticas o presidente da Xunta dixo que lle gustaría que houbese "unha regulación homoxénea a nivel estatal", desviando así a responsabilidade ao Goberno de España.
Hai uns días a propia Xunta divulgaba os resultados dunha enquisa que reflectiría que entre o 10% e o 15% da poboación galega non valora "positivamente" o turismo no seu concello.