Tras aparcalo dous anos a Xunta quere un "cambio de paradigma" no turismo: "Faise urxente pensar novos enfoques"

Turistas na praia das Catedrais CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego retoma a creación dun observatorio da sostibilidade turística que xa sacara a concurso en 2022 co argumento de que "non podemos actuar sobre o que non vemos"

En xuño de 2022, tras anos publicitando que o turismo en Galicia é "sostible", a Xunta convocou un concurso público para encargar a unha empresa un "observatorio de sostibilidade turística". Facíao argumentando que "non podemos actuar sobre o que non vemos" e que era "urxente" e "imprescindible unha análise" da "sostibilidade e resiliencia do turismo" ante a ameaza de "morrer de éxito". Aquela contratación non chegou a ser adxudicada e agora Turismo de Galicia vén de sacar novamente a concurso un contrato similar para o "desenvolvemento dun sistema de observación integral da sostibilidade turística de Galicia". Faino apelando a un "cambio de paradigma" e insistindo, dous anos despois, en que é "urxente pensar novos enfoques".

Obxecto do novo contrato que Turismo de Galicia vén de sacar a concurso tras facelo xa en 2022 e anulalo CC-BY-SA Praza Pública

A documentación coa que a Xunta xustifica o contrato que agora vén de sacar a concurso sinala que "afrontamos un cambio radical no turismo que fai extremadamente necesaria a análise que aquí se formula". "Faise urxente pensar e articular novos enfoques para o futuro do turismo en Galicia", salienta Turismo de Galicia, que di buscar unha "transición do sistema turístico de Galicia cara un modelo de maior resiliencia e sostibilidade".

"Afrontamos un cambio radical no turismo que fai extremadamente necesaria a análise" da súa sostibilidade, di Turismo de Galicia tras anos negando ese tipo de problemas

O servizo que agora contratará a Xunta, por 114.000 euros durante dous anos, inclúe unha análise da pegada ecolóxica do sistema turístico de Galicia e unha "definición de puntos actuais en risco de degradación ou saturación" para o seu seguimento. 

A empresa que resulte contratada tamén deberá deseñar un plan de comunicación "que favoreza o cambio de paradigma, a concienciación da sociedade e a transición cara un modelo de maior sostibilidade e resiliencia". Igualmente, deberá deseñarse un "panel de expertos en sostibilidade".

Campaña do Concello de Santiago polo turismo "consciente" que apela á sostibilidade CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Foto: © Concello de Santiago

Cando o contrato que aínda agora vén de saír a concurso público sexa adxudicado, a empresa gañadora terá un máximo de ano e medio para emitir o diagnóstico de sostibilidade e informar das áreas de risco. Chegará polo tanto ese diagnóstico case catro anos despois de que a propia Xunta considerase "urxente" contar con esa información xa que "non podemos actuar sobre o que non vemos", segundo dicía en 2022.

Cando o concurso convocado hai dous anos foi anulado, Turismo de Galicia respondeu a Praza.gal que o observatorio previsto "inicialmente estaba incluído como un dos obxectivos dun proxecto en colaboración con outras entidades portuguesas" que se desenvolvería "entre 2019-2022". 

E malia que foi licitado contra o final de dito período, en xuño de 2022, ás portas do terceiro verán tras a chegada da COVID-19 e cando o turismo recuperou e mesmo superou as súas cifras de visitantes xerais, gasto ou peregrinos, a Xunta argumentou para xustificar a anulación daquel concurso e a convocatoria dun novo que "a irrupción da pandemia e a situación posterior da mesma fixo necesario redimensionar os obxectivos deste programa" para adaptalo "á nova realidade xurdida despois da pandemia". Facíao malia que o anterior procedemento anulado xa apelaba a analizar a "sostibilidade e resiliencia" do turismo ante "todas as distorsións provocadas pola pandemia da COVID-19".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.