Turismo de Galicia vai "reiniciar un novo procedemento" tras anular o concurso público que convocara en 2022 porque era "urxente" analizar a situación. "Non podemos actuar sobre o que non vemos", dicía daquela.
En xuño de 2022, tras anos publicitando que o turismo en Galicia é "sostible", a Xunta convocou un concurso público para encargar a unha empresa un "observatorio de sostibilidade turística". Facíao argumentando que non "non podemos actuar sobre o que non vemos" e que era "urxente" e "imprescindible unha análise" da "sostibilidade e resiliencia do turismo" ante a ameaza de "morrer de éxito". Aquela contratación non pasou da fase de recepción de ofertas e agora vén de ser anulado polo propio Goberno galego, que vai "reiniciar un novo procedemento" cunha nova licitación dous anos despois da anterior.
O concurso convocado en 2022 prevía destinar ata 114.000 euros para un observatorio da sostibilidade turística de Galicia e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co argumento de que "non existe actualmente un seguimento integral da sostibilidade turística". "Faise urxente pensar e articular novos enfoques para o futuro do turismo de Galicia", dicíase na documentación xustificativa daquel contrato, no que houbo empresas interesadas e a Xunta chegou a responder varias dúbidas que lle formularon durante o tempo en que estivo aberta a recepción de ofertas.
Porén, desde xuño de 2022 aquel procedemento non volveu ter movemento na plataforma de contratación da Xunta e os responsables de contratación de Turismo de Galicia deixaron de responder a cuestións que lles formularon a través da canle habilitada para elas. Ata que hai unhas semanas, o 29 de febreiro deste ano, o concurso pasou a estar cualificado como "anulado/desestimado".
Desde o departamento de comunicación de Turismo de Galicia sinálase que o paso agora dado de anular ou desestimar o concurso anterior está dirixido a "reiniciar un novo procedemento" no que actualmente aínda están a redactarse os pregos de condicións.
O anterior concurso, lanzado no verán da recuperación tras a COVID-19, apelaba a analizar o turismo ante "todas as distorsións provocadas pola pandemia", e agora a Xunta di que o reinicio é para adaptalo "á nova realidade despois da pandemia"
Segundo Turismo de Galicia, o observatorio previsto hai dous anos "inicialmente estaba incluído como un dos obxectivos dun proxecto en colaboración con outras entidades portuguesas" que se desenvolvería "entre 2019-2022". E malia que foi licitado contra o final de dito período, ás portas do terceiro verán tras a chegada da COVID-19 e cando o turismo recuperou e mesmo superou as súas cifras de visitantes xerais, gasto ou peregrinos, agora a Xunta di para xustificar o futuro novo concurso que "a irrupción da pandemia e a situación posterior da mesma fixo necesario redimensionar os obxectivos deste programa" para adaptalo "á nova realidade xurdida despois da pandemia". Faino malia que o anterior procedemento agora anulado xa apelaba a analizar a "sostibilidade e resiliencia" do turismo ante "todas as distorsións provocadas pola pandemia da COVID-19".
Turismo de Galicia engade que a nova contratación dun observatorio de sostibilidade turística que agora quere lanzar "dá continuidade ao traballo que levamos a cabo nos últimos anos a través de distintos plans estratéxicos nos que a sostibilidade é un elemento transversal, con medidas que nos están a axudar a planificarnos. De feito, o Observatorio estará incluído nunha das liñas de acción da Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030 que estamos a ultimar".