O Goberno galego asegura que a futura Estratexia de Turismo de Galicia 2030, cuxa elaboración deixou en mans do clúster do sector, "porá o foco nos residentes e na sustentabilidade"
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou este xoves os resultados da última enquisa realizada a persoas residentes en Galicia sobre a súa percepción do turismo, da que dixo que "revela que entre o 85% e o 90% dos galegos valora positivamente a actividade turística do seu municipio". Isto é, entre o 10% e o 15% non ten unha valoración positiva do turismo, ante o que Merelles asegura que a futura Estratexia de Turismo Galicia 2030 "porá o foco nos residentes".
Merelles fixo estas declaracións nunha das mesas de expertos que se están a celebrar para ultimar a nova estratexia turística galega, documento cuxa elaboración a Xunta volveu privatizar, como xa fixo coas súas estratexias de períodos anteriores, encargándollo ao clúster do sector.
O turismo recibe unha puntuación de 8,2 entre as persoas con relación directa ou indirecta e un 7,6 entre o resto da poboación
Segundo Merelles, a puntuación global que dá a cidadanía galega ao turismo "é un 8,2 entre as persoas con relación directa ou indirecta co turismo e dun 7,6 entre o resto da poboación". Ante estes datos, o director de Turismo de Galicia di querer "seguir tendo un modelo turístico sustentable que reparta territorialmente os beneficios". Para iso, a nova estratexia, asegura, "porá o foco na sustentabilidade integral, tanto medioambiental como económica, sociocultural, en especial sobre a relación entre turistas e residentes".
Máis alá da enquisa á que fai referencia Merelles, a Xunta iniciara en 2020 o proceso para contratar un observatorio da sustentabilidade turística ante a ameaza de "morrer de éxito". Porén, aquela contratación non pasou da fase de recepción de ofertas e o concurso vén de ser anulado hai dous meses polo propio Goberno galego, que agora vai "reiniciar un novo procedemento" cunha nova licitación dous anos despois da anterior.