Nos últimos anos Santiago de Compostela abriu o debate en Galicia da aplicación dunha taxa turística que axude a soster os maiores gastos en servizos públicos xerados pola presenza de milleiros de visitantes que elevan a poboación da cidade durante boa parte do ano, especialmente no verán. A taxa turística vén sendo reclamada polo pleno municipal e polo Goberno local dende o ano 2017 e está avalada por expertos. Porén, a Xunta -que ten as competencias para a aplicación desta ferramenta- vén negándose á súa aprobación.
O alcalde do Grove lembra que leva "anos" solicitando a implantación dunha taxa para "crear novos ingresos que axuden ao financiamento dos concellos para recibir da mellor maneira ao turista”
En toda Europa cóntanse por centos as cidades e zonas turísticas que implantaron dende hai tempo esta taxa, de contías reducidas, e no Estado español hai tempo que as Illas Baleares, a cidade de Barcelona e posteriormente toda Catalunya a aplican.
Agora o concello do Grove vén sumarse ao debate a través do seu alcalde, o socialista José Cacabelos, que este venres lembrou que leva "anos" solicitando a implantación dunha taxa turística. O rexedor explica que non relaciona esta taxa "coa turismofobia ou a masificación", senón que para el o máis importante é "crear novos ingresos que axuden ao financiamento dos concellos para recibir da mellor maneira ao turista”.
O Grove triplica no verán o consumo de auga e a cantidade de residuos recollidos
Cacabelos instou a outros concellos da zona, á FEGAMP e á propia Xunta de Galicia a iniciar un debate sobre este asunto, de cara a aplicar algún tipo de taxa que axude a soster economicamente este maior gasto xerado durante os meses de verán. “Necesitamos falar da taxa turística, precisamos que se abra unha mesa onde esteamos os concellos cunha certa relevancia turística e comezar a falar seriamente desta cuestión”, afirmou.
“Necesitamos falar da taxa turística, precisamos que se abra unha mesa onde esteamos os concellos cunha certa relevancia turística e comezar a falar seriamente desta cuestión”, afirmou o rexedor socialista
O Grove, como moitas outras localidades do litoral galego, especialmente nas Rías Baixas, recibe todos os veráns milleiros de turistas que incrementan notablemente o número de persoas que residen no concello e empregan os seus servizos públicos. Sanxenxo, Poio, A Pobra do Caramiñal, Bueu ou Cangas serían outros exemplos claros desta maior poboación temporal.
No Grove, durante o verán, triplícase o consumo de auga e tamén a cantidade de residuos recollidos. O rexedor explica, por exemplo, que durante os meses de verán no Grove "precisamos contratar entre setenta e noventa personas máis para poder ofrecer uns bos servizos", traballadores que serven para reforzar o servizo de limpeza das rúas, a Policía Local, o mantemento das praias e a contratación de socorristas para os areais (O Grove conta con 25 praias) ou o coidado de praias e xardíns.
O alcalde lembra que todos os veráns se contrata persoal para reforzar a limpeza da vila, a Policía local ou o mantemento das praias .“Todo isto está a ser financiado polos veciños do Grove", di
“Todo isto está a ser financiado polos veciños do Grove", afirma Cacabelos, que engade que "os visitantes deixan moito diñeiro no sector privado, pero é o sector público o encargado de acometer todas as accións para recibir aos turista". Por este motivo o rexedor valoraría como adecuada a aplicación dunha taxa turística "de 1 ou 2 euros por pernocta", uns cartos que se dedicarían "ao turismo, a mellorar as infraestruturas turísticas e recibir da mellor maneira as persoas que nos visitan”.
O pasado ano o Concello do Grove deu a coñecer un informe no que destacaba que ao longo do ano ao redor de 100 mil pernoctaran na localidade
O pasado ano o Concello do Grove deu a coñecer un informe no que destacaba que ao longo do ano recibía preto dun millón de visitantes, máis de 300 mil só en outubro, coincidindo coa súa Festa do Marisco. Ao redor de 100 mil pernoctaran na localidade, o que levaba o Concello a calcular que, de aplicar unha taxa turística, esta permitiría contar con ao redor de 250.000 euros adicionais para o financiamento de servizos municipais.