O goberno local de BNG e Compostela Aberta queren aumentar a participación cidadá e "que a poboación recupere o orgullo de capital", en verbas da alcaldesa, Goretti Sanmartín, que non teme efectos do 18F
O goberno local de Santiago, conformado por BNG e Compostela Aberta, expuxo este luns as súas prioridades e liñas de acción para este 2024 que agora comeza, un ano no que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, quere ter en marcha a renovación da concesión do transporte urbano, adiada desde hai unha década, e a taxa turística. O executivo local quere aumentar a participación cidadá e "que a poboación recupere o orgullo de capital", en verbas da rexedora. Uns retos que fixa tras lograr hai uns días un acordo co PSdeG para a aprobación dos orzamentos municipais deste ano.
Ademais da súa intención de "axilizar a administración municipal", que admite que "vai levar tempo", a rexedora asegurou que 2024 "ten que ser o ano no que avanzar no proceso de renovar a flota de autobuses e aumentar as liñas e frecuencias" con "ese contrato de transporte xa en marcha", en referencia a unha concesión que sucesivos gobernos locais veñen prorrogando desde hai unha década á espera dun novo concurso público. A rexedora tamén dixo que "a taxa turística ten que ser unha realidade en 2024".
Goretti Sanmartín tamén amosou a súa intención de "ter a folla de ruta" tamén este ano para unha reurbanización do eixo de rúas entre a Praza de Galicia e San Caetano, vías estreitas e moi concorridas polas que pasa aínda un importante volume de tráfico. A medio prazo tamén se marca como obxectivos ampliar o parque de vivenda pública "con compra e rehabilitación de inmobles para alugueiro" ou mellorar o saneamento e a "discriminación histórica do rural".
"Santiago ten que exercer como capital comarcal tamén, non só do país", di a rexedora
A alcaldesa foi preguntada polo papel comarcal de Santiago e os servizos compartidos cos concellos da súa contorna, ante o que respondeu que "Santiago ten que exercer como capital comarcal tamén, non só do país, e no transporte xa estamos a facelo". Porén, remitiu a unha próxima reunión cos concellos veciños tras as eleccións galegas do 18 de febreiro.
Ante eses comicios, a alcaldesa foi preguntada tamén por posibles cambios na composición do goberno municipal se concelleiros ou concelleiras fosen nas listas electorais ou seu houbese un goberno galego de esquerdas que requirise altos cargos saídos do Concello de Santiago. Sanmartín desbotou pronunciarse sobre esas posibilidades asegurando que segue "xogando partida a partida". "Imos seguir traballando, non nos van parar as eleccións nin outras cousas", dixo, para salientar o "compromiso ao cen por cen das oito persoas que estamos no goberno neste momento". "Preocúpame moi pouco" o 18F, sentenciou.
Pola súa banda, a tenente de alcalde, María Rozas, de Compostela Aberta, ratificou como retos do goberno de coalición "a mobilidade, a vivenda, o turismo sostible ou os servizos públicos de calidade". En xeral, proclamou, facer de Compostela "un bo lugar para vivir, un Santiago para as familias".