Rueda comprometeuse a autorizar a aplicación dunha taxa turística para Santiago, aínda que cunha serie de condicións, como que o imposto sexa recadado polo Concello e que se acade un "consenso" co sector
Os problemas xerados en Compostela ola masificación turística semella que comezan a mover os marcos cos que ata agora o Goberno galego analizaba a cuestión, abríndose á adopción de medidas que levan anos sendo demandadas por expertos e polas fozas da oposición.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantiveron na tarde deste luns unha xuntanza na sede da Presidencia da Xunta. Un encontro, o primeiro dende que a nacionalista accedeu á Alcaldía da capital de Galicia, na que Rueda se comprometeu a autorizar a aplicación dunha taxa turística para Santiago, aínda que cunha serie de condicións.
Trátase dun cambio de posición por parte do Goberno galego, que nos últimos anos sempre se opuxera á aplicación desta medida para compensar os gastos derivados da forte implantación e presión do sector na capital galega, unha medida avalada por informes de expertos e demandada dende o 2015 polos gobernos municipais dirixidos por Compostela Aberta, PSdeG e, agora, polo BNG. O pleno municipal compostelán tamén aprobara (cos votos a favor de todos os partidos, agás do PP, que se abstivo) unha moción instando á Xunta a autorizar a taxa turística, pero a iniciativa non fora aceptada polo Goberno galego.
O propio Alfonso Rueda cualificara én 2017 de "contraproducente" a posible aplicación da taxa turística, en resposta á presentación dun estudo elaborado polo catedrático de Economía Aplicada da USC Luis Caramés
O propio Alfonso Rueda -na súa condición de vicepresidente da Xunta- cualificara en 2017 de "contraproducente" a posible aplicación da taxa turística, en resposta á presentación dun estudo elaborado polo catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago Luis Caramés que avalaba a viabilidade da medida na cidade.
Na xuntanza deste luns, en cambio, "houbo receptividade por parte do presidente da Xunta" ante a proposta do Goberno local compostelán, sinalan dende o Concello. Rueda confirmou á rexedora a autorización da taxa turística a través dunha habilitación especial para que Santiago a poida implantar, en base ao estudo realizado polo catedrático da USC García Novoa e á proposta de Proxecto de lei presentado polo Concello no marco do plan de turismo sustentable.
A taxa aplicaríase en base ao estudo realizado polo catedrático da USC García Novoa e á proposta de Proxecto de lei presentado polo Concello no marco do plan de turismo sustentable
Goretti Sanmartín agradeceu a colaboración do presidente da Xunta neste punto e anunciou que o próximo paso será "acabar de concretar como se fará dende o punto de vista técnico".
Dende a Xunta puntualizan, iso si, que a autorización da taxa turística dependerá de que se chegue "a un consenso co sector" e de que sexa o concello da capital o encargado de recadar este imposto. Ademais, o Goberno galego subliña que a medida só se aplicaría en Compostela, descartando a súa extensión a outras cidades ou zonas turísticas.
A Xunta pide realizar "un estudo rigoroso" sobre os fluxos turísticos que rexistra a capital galega e que xustifiquen a posta en marcha desta taxa
Rueda sinalou que a decisión de implantar unha taxa turística nunha cidade como Santiago ten que “estar moi argumentada”. Por iso, entre os outros requisitos para que a Xunta inicie a tramitación necesaria para aplicar este novo imposto está realizar "un estudo rigoroso" sobre os fluxos turísticos que rexistra a capital galega e que xustifiquen a posta en marcha desta taxa. “Hai que ter datos obxectivos sobre a taxa media de ocupación en Santiago durante todo o ano, a afluencia turística ou as repercusións que ten no día a día dos residentes na cidade“, indicou.
A Xunta di que a recadación do imposto deberá ser investida en “finalidades turísticas para impactar nas zonas que poidan estar máis afectadas” pola afluencia de viaxeiros
Xunta e Concello acordaron que este estudo poderá realizarse ao abeiro do Plan de Sustentabilidade Turística de Santiago, dotado con 3 millóns de euros e que se vai prorrogar pola súa baixa execución. O Goberno galego afirma que a recadación íntegra do imposto deberá ser investida en “finalidades turísticas para impactar nas zonas que poidan estar máis afectadas” pola afluencia de viaxeiros.