Caballero oponse "frontalmente" a "calquera taxa turística nas Cíes ou na cidade"

Imaxe das illas Cíes nun pasado verán CC-BY-SA Praza Pública

"Era o que faltaba, que desde o Concello traiamos xente á cidade e que cando vaian ás Cíes a Xunta lles cobre", di o rexedor sobre a enquisa do parque sobre un "suplemento" para mellorar a recuperación de flora e fauna

Tras avanzar Praza.gal este martes que o Parque Nacional das Illas Atlánticas, xestionado pola Xunta, está a facer enquisas aos visitantes sobre o posible cobro dun "suplemento" de ata 5 euros para recuperar flora e fauna, este mércores pronunciouse ao respecto o alcalde de Vigo, Abel Caballero, en cuxo termo municipal están as illas Cíes, principal atractivo do parque. O rexedor vigués oponse "frontalmente" ao que cualifica como "taxa turística" e culpa á Xunta do posible cobro da mesma se chega a implantarse nun futuro.

Abel Caballero nunha imaxe dun acto sobre as illas Cíes do pasado marzo © Concello de Vigo

"Entendo que esa enquisa é soamente informativa, a efectos de facer unha valoración do que significa o medio ambiente", dixo Caballero, que a continuación engadiu que "se é unha enquisa para unha taxa, que saiban que o Concello de Vigo oponse frontalmente a calquera taxa turística na cidade e a calquera taxa turística nas illas Cíes".

"Era o que faltaba, que traiamos a xente desde o Concello á cidade e que cando vaian ás Cíes a Xunta lles cobre", dixo o rexedor socialista, quen lembra sobre o posible suplemente que "se é para as Cíes, o parque o xestiona a Xunta".

"Queremos que o turismo signifique xente que vén e capacidade de emprego e de vida económica no sector turístico", di o rexedor, que rexeita calquera taxa turística

O alcalde vigués rexeita en xeral calquera taxa turística, tras reabrirse o debate sobre as mesmas logo de que o novo goberno municipal de Santiago veña de enviar á Xunta unha proposta para a capital galega. Pola contra, en Vigo "queremos que o turismo signifique xente que vén e capacidade de emprego e de vida económica no sector turístico", di o seu rexedor. "Que saiban con toda claridade, oposición frontal a ningunha taxa para ir ás illas Cíes", sentenciou.

A Xunta insiste en que non está en estudo o cobro xa que a lexislación non o permitiría, o que contrasta co contido da enquisa que propón o cobro "a tódolos visitantes"

Pola súa banda, desde a Xunta insístese en que non está en estudo o cobro por acceder ao parque, ante o que esgrimen que a lexislación estatal non o permitiría. Un argumento que contrasta co contido da enquisa, no que se defende o cobro do suplemento "a tódolos visitantes do Parque Nacional". Fontes do goberno galego tamén din que enquisas similares foron realizadas noutros parques nacionais tamén a iniciativa do CSIC, e que en todo caso o seu enfoque, como avanzou Praza.gal, é o de implicar á cidadanía na conservación destes espazos protexidos.

Enquisa sobre o posible cobro a visitantes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.