5 euros por visitar as Illas Atlánticas? O parque consulta a posibilidade de cobrar para recuperar flora e fauna

Praia de Rodas nas illas Cíes este verán CC-BY-SA Praza Pública

O parque, dependente da Xunta, e o CSIC fan unha enquisa na que formulan varios escenarios de recuperación de gaivotas ou eliminación de eucaliptos e acacias en función do cobro dun "suplemento" que se mantería 5 anos

O Parque Nacional das Illas Atlánticas, cuxa xestión depende da Xunta, está a facer enquisas aos seus visitantes nas que formula a posibilidade de cobrar 5 ou 2,5 euros "a tódolos visitantes" durante 5 anos para financiar diversos programas de recuperación de flora e fauna. As enquisas presentan "varios programas de actuación deseñados polo Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), onde se propoñen diferentes actuacións e o suplemento que deberían asumir os visitantes para que tales actuacións se puidesen desenvolver". 

Malia que os científicos consideran que sería un xeito adecuado de mellorar a xestión do parque, a Xunta asegura que o "estudo" só busca facer reflexionar á sociedade e que "non se está a estudar a implantación de ningún suplemento".

Enquisa sobre o posible cobro a visitantes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas CC-BY-SA Praza Pública

Actualmente as visitas ás illas do parque non teñen custo en si mesmas, só requiren dunha autorización para controlar a capacidade máxima, pero si ten custo o desprazamento ata elas, sexa a través das varias navieiras que ofrecen billetes entre 15 e 30 euros segundo orixe e destino ou sexa a través de embarcacións privadas. 

A enquisa combina "medidas moderadas" ou "intensas" cun "suplemento" de 2,5 ou 5 euros en función das preferencias dos visitantes

Segundo se explica na enquisa, "tendo en conta as medidas de xestión que propón o Parque Nacional, os científicos do CSIC desenvolveron diferentes programas de actuación, e concluíron que incrementar o orzamento do Parque Nacional facilitaría a aplicación desas medidas". Por iso, proponse o cobro dun suplemento temporal que "desaparecería aos 5 anos, pois é o tempo estimado para impulsar esas actividades de xestión". Un suplemento que se cobraría tanto a quen accede ás illas pagando un billete ás navieiras como a "aqueles que piden autorización para fondear en embarcacións privadas".

A enquisa pregunta polo coñecemento que os visitantes teñen de flora e fauna das illas e céntrase na gaivota patiamarela, o eucalipto e a acacia. Sobre as primeiras indícase que o seu declive -en 20 anos pasaron de 30.000 a 6.000 parellas reprodutoras- pode ser enfrontado con "medidas moderadas" que o deteñan, "medidas máis intensas" que permitan aumentar a poboación ou sen facer nada, o que continuaría co declive. 

Canto ás árbores "non propias" de Galicia, formúlase a posibilidade de eliminalas todas, eliminar a metade ou non eliminalas. E á súa vez, onde se eliminen esas árbores, e tras lembrar que a mediados do século pasado as illas só presentaban unha vexetación de mato e monte baixo, pregúntase pola preferencia futura: "plantar árbores propias de Galiza, aínda que non existisen a mediados do século pasado", "promover o mato e vexetación baixa" que había antes ou manter "as árbores non propias de Galiza".

A Xunta di que a enquisa só "busca que a sociedade reflexione" e asegura que "non se está a estudar a implantación de ningún suplemento por acceder ao parque"

A parte final da enquisa consiste nunha combinación das diversas posibilidades anteriores con suplementos de 5 ou 2,5 euros, ou sen ningún cobro adicional no caso de que non se queira acometer ningún programa de recuperación de flora e fauna. 

Praza.gal preguntou á Consellería de Medio Ambiente cando se coñecerá a decisión que se poida tomar sobre a implantación ou non do "suplemento", cal será o grao de importancia da enquisa sobre a decisión final e se a Xunta contempla a posibilidade de achegar recursos dos seus orzamentos para acometer as medidas propostas polos científicos sen ter que cobrar aos visitantes. 

Rueda e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha visita á illa de Ons o pasado verán CC-BY-SA Praza Pública

A resposta da Xunta é que "non é a primeira vez que se fai unha enquisa" no parque "tanto por parte das universidades galegas, do organismo autónomo de Parques Nacionales ou incluso por parte do propio parque con preguntas sobre a valoración económica do medio natural, o seu uso público, procedencia, etc". A consellería di que "neste caso, a enquisa realízaa o CSIC en colaboración co parque", obviando que leva o seu logotipo e é presentada como unha enquisa "da Xunta de Galicia".

Actualmente o acceso ao parque é gratuíto e o custo dos billetes das navieiras que ofrecen viaxes ás illas do parque varía en función da orixe e o destino aproximadamente entre os 15 e os 30 euros

Medio Ambiente asegura que se trata "simplemente dun estudo dun centro de investigación, que busca que a sociedade reflexione sobre a protección do medio natural". "Non se está a estudar a implantación de ningún suplemento por acceder ao parque", asegura a Xunta.

Actualmente o acceso ao parque é gratuíto e o custo dos billetes das navieiras que ofrecen viaxes ás illas do parque varía en función da orixe e o destino aproximadamente entre os 15 e os 30 euros. Por exemplo, Mar de Ons informa na súa web de billetes a 25 euros por ida e volta de adultos en temporada alta entre Vigo, Cangas ou Baiona e Cíes, 15 euros de Bueu a Ons, ou 18,50 de Sanxenxo a Ons. E Piratas de Nabia anuncia billetes a Cíes desde Vigo ou Cangas "desde 27 euros" ou a Ons desde Bueu ou Vigo "desde 16 euros". Sempre que se obteña o permiso pertinente do Parque Nacional, tamén se pode acceder ás illas a través de embarcacións privadas, ás que igualmente se cobraría o suplemento de 5 ou 2,5 euros agora proposto na enquisa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.