A Xunta dixo "querer máis" turistas nas Illas Atlánticas ante incrementos por riba do 100%

Vista das Illas Cíes © Turgalicia

"O 2016 foi un ano récord para o arquipélago das Illas Atlánticas, pero queremos máis". Nos primeiros días do pasado febreiro a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, resumía deste xeito durante un acto na illa de Sálvora a aposta estratéxica do seu departamento para o Parque Nacional das Illas Atlánticas, "que no pasado exercicio sobrepasou a barreira dos 400.000 visitantes". Facíao apenas dúas semanas despois de presentar na Feira Interacional de Turismo (Fitur) de Madrid as principais liñas do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, un proxecto no que o Goberno galego aposta abertamente por ligar o turismo a espazos naturais protexidos.

O escándalo pola venda de billetes fraudulentos por parte das navieiras que viaxan ás Illas Cíes e a consecuente masificación do arquipélago vigués devolve ao primeiro plano da actualidade unha declaración de intencións do departamento de Medio Ambiente do Goberno galego que, da man da Axencia Turismo de Galicia, se producía mentres a propia Administración levaba anos a gabarse de incrementos no número de turistas superiores ao 100%.

Mato gabouse a pasada primavera de que en 2016 as Illas Atlánticas "sobrepasaron a barreira dos 400.000 visitantes" e apostou por superar ese "récord"

Así, por exemplo, en 2015 dende a Xunta admitíase que no primeiro semestre dese ano pasaran polas Cíes máis de 75.000 persoas, mentres que apenas tres anos antes eran pouco máis de 37.000. Ao tempo, dende Turismo de Galicia viñéronse facendo públicos balances que avanzaban a superación do límite establecido para a conservación desta privilexiada contorna natural, fixado en 2.200 visitantes máis 800 campistas. Foi o caso do verán de 2013, cando a responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, revelaba que só a través das navieiras que viaxan a Cíes viaxaran durante o mes de agosto 92.429 pasaxeiros, unha media de máis de 3.000 ao día segundo as propias cifras oficiais.

Os indicios de masificación chegaron tamén neste 2017 tras o balance realizado por Medio Ambiente a respecto da afluencia do turismo ao Parque das Illas Atlánticas durante a Semana Santa. Nese período vacacional -este ano estendeuse do 10 ao 16 de abril- visitaron as Cíes, segundo datos da dirección xeral de Patrimonio Natural, algo máis de 13.800 persoas, un incremento de máis de 7.000 con relación á Semana Santa do ano anterior, isto é, un 110% máis. No conxunto do Parque o incremento estivo por riba do 120%, segundo a mesma fonte.

Os datos da Semana Santa foron, precisamente, algúns dos esgrimidos por Mato a pasada primavera durante a presentación do controvertido proxecto da Xunta para fiar a candidaturas das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade, confeccionado á marxe da procura do galardón que o Concello de Vigo realiza concentrándose só nas Cíes. "Este espazo natural foi visitado por máis de 400.000 persoas durante o pasado ano" e "na última Semana Santa a afluencia ás catro illas incrementouse nun 122%", dixo daquela a conselleira, quen non obstante considerou que se trata "dun turismo que crece" pero "sempre dende un punto de vista sustentable". "Seguiremos coidando desta xoia e seguirémola proxectando ao mundo", prometera.

Espera polo Plan Reitor e alertas ecoloxistas

Embarcación nas Cíes o pasado 18 de agosto, un dos días das denuncias por venda excesiva de pasaxes / Praza Pública

A Xunta admitiu en 2009 que o Plan Reitor é a "norma básica fundamental para a xestión do Parque", pero segue sen ser aprobado

O enfoque turístico das Cíes en particular e do conxunto das Illas Atlánticas en xeral -esta mesma semana Mato gabouse de que os 9.469 visitantes recibidos por Sálvora o pasado xullo supoñen un incremento do 56% con relación ao mesmo mes do ano anterior- prodúcense mentres o Parque Natural segue a agardar pola aprobación dun Plan Reitor de Uso e Xestión, un documento ao que o propio goberno outorgou en 2009 o carácter de "norma básica fundamental para a xestión do Parque". Nese plan, segundo o avanzado polo propio Executivo, ficarán establecidas os eventuais límites diarios de visitas a illas que aínda non os teñen, caso das Ons, a onde están a ser desviados estes días parte dos visitantes que non poden viaxar a Cíes polo escándalo das navieiras.

A Federación Ecoloxista Galega advertiu en 2016 de que as navieiras "duplican a diario a cota máxima" de visitantes

Algúns destes aspectos foron xa advertidos nos últimos anos por organizacións ambientalistas como a Federación Ecoloxista Galega, que a comezos de 2016, tras negarse Mato a revisar os cupos diarios de visitas ás Cíes, lamentaba que a Consellería "pensase cifras para satisfacer os intereses de navieiras e hostaleiros", pero "non para garantir a conservación e sustentabilidade do parque". "As navieiras -advertía en febreiro dese ano a FEG- duplican a diario a cota máxima, sendo o habitual que accedan máis de 5.000 ou 6.000 persoas", o que a xuízo desta organización amosaba xa daquela que "a Xunta apostou non só por ser cómplice, senón por agravar o problema".

Episodios como a masificación das Cíes, sinalaba a FEG, amosaban ás claras o risco de que o Parque das Illas Atlánticas tornase cada verán "nun parque de atraccións masificado e ruidoso" no que a propia Administración "pon os medios para que se acaden cifras disparatadas de turistas". "Dende varias Administracións estase a promover, coa praia de Rodas como bandeira, un lugar paradisíaco" como destino "de turismo de praia" mentres "non existe unha mínima preocupación por, por exemplo, a redución á metade de colonias de aves mariñas dende a transferencia da xestión do parque á Xunta" ou porque "o corvo mariño cristado enfile xa o camiño da extinción no Parque, como antes lle ocorrera ao arao".

Presentación de Beatriz Mato en Fitur, o pasado xaneiro © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.