0 Gardados para despois

Sospeitas sobre a venda de billetes irregulares acrecentan o conflito pola masificación das Cíes

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Chegaron a reimprimir billetes que xa foran vendidos na web e a duplicar números de DNI". Quen fala é unha persoa con máis dunha década de experiencia a traballar nas Illas Cíes e que, en conversa con Praza.gal, ofrece en primeira persoa o testemuño do crecemento exponencial do turismo á área máis visitada do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero tamén do escaso rigor co que ata a pasada fin de semana foron abordados os reiterados quebrantamentos do límite diario de 2.200 visitantes sumados a 800 campistas. A Xunta e agora tamén unha das navieiras implicadas admiten a masificación e o conflito derivado, acrecentado polas sospeitas de venda de billetes irregulares.

O transporte ás Cíes é prestado dende a liberalización do servizo por varias navieiras pero a venda de billetes centralízase, en última instancia, nun único sistema informático. Unha central de reservas da Xunta que informa de se foi acadado ou non o límite diario, en cuxo caso xa non é posible emitir máis billetes válidos, plenamente legais. Deste xeito, explican as fontes consultadas por este diario, para expedir pasaxes por riba do límite cómpre incorrer en irregularidades como as devanditas reimpresións para, por exemplo, vender nas xanelas das estacións máritimas de Vigo, Cangas e Baiona billetes que xa foran mercados en internet.

"Chegaron a reimprimir billetes que xa foran vendidos na web e a duplicar números de DNI", din fontes consultadas por Praza.gal

Así e todo, a comprobación do número de pasaxeiros embarcados non se produce en orixe, senón en destino. Os gardas do parque "contabilizan cun contador" nos embarcadoiros canta xente está a chegar e "cando detectan que se sobrepasa, notifícano a Parques Nacionais" e, daquela, tamén á Xunta, sinala a mesma testemuña. "Isto pasa moitas veces durante o verán" e destes avisos derivaron expedientes e sancións que non impediron que as navieiras teimasen na mesma conduta. Na práctica todos os billetes, regulares ou non, daban acceso ás illas. "O outro día -en referencia ao pasado domingo, 20 de agosto- foi a primeira vez que se dixo 'aquí non entra ninguén máis"

Por que agora?

Mato e Rey Varela, este 22 de agosto en Sálvora / Xunta

Neste contexto, entre o persoal do parque e tamén no Concello de Vigo xorde unha pregunta: por que a "contundencia" dos últimos días non foi posta en práctica ata agora por parte da Xunta? "Este ano Parques ve que hai moita xente que se queixa de masificación", explican as fontes consultadas, "foi moito máis descarado" que en anos anteriores. As queixas, confirman a Praza.gal dende a illa, mesmo chegaron tamén ao único camping de Cíes, onde o sistema de control é diferente e o número de persoas acampadas é, alén da xestión informática, "recontado e asinado cada día" por responsables do Parque.

Beatriz Mato asume agora a posibilidade de que as navieiras falsificasen pasaxes e di non desbotar acudir á Fiscalía

Mentres, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, asume a posibilidade de que parte das visitas estivesen a chegar grazas á venda iregular de billetes sen "o cuño" oficial, indicou durante este martes durante unha visita a Sálvora, que tamén forma parte do parque e onde a propia conselleira se gabou dun incremento do 56% das visitas ata o pasado xullo. O Goberno, asegura Mato, mesmo valora agora a posibilidade de elevar á Fiscalía as eventuais falsificacións de billetes e faino mentres ultima sancións "exemplarizantes" ás navieiras denunciadas.

Unha das navieiras admite xa a sobrevenda e outra limítase a pedir que se reserven biletes "con tempo"

Precisamente unha destas empresas, Piratas de Nabia, daba este martes en atender os medios de comunicación na estación marítima viguesa a través da súa voceira, Luisa Leyenda, que admitiu a sobrevenda e a presentou como unha práctica habitual dos últimos anos que non pode "negar". Polo momento, explicou, esta compañía decidiu suspender as viaxes a Cíes mentres reclama "información" da Consellería "a ver se nos din xa: esta é a sanción; orde, información", pediu. Outra das navieiras, Mar de Ons, optou por difundir un comunicado no que presenta as Cíes como "parada obrigatoria do turismo galego", nega a "masificación" e anima a "reservar os billetes con tempo porque, sen dúbida, paga a pena".

"Non fixeron nada durante anos"

Caballero acusa a Xunta de "danar os cidadáns e que foron enganados polas empresas" e "desentenderse do problema" ata agora 

Entre o persoal dos servizos da illa obsérvase vontade de dar "un golpe de efecto" por parte da Xunta e o goberno local de Vigo secunda tamén a tese. "Atrévome a dicir que durante anos non fixeron nada, amosando unha absoluta incapacidade e desentendéndose do problema", acusou este martes o alcalde vigués, Abel Caballero, dende cuxo punto de vista a Administración galega contribuíu a "danar os cidadáns que foron enganados polas empresas" ata "xerar un caos total" e prexudicar a "imaxe" do arquipélago.

O Goberno galego, advirte Caballero, debe ser o encargado de garantir que "se cumpra a limitación de visitantes" como "nos campos de fútbol ou en calquera" evento. "O sistema está inventado" e non pasa por "prohibir desembarcar" nun momento puntual", senón por "adoptar medidas antes para evitar que isto suceda", sentencia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.