0 Gardados para despois

Xunta, PP e Concello de Vigo enléanse cos lindes da candidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No outono de 2013 o Concello de Vigo anunciaba a súa intención de promover a declaración das Illas Cíes como ben natural patrimonio da humanidade por parte da Unesco, a axencia da ONU encargada de outorgar esta distinción. A partir do ano seguinte o consistorio vigués desenvolveu diversas campañas de promoción do arquipélago, un traballo de "concienciación cidadá" que, en verbas de Abel Caballero, culminou cun "éxito atronador" e un "apoio social sen precedentes" á candidatura, cuxa tramitación formal ante os gobernos galego e español anunciou o pasado outono para este 2017.

Con este pano de fondo o pasado día 22 a Xunta anunciaba nunha presentación en Vigo que viña de "iniciar os trámites" ante o Ministerio de Cultura para que opten á distinción como ben mundial non só as Cíes, senón o conxunto do Parque das Illas Atlánticas. O movemento do gabinete de Alberto Núñez Feijóo foi lido no goberno vigués como un "desprezo absoluto", dando lugar a enésima guerra entre ambas institucións, desta volta con danos colaterais no PP da cidade e a conta dun asunto, os lindes das illas, que adoita ser variable nestes proxectos.

Como admitiu o propio Caballero o pasado luns, o proceso de presentación de candidaturas ante a Unesco "está regulado". "A Xunta -resumiu- ten que tramitar a candidatura ante o Ministerio, que a proporá para a lista indicativa", unha primeira peneira en cuxa listaxe de agarda figuran actualmente 30 proxectos do Estado español, dous deles galegos -a Ribeira Sacra e Ferrol da Ilustración-. Así as cousas, non existe ningunha posibilidade para que as Cíes, soas ou acompañadas, obteñan o recoñecemento se non é pola vía da actuación común de Xunta e Concello. Así e todo, ambas institucións veñen optando por defenderen cadanseus proxectos.

A presentación da candidatura da Xunta, que abrangue todo o Parque das Illas Atlánticas, foi lida no Concello como un "desprezo" ao seu traballo a prol das Cíes

Neste escenario de enfrontamento, coa Xunta instando o Concello a "sumarse" á candidatura de todo o parque e o consistorio esixindo que o Goberno galego "retire a súa proposta e se sume á municipal, a única posible", xurdiu o dano colateral para o PP vigués. Segundo a súa líder, Elena Muñoz, o que cómpre é unha terceira vía, a "reformulación" da candidatura xa enviada pola Xunta ao Goberno de España para "outorgar ás Illas Cíes o liderado indiscutible" por seren a "xoia da coroa do Parque Nacional". Esa nova proposta, di a ex-conselleira de Facenda, debería denominarse "Illas Cíes Patrimonio da Humanidade" cunha referencia en "segundo nivel para o Parque Nacional Illas Atlánticas".

O PP vigués desmarcouse do plan do Goberno galego e aposta por unha terceira vía

A candidatura formulada pola Xunta, di Muñoz, é "sen dúbida, mellorable" e por iso, segundo dixo en rolda de prensa, se dirixiu por carta aos conselleiros de Medio Ambiente e Cultura, Beatriz Mato e Román Rodríguez, para pedirlles que introduzan estes cambios. As Cíes serían as que "encabezasen" a candidatura, pero sen excluír Ons, Cortegada e Sálvora. Ou, o que é o mesmo, estendendo os lindes da eventual declaración de Patrimonio da Humanidade ata Bueu, Vilagarcía e Ribeira.

Un proceso cambiante e prolongado durante anos

Os trámites para a declaración da Muralla de Lugo ou da Torre de Hércules prolongáronse durante case unha década

A lea entre Xunta, PP e Concello a conta da delimitación da candidatura obvia, non obstante, un elemento substancial. Se ben é certo que os manuais da Unesco para a preparación das candidaturas presentan como "esencial" a delimitación dos bens candidatos, que deben contar con "límites robustos", non o é menos que eses lindes adoitan ir mudando durante o proceso de tramitación, que se prolonga durante anos. Mostra disto son, por exemplo, bens galegos xa incluídos na listaxe da Unesco como a coruñesa Torre de Hércules, cun proceso de máis de 8 anos, ou xusto antes a Muralla de Lugo, elixida no 2000 como culminación a un proceso que se estendeu durante practicamente toda a década dos anos 90 do século pasado.

Os límites do ben aspirante adoitan mudar durante a tramitación da súa candidatura ante a Unesco

Tanto o monumento lucense como o coruñés tiveron que establecer os límites da súa candidatura con dous criterios: a zona central e a coñecida como zona de amortecemento, unha contorna que non é considerada ben mundial pero que a Unesco ten en conta como franxa de protección do edificio ou territorio que si é patrimonio da humanidade. Así, por exemplo, a declaración final da Muralla contempla unha zona central de 1,7 hectáreas e unha contorna de amortecemento que abrangue case 60. Paradoxalmente, a declaración do faro coruñés é meirande, de 233 hectáreas, con case 2.000 máis de contorna protectora.

Estas delimitacións, aínda que teñen que figurar na proposta inicial, adoitan experimentar correccións e modificacións técnicas tanto cando chegan á Xunta como ao pasar a peneira estatal e mesmo durante o proceso de análise por parte da Unesco, que en ocasións esixe límites determinados distintos dos propostos pola candidatura. Así as cousas, a lea entre Xunta e Concello vigués céntrase nun aspecto que, vistos os precedentes, ten moitas posibilidades de ser modificado durante os vindeiros anos con independencia de cal sexa a formulación que gañe a partida, a das Cíes como únicas candidatas ou a do resto das Illas Atlánticas como acompañantes.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.