Esta fin de semana celébranse na Illa de Ons as festas de San Xoaquín. Está a haber dificultades no acceso para as familias e amizades dos e das residentes
Esta fin de semana, de venres a domingo, celébranse na Illa de Ons as festas de San Xoaquín, patrón da localidade. Habitualmente os veciños e veciñas do lugar reciben nestas datas numerosas visitas de familiares de todo tipo, antigos residentes e amigos. Porén, nesta ocasión as restricións fixadas pola Xunta hai uns meses están dificultando o seu acceso, ao estar cuberto para todas estas datas o cupo de visitantes. O Goberno galego só permite o acceso libre ás persoas alí empadroadas e aos seus ascendentes e descendentes directos pero non a irmáns/ás, sobriños/as, tíos/as, curmáns/ás, á familia política ou amizades, que deben solicitar a entrada como se fosen uns turistas máis
Esta nova polémica volveu poñer sobre a mesa as reivindicacións que estes veciños e veciñas levan meses sostendo, e nas que se une esta demanda de acceso libre a outras reclamacións relativas ás condicións de vida na illa (acceso a electricidade, auga, mantemento das vivendas...) e, igualmente, á posibilidade de que Ons se converta xunto coas restantes Illas Atlánticas en Patrimonio da Humanidade. Esa é a proposta da Xunta, e os habitantes de Ons temen que esa figura incorpore novas restricións que fagan máis difícil o seu día a día. A illa de Ons é o único territorio habitado, a diferenza das Cíes ou de Sálvora. Pola contra, o Concello de Vigo propuxo que a candidatura a Patrimonio da Humanidade se limitase ás Cíes.
María José Pérez, portavoz da plataforma veciñal, subliñou que "Ons non vai formar parte nunca do Patrimonio da Humanidade
Este mércores un grupo de veciños de veciñas de Ons reuníronse co alcalde de Vigo, Abel Caballero, que lles transmitiu o seu apoio ás súas reivindicacións e reiterou a súa demanda á Xunta de que "retire" a candidatura conxunta. María José Pérez, portavoz da plataforma veciñal, subliñou que "Ons non vai formar parte nunca do Patrimonio da Humanidade", explicando que "non reúne nin unha soa das condicións, comezando porque está habitada".
Pérez cualificou de "chapuza" a proposta da Xunta e respondeulle a Alberto Núñez Feijóo que "non somos colonos, somos insulares". "Busque no dicionario a diferenza entre colono e insular, e entenderá por que non nos gusta que nos chame colonos", engadiu. O presidente da Xunta adoita referirse aos habitantes da illa como "veciños e colonos" de Ons. A illa foi transferida á Xunta en 1984 e dende entón os veciños e veciñas teñen unha concesión de 75 anos sobre as súas casas, pero os seus habitantes reivindican a súa condición de residentes de pleno dereito no lugar, onde nalgúns casos, sinalas, as súas familias levan vivindo "máis de 200 anos".
"Os únicos que nos encargamos da limpeza e do mantemento da illa somos nós, os veciños", din
Enumerando as críticas que dende hai anos lle realizan á administración autonómica, a portavoz da plataforma veciñal continuou dirixíndose a Núñez Feijoo, dicíndolle que "só ten que achegarse un día a Ons, cando haxa cupo, e comprobar os motores que usamos para ter luz, porque non temos luz máis que seis horas ao día". E concluíu que "a Consellería e a Xunta menten cada vez que abren a boca sobre Ons".
Os veciños e veciñas remataron a súa intervención salientando que non nos opoñen "a que a illa se limpe e se protexa" pero pídenlle á Xunta "que comece a facelo xa". "Os únicos que nos encargamos da limpeza e do mantemento da illa somos nós, os veciños", engaden.
Se a Xunta non atende as demandas dos veciños e veciñas da illa, o concello de Bueu retirará o seu apoio á Declaración de Patrimonio da Humanidade a Ons
"Ons é algo máis que un pedazo de terra no mar"
A pasada semana o BNG anunciou que presentará proximamente unha proposición non de lei no Parlamento para levar “a voz dos veciños e veciñas de Ons” á institución, na procura dunha solución a “discriminación” que está a supoñer a restrición da Xunta para entrar na illa. "Ons é algo máis que un pedazo de terra no mar. Ons é cultura, historia, etnografía pero sobre todo lazos familiares e por iso dende o BNG levaremos ao Parlamento iniciativas para preservar o espazo e a pegada humana da illa", afirmou Ana Pontón.
Pola súa parte, o alcalde de Bueu, Félix Juncal (BNG) anunciou que "se a Xunta non atende as demandas dos veciños e veciñas da illa, o concello retirará o seu apoio á Declaración de Patrimonio da Humanidade a Ons" porque “non se pode entender un espazo sen ter en conta a súa humanidade”. Juncal tamén criticou o "desleixo" da Xunta co concello de Bueu e acusouna de pretender manter “un control total sobre Ons” coa coartada de establecer un carné á veciñanza para entrar en Ons.