A Illa de Ons, de 4,1 quilómetros cadrados de superficie, está situada a algo menos de tres quilómetros do continente e forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e do Concello de Bueu. Na actualidade conta con 65 habitantes permanentes, experimentando a súa poboación un continuado devalo dende o ano 2011, cando chegaba a 80 persoas. A comezos dos 80 a cifra descendera ata os 16 habitantes, moi lonxe dos 530 que a illa acadara a mediados do século XX.
Irmáns, irmás, sobriños, sobriñas, e toda a familia política son considerados 'visitantes' e deben solicitar a entrada da illa a través da cota turística
O pasado mes de febreiro a Xunta aprobou o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas. No PRUX establécese o máximo diario de 1.300 visitantes (máis 300 campistas e e outros 200 formando parte de grupos), co obxectivo de limitar a presión turística que estaba a recibir o arquipélago (o pasado verán Verdegaia denunciou que a cifra roldaba algúns días as 4.000 persoas, o dobre do permitido).
A veciñanza da illa e o propio Concello de Bueu mantiveron varias xuntanzas con responsables do Goberno galego, co obxectivo de asegurar que veciños e veciñas, as súas familias. Porén, ao cabo recibiron con sorpresa unha disposición finalmente aprobada pola Xunta que permite a entrada libre da illa de todos os residentes permanentes e de todos os seus ascendentes e descendentes (de tataravó a tataraneto), pero que considera visitantes a todos os demais parentes, entre eles irmáns, irmás, tíos, tías, sobriños e sobriñas, ademais de toda a familia política.
Así pois, deben solicitar a entrada da illa a través da cota turística, co risco de que -sobre todo nas fins de semana e nos meses de verán- poidan ver o seu acceso denegado.
A pasada semana o pleno municipal de Bueu aprobou por unanimidade unha declaración na que esixe do Goberno galego o "recoñecemento das veciñas e veciños de Ons e o seu círculo e entorno familiar como elementos fundamentais de Ons, comprometéndose a garantir o libre acceso á Illa, tal e como foi sempre". "Desde esta corporación defendemos que os veciños e veciñas da Illa non poden ser considerados como visitantes e que, polo tanto, debe permitírselle acceder con total liberdade ás súas vivendas", sinalaba o texto, que ademais demandaba a creación e convocatoria dunha comisión mixta "na que se consensúen as principais decisións sobre a Illa de Ons" e na que estea representada a veciñanza, o Concello e a Xunta.
“É a Xunta a que ten que resolver o problema que ela creou”, di o alcalde Félix Juncal
Este mércores ao redor de 300 persoas directamente afectadas por esta medida (residentes na illa, familiares e amigos) están en Compostela para concentrarse diante do Pazo de Congresos, preto do edificio da Consellería de Medio Ambiente onde o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e os voceiros dos grupos municipais se reúnen coa Directora Xeral de Patrimonio Natural. A veciñanza denuncia a "perda de dereitos".
Félix Juncal sinala que “é a Xunta a que ten que resolver o problema que ela creou”, engadindo que se trata “dunha decisión arbitraria e limitativa, e que non se recolle no PRUX”. Juncal lembra igualmente que son moitas as persoas que residen do territorio continental de Bueu que manteñen fortes lazos coa illa, na que teñen parentes ou na que mesmo residiron durante anos, "uns lazos que non se poden eliminar e cuxos intereses é preciso defender", como destacaba igualmente a declaración institucional aprobada polo pleno municipal.
Aínda que xeograficamente está máis preto da costa de Sanxenxo, pertence administrativamente ao Concello de Bueu, pois os seus poboadores tradicionalmente procedían do Morrazo e, de feito, unha gran parte das persoas que marcharon da illa nos últimos anos residen na parroquia bueuesa de Beluso.
A illa foi transferida á Xunta en 1984 e dende entón os veciños e veciñas teñen unha concesión de 75 anos sobre as súas casas
Ao longo da historia a illa pertenceu ao Cabido Compostelán e posteriormente a numerosas familias nobres, dende os Montenegro ao Marqués de Valladares, ata que en 1929 foi vendida a Manuel Riobó por 250.000 pesetas. Trala súa morte, herdouna o seu fillo Didio Riobó, que na Segunda República foi concelleiro republicano en Bueu e que, acosado polos falanxistas, suicidouse en Ons en outubro de 1936. A illa foi expropiada entón polo Estado franquista e finalmente transferida en 1984 á Xunta de Galicia. Dende entón os veciños e veciñas teñen unha concesión de 75 anos sobre as súas casas.
A veciñanza leva anos denunciando as dificultades de todo tipo ás que teñen que facer fronte, sobre todo para o acceso a servizos básicos. Critican que teñen "todos os deberes pero ningún dereito" e denuncian ser "cidadáns de terceira". Hai uns anos o documental Fóra do continente, realizado por un equipo de catro mozos e mozas, dous galegos e dous cataláns, amosou como é a vida na illa para este grupo de residentes.