As illas de Ons, na entrada da Ría de Pontevedra, están a pouco máis de 40 minutos de navegación do continente, algo máis de 4,5 millas náuticas. Forma parte do Parque Nacional das Illas do Atlántico, xunto coas Cíes, Sálvora e Cortegada. Pero as Ons teñen unha característica que as diferenza: son as únicas que teñen unha poboación permanente. Hai pouco máis de sesenta anos, a mediados do século XX, a Illa de Ons estivo habitada por máis de 500 habitantes, distribuídos en nove aldeas. Pero o envellecemento e as dúras condicións meteorolóxicas que teñen que soportar nos invernos e a falta de servizos e comodidades fixeron que esta poboación diminuíse rapidamente. Na actualidade apenas cinco persoas, dous matrimonios e este inverno unha señora máis, habitan a illa ademais, dos traballadores do Parque Nacional das Illas do Atlántico.
A súa historia é o que conta Fóra do continente, un documental que ven de comezar a gravar un equipo de catro mozos e mozas, dous galegos e dous cataláns, que rematan os nosos estudos de Comunicación Audiovisual na Pompeu Fabra en Barcelona. O peso do proxecto recae en Nicolás Martínez Millán, de Hio (Cangas) e o profesor Ricardo Íscar exerce de titor. O equipo está a realizar tamén unha campaña de micromecenaxe Verkami, para poder seguir adiante a idea e volver gravar, animados polo propios habitantes da illa. Buscan apenas 700 euros para pagar o transporte e a estadía e a cambio ofrecen dende o recoñecemento nos créditos, o documental en DVD, algo de merchandising, até convites para a estrea.
O obxectivo do documental é reflectir "a idiosincrasia dos habitantes da illa, a súa forma de vida, o contacto co continente, os motivos que os levan a seguir alí, os seus medos..."
O obxectivo do documental é reflectir "a idiosincrasia dos habitantes da illa, a súa forma de vida, o contacto co continente, os motivos que os levan a seguir alí, os seus medos...", como destaca o equipo, que engade que estas persoas "desafían á lóxica temporal" e que " seu modo de vida é único, como agora o é o seu status legal".
Durante a tempada de verán a illa convértese en destino de turistas e residentes estacionais. Para a Semana Santa e nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro habilítase unha liña de transporte marítimo dende Bueu (municipio ao que pertence o arquipélago), pero durante o resto do ano só se pode acceder, ou abandonar, a illa en barco privado. No interior da illa, duns 5 km2, non hai estradas e os únicos vehículos que se poden atopar son os dos responsables de Parques, pois os veciños adoitan moverse en tractores ou motos.
O seu día a día son as restricións na rede eléctrica (horario limitado na subministración de enerxía eléctrica), a ausencia de saneamento básico e duras condicións climáticas
Debido á expropiación da Illa polo Estado tras a Guerra Civil e a imposibilidade, a partir dese momento, de obter licenzas de construción, esta sufriu un proceso de abandono gradual que conduciu á situación actual. No presente, os veciños teñen unha concesión de 75 anos sobre as súas casas, de propiedade da Xunta de Galicia, que non satisfai nin a administración nin os colonos, que reivindican as propiedades.
Aínda que algunhas familias viven exclusivamente dos beneficios do turismo (a través de bares, aloxamento, aluguer de vivendas, operación de servizos marítimos...), a maioría depende dunha economía de subsistencia: pesca, a agricultura e a gandería a pequena escala. O seu día a día son as restricións na rede eléctrica (horario limitado na subministración de enerxía eléctrica), a ausencia de saneamento básico e duras condicións climáticas durante o inverno que condicionan a súa vida no seu pequeno paraíso.