Un estudo de ConBici alerta de que a calidade do aire en Santiago está no límite das recomendacións da OMS

O traballo é parte dun proxecto da Coordinadora en Defensa da Bicicleta (ConBici) CC-BY pxfuel

Os resultados deste proxecto revelan que a calidade do aire en 16 das 18 cidades españolas nas que se analizou non cumpre coas recomendacións da OMS

Máis da metade das medicións da calidade do aire nas rúas de Santiago superan a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) para o número de partículas en aire de diámetro inferior a 2.5 micras (PM2.5). É a principal conclusión do estudo Cycling with Clean Air realizado durante os meses pola Asociación Cívica Composcleta en colaboración coa Universidade de Santiago. 

O traballo é parte dun proxecto da Coordinadora en Defensa da Bicicleta (ConBici) e o apoio da campaña europea Clean Cities e baséase en dous anos de medición da calidade do aire en 18 cidades. O estudo realizouse inicialmente en 14 cidades en 2022: Vigo, Madrid, Barcelona, Valencia, Lorca, Málaga, Alacante, Valladolid, Xixón, Terrassa, Cartaxena, Burgos, Albacete e Valencia. Ademais, en 2023 incorporáronse ao proxecto catro cidades máis: A Coruña, Santiago de Compostela, As Palmas de Gran Canaria e Vitoria-Gasteiz.

Unha bicicleta pola Alameda de Compostela © USC/Santi Alvite

Os resultados deste proxecto revelan que a calidade do aire en 16 das 18 cidades españolas nas que se analizou non cumpre coas recomendacións da OMS. 

Persoas voluntarias de ConBici equipadas con medidores portátiles dedicaron un total de 3.969 horas a este proxecto, pedaleando e medindo a calidade do aire nos seus percorridos habituais pola cidade

Ata o 31 de outubro de 2023, persoas voluntarias de ConBici equipadas con medidores portátiles dedicaron un total de 3.969 horas a este proxecto, pedaleando e medindo a calidade do aire nos seus percorridos habituais pola cidade. No primeiro ano deste estudo rexistráronse 1.977 horas, e en 2023 engadíronse 1.992 horas adicionais, acumulando un total de 5.458 percorridos. Segundo o informe de ConBici estes datos ofrecen “unha visión única e detallada da situación da calidade do aire en España” ao rexistrar datos precisos en tempo real.

En total, recolléronse un total de 9.484.951 medidas de partículas PM2.5, cunha media xeral de 9,2 µg/m³. Estes niveis superan as recomendacións da OMS para a calidade do aire, e obsérvanse variacións notables ao longo do día, cunha concentración máis alta de partículas entre as 7 e as 9 da mañá. Segundo os seus responsables, estes achados subliñan a importancia de abordar a mobilidade nesas franxas horarias para mellorar a calidade do aire.

Medición da contaminación acústica nas rúas de Vigo © Ecoloxistas en Acción

En Santiago as recomendacióna da OMS están ao límite, co risco de incumprir a nova Directiva de calidade do aire, o que para Composcleta indica que “a saúde da cidadanía está en xogo”

Ao comparar estes resultados coas recomendacións da OMS, constatouse que en só 8 das 18 cidades se cumpren na metade das medicións realizadas, o que presenta unha “seria preocupación en termos de saúde pública” apuntan os promotores do estudo. 

En Santiago, atopouse que as recomendacións se cumpren moi preto do límite, cun 43,7% das medicións, co risco de incumprir a nova Directiva de calidade do aire, o que para Composcleta indica que “a saúde da cidadanía en Santiago de Compostela está en xogo”.

ConBici recomenda priorizar o uso de medios de transporte sostibles e garantir a seguridade legal das persoas que empregan a bicicleta como medio de transporte

O informe final de ConBici ofrece recomendacións clave para abordar o problema da calidade do aire en contornas urbanas, como priorizar o uso de medios de transporte sostibles, fomentando a mobilidade activa e colectiva; dar información transparente sobre a calidade do aire á cidadanía; garantir a seguridade legal das persoas que empregan a bicicleta como medio de transporte; e o reparto modal, avaliando o impacto das accións implementadas na calidade do aire e na escolla de medios de transporte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.