Nos últimos meses entraron en servizo varios quilómetros de carrís-bici na cidade de Vigo, unha medida que levaba anos sendo demandada para favorecer unha mobilidade máis sustentable e que xa nos seus primeiros momentos está levando a un incremento do número de persoas de todas as idades a desprazarse en bicicleta no interior da cidade "cunha maior sensación de seguridade e podendo circular de xeito pausado", como destaca a plataforma Vigo Ciclábel, formada por A Golpe de Pedal, ConBici, Verdegaia, ADEGA, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Vigo Histórico, Mulleres Bicivisibeis e Fridays for Future.
Co aumento da presenza de bicicletas, están a aumentar algunhas condutas imprudentes por parte de condutores, que inclúen a ocupación do carril bici e adiantamentos que non respectan a distancia de metro e medio
Porén, estas mesmas entidades veñen denunciando que de forma frecuente estes novos carrís-bici son ocupados por coches, que os utilizan para aparcar. A plataforma critica que "esta práctica ilegal supón un risco viario para todas as persoas ciclousuarias xa que obriga a estas, sempre que o sentido do tráfico o permita, a ocupar a calzada de xeito inesperado. E, en caso contrario, "obriga a baixarse da bici e ocupar a beirarrúa coa conseguinte molestia para as e os peóns e á persoa ciclista", engade a plataforma, que alerta de que "prácticas como o estacionamento sobre o carril bici pode supor unha traba á mobilidade sostible e á seguridade nos desprazamentos en bicicleta".
A plataforma insta á Policía Local a "sancionar con maior desempeño este tipo de infraccións" e a facilitar as denuncias voluntarias por parte da cidadanía
As nove entidades destacan así mesmo que "co aumento da presenza de bicicletas na cidade durante este último ano están a aumentar tamén algunhas condutas imprudentes por parte de condutores e condutoras de vehículos de maior potencia". Estas condutas inclúen, ademais da ocupación do carril bici, adiantamentos que non respectan a distancia de metro e medio de seguridade e, igualmente outras accións relacionadas co exceso de velocidade, que poñen en risco ás persoas que deciden desprazarse en bicicleta.
Vigo Ciclábel lembra que a pandemia de coronavirus puxo de relevo "a necesidade de recuperar o espazo público de rúas e prazas para as persoas" e, xunto coa posta en marcha do carril bici, demostrou que en Vigo "se pode vivir de xeito máis saudable e seguro para a súa cidadanía". Porén, para isto "fai falla maior infraestrutura, promoción e respecto destas formas de desprazamento fronte ao uso do coche particular". E, nese senso, demándalle ao Concello de Vigo a adopción dunha serie de medidas para evitar estas condutas incívicas por parte dos condutores e para promocionar o uso da bicicleta.
Propón aumentar as zonas de estacionamento en superficie na contorna do carril bici (e en xeral nas rúas de Vigo) dedicadas só a carga e descarga de mercadorías e cun límite de 15-30 minutos
A plataforma insta á Policía Local a "sancionar con maior desempeño este tipo de infraccións que poñen en risco viario a todas as persoas, desde crianzas até anciáns, nos seus desprazamentos en bicicleta". Ademais, pídelle ao Concello dar a coñecer os trámites necesarios para poder realizar unha denuncia voluntaria contra os infractores por parte de calquera persoa afectada e facilitar estes procesos. Este proceso pode realizarse presencial ou telematicamente nuns sinxelos pasos, tal como explica a coordinadora estatal Conbici neste artigo.
A plataforma considera que se deben dedicar "inversións urxentes no cambio de modelo de mobilidade en Vigo, tanto con medidas inmediatas como de medio-longo prazo, cun impulso definitivo á bicicleta e ao seu potencial"
De igual xeito, propón aumentar as zonas de estacionamento en superficie na contorna do carril bici (e en xeral nas rúas de Vigo) dedicadas só a carga e descarga de mercadorías cun límite de 15-30 minutos e durante todo o día, e facer controis sobre o seu axeitado uso. Proponse, así mesmo, "dar a coñecer, promover e habilitar axudas" para o desenvolvemento da ciclomensaxería, sendo o carril bici unha oportunidade para a mesma e axudando a reducir a conxestión do tráfico e as dificultades dos repartos. Finalmente, pide convocar aos colectivos sociais para avanzar nun Plan Director da Bicicleta "que facilite a súa integración e impulso como medio seguro e saudable de mobilidade".
Vigo Ciclábel lembra que a disposición orzamentaria que vai ter o Concello de Vigo con motivo da mobilización dos remanentes de tesourería para combater a crise da Covid "é unha oportunidade que o Concello non debe deixar pasar". A plataforma considera que se deben dedicar "investimentos urxentes no cambio de modelo de mobilidade en Vigo, tanto con medidas inmediatas como de medio-longo prazo, cun impulso definitivo á bicicleta e ao seu potencial, para facer de Vigo unha cidade mellor en todos os sentidos".