Manual de instrucións para que as bicicletas tomen as rúas de Galicia: unha revolución sobre dúas rodas

Ilustración das compoñentes dunha bicicleta, publicada por Catro Ventos Editora no libro 'As bicicletas si son para Galicia' CC-BY-SA Catro Ventos Editora

Cada vez se ven máis bicicletas polas rúas e estradas de Galicia, en paralelo á ampliación da infraestrutura ciclista en cidades e vilas e á popularización de sistemas públicos de alugueiro como Bicicoruña, a rede do Concello da Coruña, que con preto de 15 mil usuarios e usuarias, en outubro superou o millón de viaxes dende o comezo do ano.

A editorial Catro Ventos vén de lanzar As bicicletas si son para Galicia, unha obra que serve para iniciarse no uso da bici e tamén para informarse e reflexionar sobre a situación existente en distintos lugares de Galicia, con maiores e menores facilidades para a súa utilización. A editora defende a bicicleta como vehículo "ecolóxico e ecoloxista", de mobilidade sustentable e elemento transformador da nosa relación coa contorna e, ademais, feminista, entendido como unha ferramenta apoderadora que permite unha autonomía de movemento.

A obra inclúe entrevistas a colectivos e persoas ciclousuarias que usan a bicicleta en diversos contextos de Galicia, consellos prácticos e mesmo un glosario ilustrado coas denominacións correctas en galego para as distintas compoñentes da bicicleta. Ademais, incorpora as achegas da socióloga Iria Vázquez, o experto en mobilidade Daniel Díaz e o xornalista Carlos Risco que, respectivamente, falan sobre bici e xénero, a bicicleta no rural e a bicicleta na Galicia urbana.

Falamos coa súa editora, Patricia Buxán, sobre os obxectivos da obra, os avances dos últimos anos, as moitas tarefas pendentes e sobre as ideas preconcibidas e erróneas que a a obra desmonta: as bicis tamén son para Vigo (a pesar de haber costas) e as bicis tamén son para Galicia (a pesar da chuvia). Tamén chove noutras zonas do mundo onde, no entanto, hai cultura ciclista e, ademais, a nosa climatoloxía pode ser mesmo unha oportunidade, dadas as temperaturas tépedas das que gozamos na maior parte do país.

Como nace a idea de facer este libro, neste momento e no contexto galego?

"Somos persoas que utilizamos a bici e queremos usala máis. E, neste senso, queríamos preguntarnos por que non se emprega máis a bici en Galicia e de que xeito se podería promover o seu uso"

O proxecto xurdiu polo interese das persoas que estamos en Catro Ventos. Somos unha editorial constituída como cooperativa de traballo asociado, formada por cinco socias, e publicamos sobre cinco temas: ecoloxía, consumo responsable, dereitos humanos, economía social e educación alternativa. Non tratáramos ata agora o tema da mobilidade e este libro encaixa nos temas que tratamos habitualmente e tamén encaixa nun interese persoal: somos persoas que utilizamos a bici e queremos usala máis. E, neste senso, queríamos preguntarnos por que non se emprega máis a bici en Galicia e de que xeito se podería promover o seu uso.

O equipo responsable do libro. De esquerda a dereita: Isidro Dozo, Patricia Buxán, Miguel Braña e Alicia R. Malga © Catro Ventos Editora

A quen vai dirixido?

O libro vai dirixido, sobre todo, á xente que se está iniciando no uso da bici, a quen se quere lanzar a usar a bici e aínda non se decide, pero tamén é un libro apto para persoas que xa teñen máis experiencia e queren coñecer por exemplo cal é a situación en distintas cidades galegas, onde hai máis facilidades para usala, ou tamén achegarse ás reflexións que publicamos sobre o uso da bici na zona rural, na urbana ou sobre cuestións de xénero.

Que importancia teñen as infraestruturas ciclistas, como carrís-bici e outro tipo de vías segregadas e sinalizacións? Entendo que hai moitos ciclistas que non as necesitan e mesmo prefiren circular entre o tráfico, pero supoño que este tipo de vías segregadas son moi importantes para a xente que comeza a usar a bici ou que ten medo a compartir o espazo cos coches, non si?

"Os espazos segregados son importantes para aumentar a seguridade e para que máis xente se anime a usar a bici"

É certo que dentro do activismo ciclista hai que di que este tipo de infraestruturas non son necesarias, senón que hai que pacificar o tráfico e as bicicletas teñen que ocupar o seu espazo nas rúas e estradas. Pero tamén é certo que a xente que non ten costume de moverse en bicicleta e está comezando non sempre ten confianza compartindo o espazo cos coches. Por iso os espazos segregados son importantes para aumentar a seguridade e para que máis xente se anime a usar a bici.

No libro recollemos a achega de Iria Vázquez Silva, que é socióloga e ademais participa no activismo ciclista galego dende hai moito, integrada no colectivo Mulleres Bicivisíbeis, que está dentro da plataforma Vigo Ciclábel, e que tamén coordina a area de equidade da entidade estatal ConBici. Ela fai unha lectura da necesidade das infraestruturas para promover que máis mulleres collan a bici e para facilitar os coidados, por parte de mulleres ou homes, por exemplo para poder levar os nenos e nenas na bici, que moita xente o evita se ten que compartir o espazo cos coches.

"Hai unha porcentaxe importante de mulleres que nunca colleron unha bici ou que non o fixeron con frecuencia. As iniciativas de formación son moi importantes"

Ata hai uns anos as mulleres era clara minoría entre as persoas que usaban a bici. Iso cambiou na actualidade?

A Coruña é onde mellor se están facendo as cousas en case todos os aspectos a través de varias accións e iniciativas. Unha delas é a 'escola da bici', que leva Mobi-liza, que axudou moito a que máis mulleres se decidisen a usar a bici. Hai unha fenda de xénero no máis básico: hai unha porcentaxe importante de mulleres que nunca colleron unha bici ou que non o fixeron con frecuencia. E estas iniciativas de formación son moi importantes.

Cada vez hai máis persoas usando a bici, tanto para os seus desprazamentos diarios como nas fins de semana, como unha actividade deportiva. Que papel xoga a "masa crítica", esa idea de que a presenza de máis persoas en bicicleta fai máis seguro o seu uso?

Esa é unha idea que recollemos no libro: cantas máis persoas usan a bici, medra a sensación de seguridade e os coches respectan máis os ciclistas. O libro está enfocado cara á bici como medio de transporte, non como deporte, pero os ciclistas deportivos, aqueles que saen na fin de semana dar unha volta, tamén son uns aliados para os que simplemente se desprazan no seu día a día. É dicir, á forza de ver estes ciclistas nas estradas nas fins de semana, a xente que vai en coche aprendeu a axustar a súa forma de actuar ante unha bicicleta, agora hai moito máis respecto.

Cuberta do libro 'As bicicletas si son para Galicia' © Catro Ventos Editora

"A intermodalidade é unha das tarefas pendentes. No tren hai moitas dificultades: hai límite de prazas e se se superan os 100 quilómetros hai que pagar un suplemento. Nos autobuses pasa o mesmo, en parte porque non hai unha norma que obrigue a todas as compañías permitir o seu transporte e a facelo en boas condicións"

Supoño que hai moitas tarefas pendentes en Galicia para facilitar os desprazamentos en bicicleta. A intermodalidade é unha delas? É difícil levar a bici no tren ou no bus?

Si, a intermodalidade é unha das tarefas pendentes. No tren hai moitas dificultades: hai límite de prazas e se se superan os 100 quilómetros hai que pagar un suplemento. Nos autobuses pasa o mesmo, en parte porque non hai unha norma que obrigue a todas as compañías permitir o seu transporte e a facelo en boas condicións, porque os buses non están ben equipados. Ademais, ante a dúbida de se vai poder levar a bici no bus, moita xente xa opta por non levala.

Outra podería ser a posibilidade de aparcar as bicicletas con seguridade, sen correr o risco de roubos e degradacións. Como está a situación en Galicia?

Si, esa é unha das queixas máis repetidas polos colectivos e persoas usuarias coas que falamos: que non hai aparcamentos seguros que protexan as bicis de posibles roubos e das inclemencias meteorolóxicas. Na Coruña está comezando a instalación de aparcabicis cubertos e pechados, pero no resto de Galicia isto nin existe. Nas entrevistas que fixemos para o libro saíron algunhas ideas, como as que achegou Álex Voces, de Mobi-Liza Coruña, que apuntaba que se poderían empregar algúns dos moitos baixos comerciais que están abandonados no centro das cidades como aparcamentos seguros de bicicletas. Tamén se reclama que nos parkings haxa espazos reservados para bicis. E que na normativa de edificación se contemple todas as novas construcións deben reservar algún espazo nos garaxes para gardar as bicis.

"Unha das queixas máis repetidas polos colectivos e persoas usuarias coas que falamos é que non hai aparcamentos seguros que protexan as bicis de posibles roubos e das inclemencias meteorolóxicas"

No libro analizades a situación en varias cidades galegas. Onde hai máis facilidades para usar a bicicleta? Onde se conseguiron máis avances nos últimos anos?

A cidade que máis avanzou foi sen dúbida A Coruña, tanto polo desenvolvemento das infraestruturas ciclistas como por iniciativas coma a que comentabamos da instalación de aparcadoiros seguros. Na Coruña vese a moita máis xente andando en bici da que se pode ver nas restantes cidades e vilas. E eu destacaría tamén o caso de Vilagarcía, que é unha localidade máis pequena, rodeada dun espazo rural grande e moi interconectado. 

En Vilagarcía hai moitas cousas que son moi mellorables, pero dende hai anos hai unha gran vontade política de mellorar as infraestruturas e de facer unha vila apta para andar en bici e iso vese non só no centro urbano senón tamén na conexión coa súa contorna rural. Isto último, por exemplo, non o vemos en Pontevedra, que si ten un centro moi amable para as bicis, pero non é así cando queres saír cara ás parroquias da contorna ou mesmo cara a Poio a través da Ponte da Barca.

E onde está peor a cousa?

A cidade cunha situación máis negativa é posiblemente Ourense, porque hai un tráfico moi agresivo. Lugo está no bo camiño, estase traballando no desenvolvemento de vías ciclistas e ten bastantes zonas con pacificación de tráfico. En Vigo pódense criticar moitas cousas que se están facendo, pero a realidade é que cada vez hai máis xente usando a bici, está medrando a masa crítica e hai proxectos moi interesantes, como o carril-bici que vai ir por Beiramar.

O libro conta coas colaboracións do urbanista Daniel Díaz, o xornalista Carlos Risco e a socióloga Iria Vázquez © Catro Ventos Editora

"A cidade que máis avanzou foi sen dúbida A Coruña, tanto polo desenvolvemento das infraestruturas ciclistas como por iniciativas coma a que comentabamos da instalación de aparcadoiros seguros. Na Coruña vese a moita máis xente andando en bici da que se pode ver nas restantes cidades e vilas"

No libro afondades no uso da bicicleta no rural, que é un asunto moito menos tratado que a situación nas cidades, a pesar de que as zonas rurais son as que teñen máis problemas de comunicación e é alí onde a bicicleta pode achegar unha alternativa agora inexistente... 

Si, no libro recollemos a achega de Carlos Risco, que é unha persoa que vive no rural e vai todos os días en bici ao traballo, pero que recoñece que está nunha empresa “moderna” que non só ten un espazo no que deixar a bici, senón que lle ofrece a posibilidade de ducharse. Esa sería unha axuda moi grande para que as persoas que viven nas aforas das cidades poidan usar a bici para ir ao traballo. No rural cobran máis importancia, ademais, as bicicletas eléctricas, ao ser máis grandes as distancias. No libro damos a coñecer algúns testemuños de persoas do rural que empregan a bicicleta a diario para as súas actividade, facémolo como unha forma de visibilizar que si se pode facer, a ver se máis xente se anima a coller a bici.

"No libro comezamos botando a vista atrás e facendo memoria, lembrando que Galicia sempre foi un lugar para bicis, pois hai décadas usábase moitísimo, especialmente no rural; houbo unha tradición de andar en bici, pero perdeuse cando se masificou o uso do coche"

O título do libro parece desmentir algúns comentarios pouco informados como que "as bicis non son para Vigo" (polas costas) ou "as bicis non son para un clima coma o galego", esquecendo neste caso que no norte e centro de Europa a bicicleta se emprega moito máis con condicións meteorolóxicas moito peores. Queda claro que Galicia si é un territorio acaído para o uso da bicicleta?

Si, por aí vai a cuestión. No libro comezamos botando a vista atrás e facendo memoria, lembrando que Galicia sempre foi un lugar para bicis, pois hai décadas usábase moitísimo, especialmente no rural; houbo unha tradición de andar en bici, pero perdeuse cando se masificou o uso do coche. O tema da chuvia é clarísimo se vemos o que pasa no centro e no norte de Europa, onde chove igual ou máis que aquí e emprégase a bici moito máis. Ademais, se chove hai cousas que se poden facer: usar ponchos ou chuvasqueiros e pódese andar con seguridade. 

E no tema das costas, os que temos experiencia de andar en bici en Vigo, sabemos que sempre hai opcións que escoller itinerarios que eviten as grandes costas. E, por suposto, sempre está a opción das bicicletas eléctricas.

Estación de bicicletas de Bicicoruña © Concello da Coruña
Aparcadoiro de bicicletas nunha estación de transporte público CC-BY-SA Arnold Reinhold

"O tema da chuvia é clarísimo se vemos o que pasa no centro e no norte de Europa, onde chove igual ou máis que aquí. Ademais, se chove hai cousas que se poden facer: usar ponchos ou chuvasqueiros e pódese andar con seguridade"

O libro inclúe un capítulo dedicado á normativa de circulación. O obxectivo é que os ciclistas sexan conscientes dos seus dereitos (e tamén dos seus deberes)?

Si, esa era a idea e ese capítulo está pensado para a xente que se inicia, para que saiba o que se pode e non se pode facer. Por exemplo, para evitar esta práctica de ir polas beirarrúas, que moitas veces responde ao medo que comentabamos antes a circular entre os coches.

E, igualmente, hai un apartado sobre mantemento e mecánica. Supoño que hai moitos ciclistas que non teñen moita idea destas cuestións, o mesmo que hai condutores que non saben como cambiar unha roda dun coche, non si?

A parte de mantemento é básica. Nós non somos técnicas e o que facemos é tirar da nosa experiencia e da documentación que está dispoñible. Na mecánica incidimos nalgunhas cuestións que son importantes e que moita xente non sabe, como o uso correcto dos cambios, ou os tipos de rodas e de asentos para a bici, que é importante ter en conta en función da anatomía de cada persoa, para ir máis cómodos. 

E, por último, incluímos unha ilustración na que se detalla o glosario correcto en galego das partes dunha bicicleta, que penso que ten interese, pois moita xente descoñece que temos palabras propias e que, por exemplo, en galego non se pode dicir sillín, senón que o correcto é sela ou asento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.