O marco xeral das análises partidarias e mediáticas para o conxunto o Estado despois das eleccións municipais do 28 de maio foi practicamente unánime: tsunami da dereita. Acrecentado polos resultados na decena de territorios onde se celebraron eleccións autonómicas, con notables perdas de poder institucional para as esquerdas, a sensación de vitoria esmagadora do PP apoiado na extrema dereita de Vox foi ampla e tamén se infiltrou en Galicia aínda que non houbese excesivos motivos para que sucedese.
O novo mandato municipal comezou en múltiples puntos do Estado coa dereita inaugurando novas alcaldías co peche de espazos ao tránsito peonil e reducións e supresións de carril bici. Galicia quedou á marxe dese 'tsunami' do PP con Vox e das súas consecuencias neste eido
Como xa sucedera en anteriores ocasións, pero se cadra desta volta mesmo con máis claridade, as eleccións municipais tiveron unha dinámica de seu en Galicia. Das once principais cadeiras do poder local galego -as sete cidades e as catro deputacións- o PP pasou de ostentar só unha -a Deputación de Ourense-, a retornar a dúas, o Concello e Ferrol e a Deputación de Pontevedra, mentres o mantemento da institución provincial ourensá implicou a peaxe dun novo pacto con Jácome e un conflito interno con consecuencias aínda por resolver.
Mentres, pola esquerda, PSdeG e BNG manteñen e mesmo alargan o groso do poder local. En máis dun caso, o descenso dalgunha destas forzas compensouse co ascenso da outra, co Concello de Santiago, nova alcaldía do Bloque, como principal exemplo. Noutros, caso do Concello de Lugo, ambas formacións ascenderon e lograron conter o pulo do PP.
Este pano de fondo é imprescindible para entender por que nos primeiros pasos do mandato municipal 23-27 Galicia queda á marxe da vaga de titulares que dan conta de como novos gobernos das dereitas aproban pechar espazos ao tránsito peonil ou reducir e mesmo suprimir carrís bici para outorgar máis marxe ao tráfico en vehículo privado. Así sucedeu, por exemplo, nos primeiros días de gobernos da dereita en municipio doutros puntos do Estado como Elx (con novo goberno encabezado polo PP), Valladolid, Palma ou Xixón. No caso da cidade asturiana, o goberno de Foro -antiga escisión dos populares- xa puxo en marcha o levantamento e redución do carril bici nun emblemático paseo costeiro, no que tamén minguan os espazos peonís.
En cidades como A Coruña, Pontevedra ou Lugo, o PP prometera ás claras retroceder en peonalizacións ou infraestruturas ciclistas
As promesas de retroceder nestes ámbitos tamén chegaron a Galicia durante a campaña das municipais. Así, por exemplo, o PP prometeu que se chegase á alcaldía de Pontevedra a súa primeira medida sería pechar ao tráfico peonil a rúa raíña Victoria e devolver a esa vía o tránsito de vehículos privados. En Lugo, un dos emblemas da campaña dos populares foi a fin do carril bici en múltiples barrios, alternando promesas de reformulación con outras de eliminación.
Na Coruña, o PP local e o seu candidato á alcaldía axitaron protestas contra peonalizacións en varios barrios e prometeron "espazos para aparcar" vehículos privados en zonas abertas ao tránsito peonil. En Santiago, os conservadores presentaron grandes proxectos de carrís soterrados baixo a contorna da zona histórica como alternativa a eventuais retiradas de tráfico en coches privados.
Pero en ningunha destas cidades os aspirantes do PP lograron erguer o bastón de mando a partir das maiorías compostas polas urnas o pasado 28 de maio. Na que si o fixo, Ferrol, cando menos de momento os populares non expresaron que esta fose unha prioridade. Así, tanto as forzas políticas que recuncaron nos respectivos gobernos como aquelas que accederon a eles manteñen entre as súas prioridades a ampliación das zonas peonís e o apoio ao uso da bicicleta como medio transporte.
Na Coruña as bicicletas públicas están en plena expansión. Un servizo coma este tamén é contemplado pola nova alcaldesa de Santiago e mais polo goberno local de Lugo, que ten en marcha novas peonalizacións en varios puntos da cidade
É o que sucede, por exemplo, na Coruña, onde o goberno local do PSdeG -reelixido desta volta co apoio do BNG na investidura- xa expresou a súa aposta por continuar proxectos coma o da Rolda Peonil ou ampliar a rede de bicicletas de uso público BiciCoruña, que actualmente conta con case medio cento de bases e prevé "chegar ás 90". Este servizo incorporou recentemente as bicicletas eléctricas, 174 vehículos que proximamente serán 92 máis -segundo o Concello- e que se "elevarán a máis de 700", segundo a "nova expansión" cuxa contratación o Concello prevé comezar "ao longo deste ano".
Os servizos de bicicletas públicas están tamén na axenda dos gobernos locais de Santiago e Lugo, onde xa se ensaiaran no pasado sen chegaren a consolidarse. En Compostela, a nova alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), confirmou a súa intención de activalo xunto co trazado de novas rutas ciclables, entre outras accións en materia de mobilidade. En Lugo, a reelixida alcaldesa socialista, Lara Méndez, tamén o contempla dentro da estratexia Lugo en bicicleta.
Na cidade da Muralla, ademais, tanto Méndez como o tenente da alcaldía e responsable da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo (BNG), que discorda do trazado do carril bici nalgúns puntos, ratificaron a súa intención de continuar coa expansión das peonalizacións en diversos puntos da urbe. É o que sucede coa apertura ao tránsito peonil dúas rúas da zona histórica que aínda non o estaban, coas obras xa en marcha, ou cos plans para ampliar peonalizacións en barrios coma o de Recatelo, entre outras. O goberno local pon tamén o acento na "renaturalización" de espazos urbanos.
Pontevedra aposta por estender o modelo urbano a máis barrios mentres é sinalada como referente por máis cidades europeas
A extensión aos barrios do modelo urbano baseado nunha menor presenza do coche privado en beneficio do tránsito peonil é tamén unha das intencións declaradas do goberno local de Pontevedra, que volve encabezar o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores por sétimo mandato consecutivo. O risco de involución foi, precisamente, un dos eixos da súa campaña.
Esta mesma semana, Lores informaba de que o Ministerio de Vivenda de Alemaña, no marco dun estudo que ten en marcha para analizar os modelos de "cidades máis avanzadas de Europa" neste ámbito, comunicou ao Concello de que pon o foco en Pontevedra para aprender dos seus "factores de éxito" e os atrancos que atopou para "reducir a presencia de coches e reasignarlle o espazo urbano de novo ás persoas".