O informe conclúe que o pasado ano a totalidade da poboación galega estivo exposta a uns niveis insalubres de contaminación
Ecoloxistas en Acción vén de presentar a edición 2022 do seu informe anual sobre a calidade do aire, un documento que analiza os datos recollidos en 53 estacións oficiais de medición distribuídas por toda Galicia e que conclúe que o pasado ano a totalidade da poboación galega estivo exposta o ano pasado a uns niveis insalubres de contaminación. Ademais tres de cada dez galegos e galegas respiraron en 2022 un aire que incumpriría os novos estándares legais propostos pola Comisión Europea para 2030.
Estes valores límite e obxectivo propostos para 2030 no proceso de revisión en curso da normativa de calidade do aire son intermedios entre os vixentes estándares legais e os recomendados pola OMS.
Durante o ano 2022 a calidade do aire en Galicia empeorou con respecto aos anos 2020 e 2021, cun aumento dos niveis de ozono troposférico e máis matizado de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5) e dióxido de nitróxeno (NO2)
O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea. De acordo a eses limiares, o aire contaminado afectou en 2022 a totalidade da poboación galega. Se se toman os estándares da normativa en vigor, máis laxos que as recomendacións da OMS, non habería poboación que respirou aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación, por riba dos límites legais.
Nas sete maiores cidades, agás en Lugo e Ferrol, superouse o valor medio anual recomendado pola OMS para o dióxido de nitróxeno (NO2), como consecuencia do intenso tráfico motorizado
Durante o ano 2022 a calidade do aire en Galicia empeorou con respecto aos anos 2020 e 2021, cun aumento dos niveis de ozono troposférico e máis matizado de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5) e dióxido de nitróxeno (NO2), aínda que sen atinxir as concentracións habituais en anos anteriores á pandemia.
As partículas en suspensión PM10 e PM2,5 seguiron a afectar principalmente as sete principais cidades e as zonas industriais de Arteixo, A Mariña e Oural (Sarria), onde se superaron os valores medios diarios e anuais recomendados pola OMS para estes contaminantes. Tamén na Galicia rural, se ben en menor medida que na urbana, se superaron os valores recomendados pola OMS para as partículas PM2,5.
Superouse o valor medio anual recomendado pola OMS para o canceríxeno benzopireno (BaP) na área industrial situada entre A Coruña e Arteixo e nas contornas da fábrica de coches de Stellantis en Vigo e da planta de produción eléctrica con biomasa de Greenalia en Teixeiro (Curtis)
Nas sete maiores cidades, agás en Lugo e Ferrol, superouse o valor medio anual recomendado pola OMS para o dióxido de nitróxeno (NO2), como consecuencia do intenso tráfico motorizado. Os niveis máis altos volvéronse rexistrar na Coruña e en Vigo. Na área metropolitana de Vigo tamén se superou o novo límite legal proposto pola Comisión Europea, o que ademais non aconteceu só para o NO2 senón tamén para as partículas en suspensión.
Pola súa banda, o valor máximo diario de dióxido de xofre (SO2) recomendado pola OMS superouse en Arteixo e Oural (Sarria), baixo a influencia das emisións da refinaría de petróleo de Repsol e de Votorantim Cementos Oural, respectivamente.
"O factor esencial para explicar a repunta da contaminación atmosférica durante 2022 é a recuperación da mobilidade motorizada e da actividade económica previas á pandemia da COVID-19", explica a entidade
Así mesmo, superouse o valor medio anual recomendado pola OMS para o canceríxeno benzopireno (BaP) na área industrial situada entre A Coruña e Arteixo e nas contornas da fábrica de coches de Stellantis en Vigo e da planta de produción eléctrica con biomasa de Greenalia en Teixeiro (Curtis). Para Ecoloxistas en Acción "trátase dun feito moi preocupante que debería levar á Xunta a ampliar as medicións deste contaminante e a profundar no estudo das súas fontes, entre as que destacan a industria e a queima de biomasa para obter enerxía ou en incendios forestais".
O informe tamén destaca que as estacións de medición A Alameda (Ourense), Coia e Oeste (Vigo), Buscás (Ordes), Lalín, Magdalena (As Pontes) e Campelo (Poio) rexistraron superacións do limiar de información á poboación por episodios de contaminación por ozono troposférico (O3) durante a vaga de calor de mediados de xullo, superacións sobre as que a Xunta limitouse a difundir avisos informativos rutineiros.
Para a organización, "a única forma de mellorarmos a calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando a mobilidade activa peonil e ciclista e o transporte público"
Ecoloxistas en Acción conclúe que "aínda que a crise climática confírmase como un factor determinante no agravamento dos episodios de mala calidade do aire, o factor esencial para explicar a repunta da contaminación atmosférica durante 2022 é a recuperación da mobilidade motorizada e da actividade económica previas á pandemia da COVID-19".
Para a organización, "a única forma de mellorarmos a calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando a mobilidade activa peonil e ciclista e o transporte público". Engade que "tamén é necesario, en todo o territorio, promover o aforro enerxético, adoptar as mellores técnicas industriais dispoñibles, pechar as centrais térmicas de combustibles fósiles, penalizar o diésel, reducir o uso do avión, designar unha área de control das emisións do transporte marítimo e unha moratoria das novas macrogranxas gandeiras".