A contaminación e as altas temperaturas elevan os niveis nocivos de ozono en Galicia, dos que só se libra Pontevedra

Campaña de Ecoloxistas en Acción para concienciar sobre as concentracións insalubres de ozono troposférico e dos seus efectos nocivos © Ecoloxistas en Acción

Nos nove primeiros meses deste ano os niveis de ozono en Galicia aumentaron con respecto aos dous anos anteriores, aínda que seguen por debaixo das cifras de 2019

O ozono troposférico é un contaminante que se forma pola combinación na superficie terrestre pola combinación da radiación solar con outros contaminantes denominados "precursores", emitidos polo transporte (en especial os vehículos diésel), as centrais termoeléctricas, certas actividades industriais ou a gandaría intensiva.

Cando os seus niveis son elevados, este ozono malo (non se debe confundir co da estratosfera) provoca irritación dos ollos e vías respiratorias superiores, un incremento do risco de enfermidades respiratorias agudas e redución da función pulmonar, así como o agravamento de patoloxías cardiovasculares. A OMS estima en 1.800 os falecementos prematuros anuais en España producidos como consecuencia da exposición a niveis nocivos de ozono.

Medición da contaminación xerada polo tráfico de vehículos de motor de combustión na cidade de Vigo © Ecoloxistas en Acción

As elevadas concentracións de ozono provocan irritación dos ollos e vías respiratorias superiores, un incremento do risco de enfermidades respiratorias agudas e redución da función pulmonar, así como o agravamento de patoloxías cardiovasculares

A pandemia de COVID, que levou a unha redución no uso dos vehículos de motor e da actividade de determinadas industrias, provocou unha importante redución da concentración de ozono e doutros contaminantes no ano 2020, un efecto que se mantivo no 2021. O regreso á normalidade está tamén devolvendo os indicadores de contaminacións aos seus niveis anteriores á pandemia, como vén de sinalar Ecoloxistas en Acción no seu informe anual sobre a contaminación por ozono elaborado en Galicia cos datos recollidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022 en 32 estacións oficiais de medición da calidade do aire.

A principal conclusión do informe é que nos nove primeiros meses deste ano os niveis de ozono en Galicia aumentaron con respecto aos dous anos anteriores, aínda que seguen por debaixo das cifras de 2019. O incremento foi debido á combinación da contaminación urbana e industrial unida á vaga de calor sufrida este verán, especialmente durante o mes de xullo, no marco dunha suba sostida das temperaturas ligada ao cambio climático.

Debido ás características climáticas de Galicia, a formación de ozono é moderada. Aínda así en 2022 producíronse 14 superacións do limiar de información á poboación en Ourense e Vigo e na zona norte de Galicia, coincidindo coa vaga de calor de mediados de xullo

Debido ás características climáticas de Galicia (inestabilidade frecuente, altas precipitacións e baixa radiación solar) a formación de ozono é moderada, evitando que se acaden as elevadas concentracións que teñen lugar noutros territorios. Aínda así en 2022 producíronse 14 superacións do limiar de información á poboación en Ourense e Vigo e na zona norte de Galicia, coincidindo coa vaga de calor de mediados de xullo.

No entanto, a frecuencia das superacións dos estándares da OMS e legal foi inferior á dos anos previos á pandemia, con descensos entre o 32% e o 42% en relación á media das rexistradas no período 2012-2019. A mellora da situación foi máis relevante en Pontevedra, as áreas metropolitanas de Ferrol e Vigo e a Zona Sur de Galicia. De maneira puntual e en niveis moderados, o ozono aumentou en Ourense e nas áreas metropolitanas da Coruña e Santiago.

Número de superacións en Galicia dos niveis máximos de ozono establecidos (2012-2022) © Ecoloxistas en Acción

Se se toma como referencia o valor recomendado pola OMS, o aire contaminado por ozono afectou en 2022 a totalidade da poboación, coa única excepción da cidade de Pontevedra

Se se considera o valor obxectivo trienal establecido pola normativa, máis laxo que a recomendación da OMS, non habería poboación en Galicia que respirase aire contaminado por ozono por riba do estándar legal no período 2020-2022. Porén, se se toma como referencia o valor recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), o aire contaminado por ozono afectou en 2022 a totalidade da poboación e do territorio galegos, coa única excepción da cidade de Pontevedra, a única cidade do Estado, xunto con Logroño, que non superou os niveis de contaminación por ozono recomendados pola OMS.

Ecoloxistas en Acción salienta que "a contaminación por ozono debe abordarse como un problema sanitario de primeira orde" e critica que "a información á cidadanía por parte da Xunta" sobre a contaminación por ozono "non é adecuada"

Ecoloxistas en Acción salienta que "a contaminación por ozono debe abordarse como un problema sanitario de primeira orde" e critica, así mesmo, que "a información á cidadanía por parte da Xunta" sobre a contaminación por ozono "non é adecuada". Durante o episodio de moi elevada contaminación de mediados de xullo en Vigo e na zona norte o Goberno galego "limitouse a difundir avisos informativos rutineiros" e no episodio de Ourense "nin a Xunta nin o Concello advertiron á poboación, como é preceptivo", denuncia a entidade, que critica que o protocolo da Xunta fronte aos episodios de alta contaminación "non contempla medidas específicas para este contaminante".

A organización lembra que as principais vías de actuación para reducirmos a contaminación do aire por ozono son a diminución do tráfico motorizado e "a adopción das mellores técnicas industriais dispoñibles", sendo "urxente" neste senso "pechar totalmente a central de carbón das Pontes". Así mesmo, insta ás cidades galegas a apostar por ambiciosas Zonas de Baixas Emisións, que están obrigadas a poñer en marcha nos vindeiros meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.