Entre xaneiro e maio deste ano, vendéronse en Galicia máis dun milleiro de coches eléctricos (1.089), 260 máis que no mesmo período do pasado ano, o que supón un incremento do 31%. Máis de un de cada dez vehículos que se mercaron no país nos cinco primeiros meses de 2023 foron eléctricos -puros, non híbridos- e a cifra total de vendas non anda moi lonxe da dos diésel (1.480). A repunta na compra deste tipo de vehículos, aínda que moderada, é evidente nos últimos anos, tal e como apuntan os datos de Faconauto, a patronal dos concesionarios, malia os atrancos que para os seus usuarios supoñen as eivas que denuncian no desenvolvemento da electromobilidade, sobre todo no que ten que ver cos puntos de recarga.
As matriculacións de coches eléctricos en Galicia medrou máis dun 30% no que vai de ano
Segundo os datos de Anfac, patronal dos fabricantes de automóbiles, actualmente Galicia conta con unicamente 735 puntos de recarga de acceso público -a maioría deles nas grandes cidades ou nas súas áreas de influencia- pero máis dun terzo (case o 40%) atópanse fóra de servizo. Ademais, o 80% son de carga lenta, polo que se precisa un mínimo de tres horas para poder recargar as baterías. En 2021, a propia patronal presentaba unha proposta que marcaba como obxectivo a instalación de 3.155 destes puntos en 2023.
Desde a Asociación de Usuarios de Vehículos Eléctricos (Auve) xa se advertiu varias veces do atraso que ten Galicia respecto doutras comunidades e, desde logo, en comparación coa maioría de países de Europa en canto ao desenvolvemento de infraestruturas axeitadas para o uso deste tipo de automóbiles e, polo tanto, tamén para o seu impulso.
Son as dúas velocidades da electromobilidade en Galicia: un referente na fabricación, a través de Stellantis, e da innovación e investigación, mediante os proxectos do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG). No resto, moitas eivas e un atraso máis que considerable.
Galicia ocupa os últimos lugares en calquera dos indicadores que miden o nivel de penetración de turismos electrificados e eléctricos puros, segundo o Barómetro de Electromobilidade de Anfac do primeiro trimestre deste ano. Pero é a última autonomía -e só supera as cidades autónomas de Ceuta e Melilla- en canto ao desenvolvemento das infraestruturas de recarga.
Galicia ocupa os últimos lugares en calquera dos indicadores que miden o nivel de penetración dos turismos eléctricos, segundo a patronal dos fabricantes
Neste caso, o indicador mide o estado destas instalacións considerando un obxectivo de 9,1 puntos de recarga por cada 1.000 persoas en idade motorizable, estando España xa nos últimos postos do ránking da UE, co 4,5) e lonxe da media comunitaria, de 10,6, ou de países como Francia (14,6), Noruega (50,4) ou Países Baixos (62). Galicia, con 2,8, sitúase no último posto de entre as comunidades do Estado e foi a que menos mellorou -unha décima- con respecto ao anterior trimestre.
Con todo, os datos de vendas de coches eléctricos puros no pasado mes mantiveron a súa repunta, con 229 en toda Galicia, un incremento de case o 50% respecto a maio de 2022, o que supuxo un 11% sobre o total de vehículos matriculados. No conxunto de España, no mesmo mes, foron case 4.500, un 120% máis, mentres que no acumulado do ano o incremento rolda o 65%, máis do dobre que na comunidade autónoma.
"As administracións parece que non toman en serio a aposta polo coche eléctrico e en Galicia a situación é aínda peor"
"Hai unha mellora porque para certo tipo de condutores supón un aforro importante e porque agora hai variedade onde elixir, moitos modelos e alternativas, pero segue habendo moitas dificultades. As administracións parece que non o toman en serio e en Galicia a situación é aínda peor", explica Iván Noé Tielas, delegado de Auve en Galicia, que di falar como usuario e que lembra que en Portugal, por exemplo, véndense o dobre de coches eléctricos por habitante que en España.
"En Cataluña hai moitos máis puntos de recarga, de balde e accesibles... En Vigo, por exemplo, non hai nin un punto de carga público de administración ningunha. Os concellos non se involucran, acabas tendo que ir a párkings ou centros comerciais. Ademais, en xeral en Galicia, non hai ningún tipo de control sobre o funcionamento desas infraestruturas, nin sobre a súa ocupación por parte doutros vehículos, nin sinalización nin zonas adaptadas a minusválidos", exemplifica Tielas, que coincide coa valoración de Auve, que asegura que viaxar en vehículo eléctrico é xa posible sen problemas en toda España e Europa agás en Galicia e nos territorios de Castilla y León pegados á fronteira galega. "Hai lugares onde os días de feira ou festa ocúpanse os lugares de recarga sen que ninguén diga nada nin se sancione", engade.
Tielas relata tamén a odisea que supón usar o coche eléctrico para saír de Galicia debido á escaseza de áreas de recarga no sur e no interior do país. Explica como nalgunha viaxe tivo que volver atrás para buscar onde cargar as baterías, facer noite ante a imposibilidade de chegar ao seu destino ou optar por estradas secundarias e velocidades baixas para non quedar tirado. Non sempre o conseguiu.
Unha ollada a Electromaps, aplicación que axuda a atopar zonas de recarga de acceso público, pon en evidencia o problema. En toda a zona norte da provincia de Lugo, entre a costa e Mondoñedo, non hai un só punto, sendo moi escasos tamén en toda a zona sur de Ourense e na área que queda entre a Costa da Morte e Santiago, na da Coruña.
"Aquí ao lado, en Portugal, teñen unha tarxeta única para usar nos puntos de recarga de pago, hai un bo mantemento das infraestruturas e teñen moitos máis espazos de recarga", explica Tielas, que cre que as axudas para a compra de vehículos eléctricos acabarán en nada "se as administracións non se involucran e toman este tema en serio". "A xente non comprará coches eléctricos e a industria automobilística marchará a lugares mellores... Van matar dous paxaros dun tiro", advirte. "Non se pode empezar a construír a casa polo tellado", insiste.
Así, segundo o informe de Anfac, no indicador global de electromobilidade, Galicia sitúase entre unha das tres peores autonomías, xunto a Extremadura e Andalucía. Faino dentro de España, que está máis de dez puntos por baixo da media da UE e de Portugal.
Galicia sitúase no grupo de comunidades por baixo da media estatal en desenvolvemento de puntos de recarga e en mercado; só Andalucía está peor
En canto á introdución do vehículo electricificado sobre o mercado total, Galicia escala algún posto, pero segue por baixo da media estatal e é tamén unha das comunidades onde menor proporción hai de coche eléctrico puro sobre o mercado electrificado, que inclúe opcións como o híbrido enchufable, por exemplo.
Xa que logo, e segundo o mesmo estudo, Galicia está no grupo de comunicades por baixo da media estatal tanto no que ten que ver coas infraestruturas de recarga como no mercado, só en peor posición global que Andalucía.
Todo nun contexto claro e marcado pola decisión da Comisión Europea de prohibir a comercialización de vehículos con algún tipo de motor de combustión desde 2035 no seu plan de loita contra o cambio climático. En definitiva, dá doce anos para que os fabricantes sigan vendendo coches con motor diésel, gasolina ou híbridos. A aspiración é que a Unión Europea sexa unha rexión neutra en emisións de dióxido de carbono en 2050.