A substitución do vehículo privado polo transporte público, máis eficaz que os coches eléctricos para reducir a contaminación

Autobús urbano en Compostela, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

"O actual parque de transporte público ten aínda unha elevada capacidade para absorber novos usuarios sen necesidade de investir en novos vehículos" e "pódense lograr melloras nos custos simplemente co redeseño de rutas", indica o informe

A substitución do vehículo privado de motor por transporte público é "a medida máis eficiente e efectiva para a descarbonización da economía española". Esta é a principal conclusión do informe 'Estratexias para a descarbonización do transporte terrestre en España. Unha análise de escenarios' elaborado polo Centro de Investigación Economics for Energy, con sede en Vigo e dirixido por Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, e Pedro Linares, profesor da Universidad Pontificia Comillas.

O estudo parte da base de que o sector do transporte é o maior emisor de gases de efecto invernadoiro en España, cun 27% sobre o total en 2018. O informe subliña que a redución de emisións e a relación custo-eficiencia que conseguiría a través deste cambio de usos (substitución do coche polo tren ou o autobús) "son máis significativas que as proxeccións obtidas da penetración do vehículo eléctrico". 

Concentración en Betanzos en demanda do tren de proximidade, nunha imaxe de arquivo © Plataforma pola Defensa do Tren

 Os autores do informe advirten que é necesario ampliar o radio de acción das políticas de xestión ao transporte interurbano en lugar de centralo unicamente nas cidades

En concreto, destacan que a priorización do transporte público non só reduce máis as emisións, senón que se constitúe na fórmula máis eficiente en función do seu custo. O informe subliña que "o actual parque de transporte público ten aínda unha elevada capacidade para absorber novos usuarios sen necesidade de investir en novos vehículos" e sinala que se "poden lograr melloras nos custos simplemente co redeseño de rutas". Os autores do informe advirten, así mesmo, que é necesario ampliar o radio de acción das políticas de xestión ao transporte interurbano en lugar de centralo unicamente nas cidades, dado que a mobilidade urbana representa só un 35% do consumo enerxético e as emisións.

O estudo recomenda a progresiva substitución dos coches máis vellos por outros de baixas emisións, pero desaconsella a "retirada acelerada" , e pide "evitar" que os incentivos ao coche eléctrico "beneficien aos usuarios de maior renda"

Con todo, o estudo si recomendan a progresiva substitución do parque de vehículos de maior idade (máis de 10 anos) por vehículos de motor de baixas emisións. Con todo, desaconsella a "retirada acelerada" de vehículos convencionais, que aínda que resultaría efectiva para reducir emisións, sería unha medida "pouco eficiente polo seu elevado custo, dado que implica desfacerse de vehículos cun valor residual aínda significativo".

En relación aos vehículos eléctricos, o informe sinala a conveniencia de "impulsar a innovación tecnolóxica" para "ir mitigando os sobrecustos que agora mesmo supoñen os vehículos eléctricos e que penalizan a súa eficiencia como catalizadores da descarbonización". 

Imaxe de arquivo dun atasco na Coruña © Policía Local A Coruña

E, igualmente, recomenda acompañar as medidas de incentivo á demanda "enfocándoas correctamente para evitar que beneficien aos usuarios de maior renda" con políticas públicas industriais e tecnolóxicas. Neste senso, advirten sobre os riscos distributivos que comportan as axudas públicas á renovación de vehículos, sobre todo, os referidos á súa captación "por usuarios que realmente non as necesitan ou polos propios fabricantes".

O informe reclama "unha maior atención das políticas públicas" cara ao transporte de mercadorías, dado que se estima que representará o 50% das emisións contaminantes do transporte terrestre en 2030

Igualmente, apostan por fomentar as fórmulas de vehículo compartido ou carpooling, pois "aínda que a magnitude da redución de emisións é relativamente pequena (5%), aumentar a taxa de ocupación do vehículo privado tería efectos inmediatos neste indicador".

O informe tamén reclama "unha maior atención das políticas públicas" cara ao transporte de mercadorías, dado que se estima que representará o 50% das emisións contaminantes do transporte terrestre en 2030, superando xa neste momento un terzo de todas as emisións deste segmento.

O informe empregou datos de utilización do vehículo privado de motor e do transporte público de varias cidades e áreas metropolitanas de todo o Estado, entre elas A Coruña ou Vigo. Na área metropolitana da Coruña, por exemplo, o tempo medio dos desprazamentos en coche na comarca sitúase nos 15 minutos, cunha lonxitude de 3,94 quilómetros e sumando un total de 2,5 millóns de viaxes diarias nun día laborable.

Autobús urbano en Vigo CC-BY-SA Dantadd

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.