Hai 493 estacións de carga en Galicia. Unha cantidade moi baixa, pero que está a medrar nos últimos tempos: hai un ano eran 274 e hai seis meses había 384
Nos vindeiros anos millóns de vehículos con motores de combustión serán substituídos por vehículos eléctricos, libres de emisións contaminantes e menos prexudiciais para o medio ambiente. Vai ser un proceso longo, pero que xa estableceu un calendario: a partir de 2035 todos os coches novos que saian ao mercado en Europa deberán ser de cero emisións e non poderán emitir nada de CO2. O obxectivo é que no ano 2050 xa non circulen na UE vehículos de gasolina, diésel ou híbridos.
O problema, de momento, é a carencia dunha infraestrutura de estacións de recarga eléctrica coma a actualmente existente de gasolineras. A web electromaps, que ofrece información actualizada sobre os puntos de recarga dispoñibles cifra en 493 os que neste momento están instalados en Galicia. Unha cantidade moi baixa, pero que está a medrar nos últimos tempos: hai un ano eran 274 e hai seis meses había 384.
Hai dous anos fabricantes de coches e concesionarios propuxeron a instalación en Galicia de 16.400 puntos de recarga eléctrica para o 2030
No ano 2021 a Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC) e a patronal dos concesionarios (Faconauto) presentaron unha proposta de despregamento de puntos de recarga de acceso público para vehículos electrificados que incluía a instalación ata o ano 2030 de 16.426 en Galicia. A proposta incluía tamén unha serie de obxectivos intermedios. Así, para o ano 2023 propuña a instalación en Galicia de 3.155 puntos de recarga de acceso público, que serían 5.114 en 2025, números que de momento están moi lonxe de acadarse.
A provincia de Pontevedra ten a mellor cobertura deste tipo de estacións de carga, con 196, seguida da Coruña con 153 e de Lugo con 87 e Ourense con 57
Os datos de electromaps amosan que a provincia de Pontevedra é a zona de Galicia cunha mellor cobertura deste tipo de estacións de carga, con 196, seguida da Coruña con 153 e de Lugo con 87 e Ourense con 57, sendo a provincia ourensá a que presenta un crecemento máis lento. En canto ás cidades, Vigo é a urbe con máis puntos de recarga (64), seguida de Santiago de Compostela (35) e A Coruña (34) e Lugo (26).
Cómpre lembrar, en todo caso, que os coches eléctricos contaminan menos que os de gasolina ou diésel, pero iso non quere dicir que sexan a forma de mobilidade máis sustentable. Dende o ecoloxismo e moitas institucións e organismos de análise apóstase pola substitución do vehículo privado de motor por transporte público, como sinalaba o recente informe 'Estratexias para a descarbonización do transporte terrestre en España. Unha análise de escenarios' elaborado polo Centro de Investigación Economics for Energy, con sede en Vigo e dirixido por Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, e Pedro Linares, profesor da Universidad Pontificia Comillas