O goberno pontevedrés estende á zona histórica as restricións ás vivendas turísticas que xa rexían no centro da cidade: só en edificios completos, baixos ou primeiros andares
Segundo o rexistro turístico da Xunta (REAT), Pontevedra é a terceira das sete principais cidades galegas con menos pisos turísticos. Eran 469 o pasado xuño, segundo as inscricións nun rexistro que, como vén de reiterar a Xustiza recentemente, non exime os impulsores destes negocios de cumprir as normativas sectoriais ou urbanísticas que estipulen os concellos. Isto é, que un piso turístico estea anotado no REAT non significa, necesariamente, que sexa un piso turístico legal.
As normas urbanísticas son a ferramenta que empregou o Concello de Santiago para frear a expansión destes pisos. Esa é a intención expresada tamén doutros gobernos locais coma o da Coruña e nesa liña vai igualmente o de Pontevedra, no seu caso estendendo á zona histórica os límites que xa tiña vixentes para esta actividade económica no resto da cidade.
Ata agora, fóra do casco histórico pontevedrés o Concello só autorizaba o uso de vivendas como piso turístico en edificios completos, baixos que legalmente poidan ser vivendas ou primeiros andares. Pero a norma era máis laxa na zona histórica, que agora pasará a ter os mesmos límites.
Inicialmente, a regulamentación nesa área pretendeu "favorecer a rehabilitación de vivendas". Agora, indica o edil de Urbanismo, pretende "evitar males maiores" na "convivencia entre residentes e visitantes"
Explica o edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, que a intención da regulamentación -o plan urbanístico que regula o centro histórico, o PEPRICA, remóntase ao ano 2003- fora "favorecer a rehabilitación de vivendas, tanto para uso residencial como para outro tipo". Pero agora, estima o goberno local, "cómpre facer unha interpretación do artigo 65 do PEPRICA", o que regula os usos hostaleiros, "para evitar males maiores" na "convivencia entre residentes e visitantes".
"Preferimos tomar medidas e anticiparnos", agrega Oubiña. Fano, agrega, nun contexto no que operan "un total de 90 vivendas de uso turístico no centro histórico", un 6,10% do total de vivendas dunha contorna na que ademais hai unha vintena de edificios completos "dedicados a uso hoteleiro".
Actualmente, agrega o concelleiro, o consistorio ten 11 comunicacións previas para abrir pisos turísticos, "algunha delas sen resolver". Tres, especifica, son "edificios completos, en concreto vivendas unifamiliares". A nova restrición chega paralela á encarga dun estudo sobre a situación da vivenda no concello, dende os pisos turísticos aos inmobles baleiros.