O Grove e A Illa de Arousa únense a Santiago e pedirán implantar unha taxa turística

A Illa da Toxa (O Grove), dende o aire. Ao fondo, a Illa de Arousa © Concello do Grove

Este venres a Xunta anunciou que a normativa para que Santiago teña a "habilitación legal" necesaria para aplicar unha taxa turística estará lista "a partir do 1 de xaneiro". Nas últimas horas O Grove e A Illa de Arousa manifestarion a súa intención de iniciar os trámites para implantar esta ferramenta

Este venres a Xunta anunciou que a normativa para que o Concello de Santiago teña a "habilitación legal" necesaria para aplicar unha taxa turística estará lista "a partir do 1 de xaneiro". Este marco regulatorio, que permitirá aos concellos a xestión deste tributo, terá que ser aprobado antes polo Parlamento. 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, comunicoullo á alcaldesa compostelá nun encontro mantido na capital galega. “O Goberno autonómico non se opón á implantación da taxa na cidade de Santiago sempre e cando resolva os problemas que o Concello asegura ter por mor da actividade turística”, dixo. 

Merelles explicou que a taxa non será aplicable de xeito xeral a toda a comunidade galega, senón que a implantarán os concellos que así o estimen voluntariamente, que, ademais, deberán xestionar, recadar e inspeccionar este imposto directamente. Ademais, a taxa turística deberá estar claramente condicionada a fins de sustentabilidade turística e resultará imprescindible a consulta cos sectores afectados, especialmente os que representan o tecido turístico da cidade e que se consensúe con el os fins que se recaden.

Xuntanza entre o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín © Xunta

A taxa deberá ser recadada polos concellos, consensuada co sector e destinarse a medidas de sustentabilidade turística

O representante do Goberno galego afirmou que o Concello de Santiago de Compostela foi "o único que solicitou a implantación deste imposto". Porén, este sábado cando menos dous concellos máis sinalaron publicamente a súa intención de solicitar a aplicación da taxa turística: O Grove e A Illa de Arousa, ambos os dous gobernados polo PSdeG-PSOE. O rexedor do Grove, José Cacabelos, xa manifestara este mes de xullo o seu desexo de contar con esta ferramenta para "crear novos ingresos que axuden ao financiamento dos concellos para recibir da mellor maneira ao turista”.

Este sábado Cacabelos confirmou a La Voz de Galicia que nos vindeiros días o Concello do Grove elaborará un estudo económico-financeiro para a implantación da taxa, imprescindible para soster a prestación de servizos públicos durante o verán, cuxo custo se multiplica pola chegada á localidade de milleiros de visitantes.

O alcalde do Grove leva tempo reclamando a implantación dunha taxa que permita soster a prestación de servizos públicos durante o verán, cuxo custo se multiplica pola chegada á localidade de milleiros de visitantes

Tamén A Illa de Arousa, a través do seu alacalde Luís Arosa, confirmou que xa remitiu unha carta ao director da Axencia Galega de Turismo para solicitar unha reunión que sirva para tratar a futura implantación dunha taxa turística, que deberán pagar as persoas que pernocten na localidade.

Este verán a asociación Arousa en Transición alertou publicamente sobre os problemas de saturación que se estaban a producir na Illa de Arousa debido ao incremento do número de turistas durante o verán. Frecuentes atascos de tráfico, o aparcamento de moitos vehículos en lugares prohibidos ou o “autocaravanismo incontrolado” foron algunhas das situacións denunciadas polas entidade.

A Mancomunidade do Salnés deu a coñecer as estatísticas de visitantes e pernoctacións do mes de agosto, o, que amosan un forte incremento do turismo na comarca

Precisamente este venres a Mancomunidade do Salnés deu a coñecer as estatísticas de visitantes e pernoctacións do mes de agosto, que amosan un forte incremento do turismo na comarca en relación ao mesmo mes do ano 2023, que xa rexistrara uns datos moi elevado. En total, segundo a información proporcionada polo posicionamento dos teléfonos móbiles, pasaron polos concellos do Salnés máis de 815 mil visitantes, dos que ao redor da metade (430.280) quedaron a durmir, sumando máis de 1,7 millóns de pernoctacións, cunha media de catro noites por persoa.

Sanxenxo (170.239 turistas ficaron a durmir) encabeza a listaxe, que é seguida por O Grove (70.449) e Cambados (43.875), Vilagarcía de Arousa e A Illa. As cifras medraron en todos eles, pero fixérono especialmente na Illa de Arousa (un 88% máis que en 2023, que xa batera récords), Meaño (+53%), Cambados (+36%) e Vilagarcía de Arousa (+35%).

As cifras medraron en todos eles, pero fixérono especialmente na Illa de Arousa (un 88% máis que en 2023, que xa batera récords), Meaño (+53%), Cambados (+36%) e Vilagarcía de Arousa (+35%)

Na presentación do estudo, o xerente da Mancomunidade, José Ramón García Guinarte, salientou que O Salnés "xa non pode medrar máis no verán" e apuntou que o obxectivo debe ser desestacionalizar o turismo cara a outras épocas do ano. Ademais, manifestou a súa preocupación polos datos da Illa de Arousa, que amosan un crecemento moi superior a outras zonas, levando o territorio "ao límite de ocupación recomendable".

Tren turístico no porto do Grove © https://www.crucerosdoulla.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.