A Xunta manexará en 2025 uns Orzamentos Xerais de 15.362,8 millóns. É o montante total contido no proxecto de contas públicas para o ano vindeiro entregado este sábado ao Parlamento polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. Esta suma, que inclúe o xa anunciado gasto non financeiro de case 14.000 millóns supón un incremento do 3,7% a respecto dos orzamentos definitivos de 2024, un novo récord da historia da autonomía para un proxeecto no que, entre as principais partidas, destacan as subas en vivenda ou pagamento da débeda e o descenso nun apartado tan sensible como a Investigación e o Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), isto é, a ciencia.
O Goberno entrega ao Parlamento o proxecto de contas públicas do ano vindeiro cun crecemento de case o 4%, ata os 15.362 millóns de euros
Ao compararmos o proxecto orzamentario co presentado hai doce meses o principal incremento porcentual prodúcese nunha partida de dotación relativamente escasa, a de protección civil e seguridade. Medra máis dun 30%, ata superar os 40 milóns, polo incremento de 10 a 16 millóns das achegas aos consorcios provinciais contra incendios -un sector convulso nos últimos anos- e tamén pola inxección de millón e medio para socorristas en diversos concellos.
Por tras desta partida tamén sobe de maneira relevante outra das vencelladas ao funcionamento interno da Administración, a de actividades financeiras, que chega aos 104 millóns. Este avance, do 25%, débese a factores diversos como a aparición de algo máis de 10 millóns novos para "estudos e traballos técnicos" e a gastos puntuais como 3 millóns que se destinarán a mercar mobiliario e equipamentos para os novos edificios da sede central da Xunta en San Caetano.
En calquera caso, a politicamente máis relevante entre as partidas que máis soben é a de vivenda, que quince anos despois volve superar os 200 millóns de euros ata acadar os 204,8, case un 23% máis. As orixes da suba hai que buscalas no forte avance do programa de acceso á vivenda (de 73 a 153 millóns) no que se inclúen os fondos europeos transferidos polo Estado que teñen, entre outras finalidades, o impulso de novos pisos en alugueiro social. Esta inxección pasa de 20 millóns en 2024 a 100 millóns en 2025 entre fondos propios (58,9) e europeos de recuperación (41,5), disparando o capítulo de investimentos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) de 40 a 120 millóns.
A suba politicamente máis relevante é a de vivenda, que quince anos despois volve estar dotada con máis de 200 millóns de euros nunha área na que son clave os fondos europeos. Sanidade e Educación tamén avanzan, pero por baixo da media do orzamento
Xunto ao aumento das achegas externas, nas contas do IGVS tamén é posible observar unha suba relevante de fondos da propia Xunta destinados a investir. Ese capítulo pasa de 38 a 93 millóns de euros, na liña do relativo cambio de rumbo tras década e media de parálise no impulso da vivenda protexida.
Tamén é significativo no proxecto orzamentario o aumento de máis dun 16% nos fondos destinados ao pagamento da débeda, que en conxunto chegan a 1.763,49 millóns. Dentro deles aumentan tanto os que teñen como destino o pagamento de xuros (de 188 a 214 millóns) coma os encamiñados a amortizar endebedamento, que pasan de 1.322 a 1.549. Neste eido, tanto a Consellería de Facenda coma o PP veñen subliñando nos últimos días que en 2025 non prevén subscribir nova débeda.
Todas estas subas están por riba do incremento medio do orzamento, do devandito 3,7%. A que, como cada ano, é a partida con maior dotación das contas públicas, a sanidade, descende por baixo da media a respecto dos orzamentos definitivos do ano pasado ao chegar aos 5.213 millóns, unha suba do 0,93%. Educación, pola súa banda, ascende nunha porcentaxe moi próxima á medida, cun 3,54% que leva o orzamento educativo ata os 2.858 millóns en 2025.
Descensos e comparación con 2009
Na banda contraria, a dos descensos, están partidas como a de deportes, que perde un 31% do orzamentado en 2024 e fica en 38 millóns, ou a de desenvolvemento empresarial, que cae un 25% -ata os 195 millóns- tras anos engrosada por programas como as axudas para facer fronte aos efectos da pandemia. Entre os apartados nos que o orzamento diminúe tamén se atopan as infraestruturas, que caen un 5%, e a devandita área de I+D+i.
As causas da caída dos orzamentos para ciencia son varias. Algunhas puntuais, como a desaparición dunha partida puntual de 8 millóns de euros que en 2024 foron a investimentos no Centro de Supercomputación de Galicia. Canda ela, tamén se rexistran diminucións como 10 millóns de euros menos para transferencias ás universidades públicas.
Alén das comparacións co ano previo, na última década e media vén sendo habitual que tanto o Goberno do PP como as forzas da oposición ollen as contas públicas de cada no espello das de 2009, as derradeiras do Executivo de PSdeG e BNG. Ao facermos ese exercicio sumando a inflación de 2024 aos números trazados hai quince anos a conclusión que devolven os números é que a partida de sociedade da información -a que manexa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica, organismo que centraliza todos os equipamentos técnicos da administración- é a que máis aumentou, cun 259,25% máis.
O actual Goberno destinará en 2025 máis en termos reais -aplicando a inflación- que o de PSdeG e BNG en 2009 a sanidade, débeda ou servizos sociais e seguirá por baixo en educación
Por tras dela sitúase a débeda, a cuxa atención a Xunta decida agora un 237,86% máis que en 2009, aplicando a inflación. No que atinxe a sanidade e educación, o orzamento sanitario estaría agora en termos reais un 4,22% por riba das derradeiras contas do Executivo de socialistas e nacionalistas tras máis dun lustro de recortes acumulados na década pasada. En ensino, pola contra, o gabinete de Alfonso Rueda destina en termos reais un 7,3% que o Goberno que encabezaban Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana.
Non sucede o mesmo coa área de acción e promoción social, a principal dentro dos servizos sociais. Esas partidas superan agora os 1.400 millóns de euros, un 85,68% máis que en 2009 -aplicada a inflación-, nun momento no que, por exemplo, a lei de dependencia apenas comezaba a despegar.