Non só Rueda e Feijóo: 35 orzamentos galegos "en tempo e forma"

Membros de todos os gobernos galegos da historia da autonomía CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: Arquivo Parlamento de Galicia (arriba) e Xunta (abaixo)

Os populares subliñan que "a Galicia que funciona aproba en tempo e forma os seus Orzamentos por 16º ano consecutivo". En realidade, excluíndo demoras técnicas pola celebración de eleccións, isto leva sucedendo ininterrompidamente dende 1991

O PP de Galicia ten activa unha campaña publicitaria nas redes sociais para destacar que "a Galicia que funciona", en referencia ao lema da súa exitosa campaña electoral do pasado febreiro, "aproba en tempo e forma os seus Orzamentos por 16º ano consecutivo". Cadrando coa tramitación das contas para 2025 e como en exercicios anteriores, os populares poñen o foco na "normalidade" da súa tramitación e aprobación antes de que remate o ano para así entrar en vigor o 1 de xaneiro. Un síntoma de "estabilidade" da que carecen outros territorios e o Goberno de España, enfatizan.

En realidade, os Orzamentos da Xunta "aprobados en tempo e forma" non son algo extraordinario nin exclusivo dos gabinetes de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda que o PP inclúe nesa conta de 16 seguidos -incluíndo xa os de 2025-. Con algúns matices, como demoras máis técnicas ca políticas pola celebración de eleccións, so 7 dos 43 Orzamentos Xerais da historia da Xunta (de 1981 a 2024) finalizaron o seu trámite de aprobación claramente fóra de prazo, a maioría nos primeiros anos da autonomía. Porque esa finalización é a que marca, en rigor, se os orzamentos son aprobados "en tempo e forma" e non o seu visto e prace no Consello da Xunta, como suxire a campaña dos populares.

En 28 ocasións, as contas públicas galegas recibiron o seu visto e prace definitivo no Parlamento antes de que rematase o ano previo á súa entrada en vigor. E 8 veces demoráronse un chisco por influencia de procesos electorais.

En tres ocasións os Orzamentos de Feijóo foron aprobados definitivamente co exercicio xa iniciado tras anos nos que se celebraran eleccións: 2013, 2017 e 2021

Esas lixeiras demoras técnicas tamén aconteceron en tres ocasións baixo os mandatos de Feijóo. Así, os Orzamentos de 2013 non foron aprobados pola maioría absoluta do PP ata febreiro dese ano -os comicios galegos celebráronse en outubro de 2012- e algo semellante aconteceu en febreiro de 2017, lixeiro atraso por mor das eleccións do 25 de setembro de 2016.

Tamén en 2021 os Orzamentos Xerais foron aprobados co ano xa iniciado, o 28 de xaneiro.  En xullo de 2020 celebráranse eleccións, marcadas pola pandemia da COVID, que afectou ao funcionamento de todos os niveis da Administración. A explicación oficial do atraso por parte da Xunta, non obstante, foi culpar o Goberno de España polo seu atraso en detallar cantos fondos estatais ían chegar a Galicia.

Aplicando o criterio do propio PP sobre a aprobación dos Orzamentos Xerais "en tempo e forma" e deixando, polo tanto, á marxe eses atrasos técnicos que tamén aconteceron con Fraga tras as eleccións de 1993, 1997 e 2001, as contas públicas galegas levan 35 exercicios sendo aprobadas en prazo. Para atopar un ano con atraso sen influencia electoral hai que remontase a 1991, cando foron aprobadas en xaneiro nun contexto marcado pola transferencia definitiva da xestión sanitaria á Xunta. Non houbo máis, excluídas eleccións, en todos o resto de Orzamentos de Fraga, Feijóo e Rueda e tampouco nos catro que elaborou o Goberno de coalición de PSdeG e BNG, baixo cuxa responsabilidade estiveron as contas de 2006 a 2009.

O feble goberno de Albor non aprobou en prazo ningún dos seus seis orzamentos. Os primeiros que chegaron a tempo foron os do tripartito de PSdeG, CG e PNG para 1989, aprobados en decembro do ano previo

Só houbo un período no que a tónica habitual era o atraso en aprobar os orzamentos: os primeiros gobernos da autonomía, dirixidos por Alianza Popular con Gerardo Fernández Albor á fronte. Entre 1982 e 1987 o Executivo de Albor non deu sacado adiante as contas públicas en prazo en ningunha ocasión. O maior atraso foi o de 1986, nun contexto político marcado pola minoría do Goberno e as conspiracións internas contra o presidente da Xunta, cando os Orzamentos non puideron ser aprobados ata outubro.

Os primeiros Orzamentos da Xunta aprobados antes de que comezase o ano no que debían aplicarse foron os de 1989. O Goberno tripartito que presidía o socialista Fernando González Laxe en coalición con Coalición Galega -incluíndo tránsfugas de AP- e o Partido Nacionalista Galego sacounos adiante definitivamente o 30 de decembro de 1988. Os seguintes, os de 1990, xa dependeron do primeiro Executivo do PP de Fraga, que non os sacou adiante ata xuño de 1990.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.