O continuísmo co que Rueda herdou o Goberno de Feijóo deu paso, tras gañar as súas primeiras eleccións, a medidas desacomplexadas como atar o control da CRTVG ou reforzar o peso do PP na administración
Alfonso Rueda é presidente da Xunta desde o 12 de maio de 2022. Pero daquela herdara o Goberno galego tras a marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid e non foi ata o 11 abril deste ano que quedou investido presidente tras gañar el mesmo unhas eleccións. Se nos dous anos iniciais optou por manter o groso das políticas e os equipos que lle deixara Feijóo, coa excepción dos altos cargos que este levara consigo para Madrid, nos seis meses que van desde a súa segunda investidura o presidente vén aplicando na Xunta unha receita máis persoal, cun maior peso das estruturas do PP que non se vía desde o fraguismo, do que tamén está a recuperar outros elementos dun xeito desacomplexado.
Feijóo, que chegara á política como funcionario, sempre tentou presentar os seus conselleiros e conselleiras como técnicos, mesmo tecnócratas, afastados do partido. Eran os seus homes e mulleres, a súa escolla persoal, á marxe do PP, aínda que despois fixese entrar no partido a quen non estivese aínda afiliado. O ex-presidente tamén tentou durante os seus anos á fronte do PPdeG que todo pasase por el e pola dirección galega, cun debilitamento das estruturas provinciais, a excepción de Ourense e os Baltar.
Con Rueda, do PP desde a familia e as Novas Xeracións, a tendencia é a contraria. Tras gañar as súas propias eleccións, el mesmo degradou os seus anteriores vicepresidentes, Diego Calvo e Ángeles Vázquez, pero deu entrada no Goberno galego a persoas claramente do PP. Foi o caso dos novos conselleiros de Cultura e Medio Rural, José López Campos e María José Gómez, alcaldes ata hai medio ano da Estrada e Guntín, como alcalde era tamén en Cervo Alfonso Villares, do que tirou en xuño do pasado ano cando Feijóo lle roubara tamén á súa predecesora, Rosa Quintana.
A nova Xunta de Rueda ten máis altos cargos e permite que membros do partido ocupen postos antes reservados a funcionarios
Pero con Rueda o partido está a espallarse por todos os niveis da administración. O pasado abril, só dez días despois da toma de posesión, Rueda decidiu que as delegacións territoriais da Xunta pasasen a depender directamente del. E nelas as xefaturas territoriais de cada consellería, que ata agora só podía ocupar persoal funcionario, poden ser agora entregadas a dedo a calquera persoa que para o Goberno galego teña "unha acreditada experiencia ou solvencia ou competencia profesional". Na práctica, a militantes do PP.
E por se había dúbida de que os tempos da austeridade que pregoaba Feijóo xa remataron, o Goberno de Rueda conta hoxe con 81 altos cargos, 20 máis que hai unha década.
No mesmo Consello da Xunta de abril no que Rueda abriu a porta de máis cargos públicos a homes e mulleres do partido aínda que non sexan funcionarios, o Goberno galego tamén tirou dun destacado cargo do PPdeG, o seu vicesecretario de Organización, Pedro Rojo, como secretario xeral de Medios, a persoa á fronte da publicidade institucional. Tamén é ese departamento o que vén de impulsar unha nova lei de medios de comunicación públicos que reforza o control da CRTVG por parte do PP e renuncia a crear unha autoridade audiovisual de supervisión independente.
A Xunta non só ten agora máis cargos do PP senón que este está vendo reforzadas as súas estruturas provinciais e mesmo se podería falar dunha certa "reideoloxización". "O PPdeG de Feijóo era de Feijóo", di unha voz fondamente coñecedora do partido, que apunta que este está a gañar máis peso, en parte porque a súa número 2, Paula Prado, tamén é, como Rueda, "moi do PP".
Recuperar a canción Xuntos de Juan Pardo ou os retiros co seu Goberno son algunhas das reminiscencias fraguistas máis claras
A nova situación non só supón volver a tempos anteriores a Feijóo nas estruturas senón mesmo nas formas. A campaña electoral de Rueda xa tirara da canción Xuntos, que popularizara Juan Pardo e o PP de Fraga convertera en himno de partido. Pero hai só uns días o fraguismo volveu aparecer na Xunta. Ao igual que facía Fraga, Rueda decidiu facer un "retiro" cos seus conselleiros e conselleiras, algo que non fixera nunca Feijóo. Porén, se Fraga adoitaba elixir mosteiros, o estilo Rueda, quen tomou posesión en abril definíndose como un galego "sen pompa nin soberbia", optou por un hotel de luxo.