'Xuntos': Rueda encoméndase a un PPdeG xa inexistente tras a 'expropiación' de Familia Caamagno

Juan Pardo, cantando 'Xuntos' en 1988, Fraga nunha romaría, Rueda tomando posesión como presidente e imaxe do videoclip 'Xuntos' de Familia Caamagno CC-BY-NC-SA Praza.gal

Como en calquera outro país, a historia política e cultural de Galicia é unha, pero puideron ser moitas outras. Viaxemos por un momento ao 25 de xullo de 1988. O parque de Castrelos de Vigo acolle un concerto multitudinario. Neste caso non é organizado polo Concello, trátase da gala de celebración do terceiro aniversario da Televisión de Galicia.

Antes da existencia do PP como tal, o 'Xuntos' de Juan Pardo bosquexaba unha caste de banda sonora pop dunha Galicia autónoma en construción. Doutra Galicia posible, distinta da que acabou sendo 

Era o primeiro Día Nacional da historia da autonomía sen un presidente de dereitas na Xunta. Uns poucos meses antes, a moción de censura contra Albor situara na presidencia ao socialista Fernando González Laxe da man de Coalición Galega (incluíndo tránsfugas) e o Partido Nacionalista Galego-. 

O cantante Juan Pardo diríxese á multitude. "O camiño e as loitas da vida fanse moito mellor acompañado", introduce en castelán. "Eu -continúa- escribín unha canción para falar deste tema, para dicir que realmente os logros, os acertos, os fracasos, todas as metas da túa vida teñen outro sentido, outro saber e outro sabor se os consegues facer xuntos... Xuntos!". A concorrencia entusiásmase e unha banda de gaiteiros irrompe no escenario para dar paso a un hit que agora o PP tenta recuperar para acompañar a Alfonso Rueda na carreira electoral do 18F.    

Juan Pardo interpreta 'Xuntos' na gala do terceiro aniversario da TVG, no parque vigués de Castrelos o 25 de xullo de 1988

Naquela altura o Partido Popular non existía como tal -Alianza Popular aínda no fora refundada para dar lugar ao PP-. E Juan Pardo, que unha década antes lanzara con notable éxito Miña nai dos dous mares, un disco no que musicaba poemas de Ramón Cabanillas e mais o himno galego, bosquexaba unha caste de banda sonora pop da dunha nova Galicia autónoma que estaba en plena construción. Doutra Galicia posible, distinta da que acabou vindo.

O PPdeG de Fraga situouse a si mesmo no "nacionalismo moderado" ao son do tema de Juan Pardo e mitins e romarías. "Xuntos imos a máis, separados imos ao carallo", advertiu o 'patrón' cando xa principiara a decadencia

Aquel goberno non resistiría o seu primeiro test electoral. Por un só deputado, o PP acabado de fundar logrou en decembro de 1989 a maioría absoluta coa que puido investir como presidente da Xunta a Manuel Fraga en xaneiro de 1990. O patrón da dereita española, que fora ministro da ditadura, dispúñase a matar politicamente a Fraga Iribarne para instalar en San Caetano a don Manuel, un líder a medio camiño entre o presidente e o avó disposto a aglutinar a todo o centro dereita baixo as súas novas siglas tras unha campaña na que abandonou os tons rojigualdas da vella AP para pedir o voto acompañado dunha única bandeira, a galega.

Nesa liña, en 1991 Fraga asumía formalmente o liderado do PP de Galicia nun congreso cuxas teses políticas situaban a formación no "nacionalismo moderado". Tratábase, explicara Xosé Cuíña, de "facer compatible a nosa primeira e radical identidade galega cunha pertenza a ámbitos máis amplos". Diso trataba o "principio de autoidentificación" entenddo como "dereito dos galegos a ser galegos con todas as súas consecuencias".

Versión de 'Xuntos', de Juan Pardo, lanzada polo PP para a campaña das eleccións do 18F deste 2024

O xiro do PPdeG tivo unha banda sonora, o Xuntos de Juan Pardo. Foi o tema que ecoou nas romarías do Monte Faro -despois trasladadas ao Monte do Gozo- e en diversos actos electorais mentres o cantante viraba en icona pop do fraguismo. Omnipresente na TVG da época, ese e outros temas de Pardo acompañaron a hexemonía fraguista e tamén a súa decadencia. "Xuntos imos a máis, separados imos ao carallo", advertiu Fraga en vésperas das eleccións xerais de 2004, as que acabaría gañando un PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero que acabaría sendo determinante na fin do fraguismo mesmo apenas un ano despois.

Nun contexto electoral máis incerto do que desexarían, un PP no que o "deG" foi minguando apela á súa "historia" para tentar impulsar a Rueda mediante a "recuperación dun clásico" que xa "expropiaran" os Familia Caamagno dous anos antes. "Non entenderon nada", ironiza a banda de Sigüeiro

Aquela advertencia dun Fraga xa ancián producírase pouco despois de que a dirección estatal do partido, comandada por José María Aznar e Mariano Rajoy, principiase unha intervención en Galicia que comezara por neutralizar a Cuíña e continuara coa inserción de Alberto Núñez Feijóo en postos de dirección. Xa con Feijóo -e Rueda- aos mandos, o Xuntos de Juan Pardo foi remudado por outras escollas musicais sen vocación nacional-popular, como as cancións electorais encargadas a Los Limones, abandonadas neste 2024 para lanzar unha nova versión de Xuntos.

Nun contexto electoral máis incerto do que o PP desexaría, os populares encoméndanse ao espírito dun partido que en boa medida xa non existe, a un PP no que o "deG" foi minguando durante anos e, paradoxalmente, con maior intensidade dende que quen o dirixe en Madrid é un ex-presidente da Xunta. Nun vídeo introducido polo propio Rueda, apelaron á "historia" da formación para xustificar a "recuperación dun clásico" que xa recuperaran -ou, nas súas palabras, "expropiaran"- os Familia Caamagno hai dous anos nun retranqueiro vídeo con estética soviética.

'Xuntos', por Familia Caamagno (2022), no videoclip de Xaime Miranda

"Non entenderon nada de nada", ironizaba a banda de Sigüeiro pouco despois de que Rueda presentase a súa versión mentres, nas redes sociais, non pouca rapazada amosaba a súa sorpresa por que o PP elixise para a campaña unha versión dunha canción de Familia Caamagno, obviando o orixinal de Juan Pardo.

O PP reitera o afán por engancharse ao pasado de maiorías absolutísimas cunha carta atribuída a Juan Pardo lida por Rueda. Mentres, o BNG amosa que a versión dos Familia Caamagno xa soou en máis dunha ocasión no vehículo que traslada a Ana Pontón aos actos de campaña

"Aínda non se nos pasou o disghusto", ironizou nos días seguintes o grupo. A banda deu en reflexionar tamén sobre que "se todos os ghrupos de ghalisia facemos campagna electoral abertamente, o 18F hai cambio. e se non o hai tampouco pasa nada que non creo que se acorden destas cousas, ouh?", mentres o BNG respondía que a súa versión xa soou máis dunha vez no vehículo que traslada a Ana Pontón aos actos de campaña.

Co Xuntos re-revisitado soando nos seus mitins, o PP reiteraba o afán por enganchase a aquel pasado de maiorías absolutísimas divulgando, poucas horas antes do debate electoral da CRTVG, outro vídeo no que Rueda le unha carta atribuída a Juan Pardo na que o cantante agradece que a súa canción siga soando, tamén na campaña electoral dos conservadores. Para ilustralo, o partido elixiu imaxes daquel concerto da TVG en Castrelos en 1988, cando Pardo amagou con poñer a bailar ao son de Xuntos a outra Galicia posible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.