"Con cargo ao orzamento" turístico do Goberno galego, asegura o PSdeG, Candia "vai repartindo cartos a destro e sinistro polas parroquias"
O tecido veciñal da cidade de Lugo e mesmo de parte da provincia lucense vive unha pugna política cada vez menos soterrada. Ficou evidenciada o pasado 19 de outubro, cando a Federación Veciñal Lucus Augusti, ata hai pouco a única e cuxa dirección simpatiza co PSdeG, xuntou milleiros de persoas no seu tradicional e festivo día do Veciño mentres, a escasos centos de metros, a nova organización Xuntos por Lugo, máis afín ao PP, competía cun xantar de balde con apoio económico da Xunta.
En vésperas desa particular competición a beiras do Miño entre música e empanada a Deputación de Lugo lanzaba unha acusación concreta. A Xunta está a contribuír a crear grupos veciñais "ao servizo do PP" con fondos públicos, advertiu o goberno do ente provincial durante a presentación do seu apoio ao Día do Veciño, verbalizando o que viña sendo unha acusación máis ou menos soterrada en ámbitos da esquerda dende meses atrás.
Este contexto é relevante para entender as consideracións lanzadas este pasado venres por Lara Méndez, deputada e secretaria de organización do PSdeG, durante a comparecencia do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles, para presentar os Orzamentos que manexará o seu departamento en 2026. Unhas contas dotadas con 122 millóns de euros nas que a achega do Goberno galego aumenta un 8%, pero que na suma global descenden un 14% pola redución de fondos europeos de recuperación post-COVID.
A socialista Lara Méndez cuestiona a intención política de achegas como "unha festa de disfraces" que "organiza unha panadería do ámbito familiar dunha persoa que foi nas listas" do PP lucense ou "unha orquestra para as festas dunha parroquia" a través "dunha consultora de enxeñaría"
Sostén Méndez que "Rueda converteu Turismo de Galicia na chequeira da señora [Elena] Candia", líder local e provincial do PP lucense. Porque do orzamento de Turismo, agrega a que fora alcaldesa de Lugo, saen fondos para o que define como "estratexia de clientelismo para comprar vontades en Lugo e provincia cun fin electoral".
"Con cargo a ese orzamento", asegura a socialista, a líder conservadora "vai repartindo cartos a destro e sinistro polas parroquias, polas asociacións e polos colectivos". E isto, asegura, concrétase en accións como "unha festa de disfraces" que "organiza unha panadería do ámbito familiar dunha persoa que foi nas listas da señora Candia", ou outro negocio panadeiro que organizou "un campionato de dardos", en ambos casos con achega do Goberno galego. Tamén cabe destacar, advirte, "unha orquestra para as festas dunha parroquia" facturada "a unha consultora de enxeñaría".
"Non criticamos que se financien festas de disfraces, nin campionatos de dardos", agrega Méndez, pero si que se faga deste xeito. Da mesma maneira, sostén, o PSdeG apoia que "se fagan obras en centros sociais" como dotar un destes equipamentos con prazas de aparcamento "incluíndo na memoria, como xustificación, que por alí pasa o Camiño Primitivo... Pero resulta que o Camiño Primitivo non pasa por esa parroquia". É así, sostén, como unha axencia "que debera servir para apoiar un motor económico fundamental" pasa a ser "a chequeira da señora Candia".