"Hai que traballar e deixarse de mercadear cos votos dos veciños para vendelos a medio mandato"

Pilar García Porto, nunha comparecencia ante a prensa como voceira do goberno da Deputación de Lugo CC-BY-NC-SA Deputación de Lugo

O pacto co PP de Claudio Garrido, alcalde ex-socialista de Sarria, implica a fin do seu partido independente antes das vindeiras eleccións municipais. Ese acordo, canda outras operacións como a moción de censura que permitiu aos populares gobernar Viveiro máis de vinte anos despois, axitan a escena política de Lugo coa Deputación como pano de fondo. A dirección dos populares ten no albo unha institución que -agás catro meses de 2015- non controlan dende 2007, cando o PSdeG accedeu por primeira vez á presidencia en coalición co PSdeG. 

Pilar García Porto, vicesecretaria xeral dos socialistas na provincia e voceira do goberno da Deputación, atribúe estes movementos ao "modelo de Elena Candia", presidenta do PP lucense, que ao seu xuízo está baseado na "falta de rigor e de respecto aos votantes e aos resultados electorais". De aí, considera a tamén alcaldesa de Antas de Ulla, que o alcalde sarriao optase por "vender os votantes e concelleiros"; pero "iso chámase enganar" non lle "vai dar resultado" ao PP, augura.

Criticaron con dureza o pacto entre o PP e Camiña Sarria, que implica que o partido do actual alcalde non se volva presentar ás eleccións municipais. Por que o consideran negativo para a vila?

Porque, como dixo o noso secretario xeral, José Tomé, cando menos cinco dos quince puntos que expoñen no pacto non responden a cuestións que poidan decidir o Concello ou a Xunta porque dependen do Estado. E, por outra banda, se ata o día de hoxe non valoraran ningún punto dese acordo é inviable que de aquí a mediados do 2027, en pouco máis de ano e medio, se leven cabo, porque sabemos como funciona a Administración. Esa é a primeira fraude. E a segunda, no caso de Camiña Sarria, cando se presentaron ás eleccións facíano cunha serie de compromisos que agora vemos que non cumpren; parte das persoas que votaron a Claudio [Garrido] seguramente se soubesen que ían pactar co PP, aforrarían dous anos e votarían ao PP. Sería un voto máis real que vender a Sarria e aos votantes a outro partido.

García Porto, visitando canda José Tomé as obras dos accesos ao Parque Central de Galicia, en Antas CC-BY-NC-SA Deputación de Lugo

Como valoran que o acordo de Sarria implique compromisos de investimentos da Xunta?

Inviable completamente. Veremos cantos van nos orzamentos deste ano máis alá do título. Nun ano é imposible facelo; vémolo dende os concellos, que son as Administracións máis áxiles. Vémolo tamén en Viveiro:, investiron a alcaldesa e de momento o único que fixeron foi poñerse de acordo en subirlle o soldo. 

Como alcaldesa dun pequeno concello, non sei se ten a sensación de que a cor política lle pecha portas na Xunta á hora de reclamar investimentos…

"A Xunta carga os concellos de competencias que non lles corresponden e despois dá caramelos a quen queren arrimar ao PP"

O primeiro que hai que facer nos concellos é traballar arreo e non sei se Claudio Garrido facía un esforzo no día a día como para acadar compromisos coas diferentes administracións. A Xunta de Galicia ten un criterio de intereses partidistas puro e duro, pero é un erro. Porque iso castiga ás maiorías das vilas cunha política en contra dos veciños. O que está  facendo descaradamente é cargar os concellos de competencias que non lles corresponden, coma o Servizo de Axuda no Fogar ou as brigadas contra incendios, e despois dá pequenos caramelos a quen queren arrimar ao PP, que non á Xunta. É unha forma de gobernar que nós non compartimos nin nos gusta. Eu son alcaldesa e non quero iso para o meu concello máis alá de que eu teña capacidade de propoñer en diferentes administracións, tamén da Xunta, diferentes proxectos que poidan encaixar, pero para iso hai que traballar. 

O PP respondeu que ese reparto en función de cores políticas é o que fai a Deputación de Lugo...

O PP mente neste caso porque oculta a verdade e iso é mentir. A realidade é que a Deputación de Lugo ten un plan Deputación, como ten tamén a da Coruña pero non a de Pontevedra dende que goberna o PP, cun reparto igual para todos os concellos con criterios obxectivos. A partir de aí, pode criticar o que considere; pero a Deputación fai un reparto equitativo para todos os concellos e as residencias da Deputación, por exemplo, hainas en concellos do PP, do PSdeG e do BNG. O PP ten que pensar que é unha mentira coas patas curtas.

Pilar García Porto, nun acto con comuneiros de montes en Antas de Ulla © Deputación de Lugo

O acordo en Sarria, como antes a moción de censura en Viveiro e como outros movementos máis ou menos subterráneos que pode estar habendo están tendo unha lectura en clave provincial, en clave de pugna pola Deputación. Interprétano así no Partido Socialista?

É lexítimo que o PP queira chegar a gobernar a Deputación de Lugo, todos queremos gobernar para aplicar os nosos proxectos, pero a realidade é que sempre din que están chegando pero están máis lonxe do que pode parecer. A vez pasada tamén dicían que ían arrasar na Montaña, falaban da Fonsagrada… E aí están so resultados. Hai que traballar e deixarse de mercadear cos votos dos veciños para vendelos a medio mandato. 

Esperan novos acordos no mesmo sentido? Soa con forza Becerreá…

"Candia séntese presionada porque onde vai non acaba de consolidar. Pode mercadear, facer as compras na feira na que está metida, pero se cadra compras que parecen boas non lle dan resultado"

O Partido Popular cada vez que se chega a metade dun mandato ponse nervioso e empezan a dar voltas. Ademais, Elena Candia séntese presionada porque onde vai non acaba de consolidar. Conseguiuno en Mondoñedo e abandonou os veciños o compromiso coa súa vila para levar a cabo as súas pretensións persoais en Lugo. Ese é o modelo.

Pero cren que estes pactos poden acabar implicando que, finalmente, o Partido Popular teña máis posibilidades de gobernar a Deputación en 2027, vinte anos despois?

Pode mercadear, pode facer compras na feira na que está metida neste momento, pero despois ao mellor esas compras que aparecen que aparentemente parecen boas non dan resultado. Xa o vimos en Samos.

Pilar García Porto, con José Tomé e o resto de integrantes do PSdeG do goberno da Deputación de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Neste ecuador de mandato na Deputación cren que poden dicir que están a cumprir os obxectivos que marcaron ao inicio?

"Facemos investimentos en concellos abandonados pola Xunta mediante convenios con luz e taquígrafos. Que saque a Xunta os que asina ás escuras cos concellos que lle interesan"

Dende a Deputación de Lugo temos unha execución orzamentaria das máis altas, o cal quere dicir moito da axilidade coa que se traballa. Noutros lados non se consegue; sen ir máis lonxe, na Xunta. Centrámonos en cuestións clave, como é a mobilidade na nosa rede de estradas, a máis extensa do Estado con máis de 4.000 quilómetros Por iso en cada Xunta de Goberno  van grandísimos investimentos con fondos propios para a rede de estradas a Deputación, con independencia da cor política dos concellos, mentres deixamos a débeda a cero. Por outro lado, en servizos sociais, en atención directa ás persoas, a través da rede de residencias estamos facendo o maior investimento que houbo nunca obrigados polo desleixo absoluto da Xunta, que non ten residencias suficientes para atender as nosas persoas maiores.  E despois fanse os investimentos que os concellos abandonados pola Xunta requiren mediante convenios con luz e taquígrafos, por moito que diga o PP. Que saque a Xunta os convenios que asina ás escuras cos concellos que lle interesan, nós facémolo cada venres, retransmitíndoo en directo. 

Todo isto sucede, en clave de partido, nun contexto no que veñen de sufrir ataques na súa sede; por que os inscriben nunha dinámica máis xeral de violencia política e non os consideran cuestións illadas?

Porque non sucede só en Lugo. Estamos vendo unha agresividade por parte da extrema dereita á que o PP fai seguimento co seu silencio. É algo que non queremos consentir; non é a primeira vez que sucede e xa non se pode calar. Por iso queremos denuncialo alto e claro, porque as mensaxes de odio que están soltando cada día os líderes políticos da extrema dereita aos que consenten os líderes da dereita lévannos a isto. Como sociedade hai que poñer freo e a denuncia é o mínimo que podemos facer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.