O alcalde ex-socialista de Sarria pacta retirarse co PP e alimenta a súa pugna pola Deputación

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido -con lentes- e a voceira local do PP, Carmen José López, asinan o pacto flanqueados por Elena Candia e Paula Prado, o pasado 27 de setembro © PP Sarria

O que fora rexedor sarriao polo PSdeG, no cargo con Camiña Sarria dende 2019, asina co PP promesas de investimentos da Xunta e anuncia ao tempo que o seu partido "dá por finalizado o ciclo político" e non volverá presentarse

Cando, na primavera de 2027, abran as urnas para as novas eleccións municipais, haberá case vinte anos que o PP non goberna a Deputación de Lugo un mandato completo. Foi en 2007 cando PSdeG e BNG lograron unha vitoria inédita, ao sumaren por primeira vez unha maioría absoluta que desbancou o PP do histórico Francisco Cacharro Pardo e situou na presidencia o socialista José Ramón Gómez Besteiro.

Dende aquela, só houbo unha breve paréntese en que o bastón de mando do Pazo de San Marcos estivo nas mans do PP. Foi tras as municipais de 2015, cando o alcalde de Becerreá -na altura aínda con carné do PSdeG no peto-, cobrou unha vinganza interna votando en branco para que fose presidenta a xefa de filas dos populares na provincia, Elena Candia, que permanecería no posto apenas catro meses, ata que Manuel Martínez accedeu a permitir que o goberno retornase ao que aínda era o seu partido en coalición co Bloque.

Xuntanza entre o alcalde de Sarria e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, para tratar investimentos na localidade en presenza da voceira do PP local, Carmen José López, tamén directora territorial da Consellería de Emprego na provincia CC-BY-SA Xunta

Un perfil político e persoal semellante ao de Manuel Martínez segue sendo o do tamén ex-socialista alcalde de Sarria, Claudio Garrido. Quen fora rexedor baixo as siglas socialistas de 1999 a 2003 e de 2007 a 2011 goberna a vila dende 2019 baixo as siglas de Camiña Sarria, formación independente que fundou tras ser un dos principais atrancos para a anterior alcaldesa, Pilar López, do PSdeG. Agora vén de pactar co PP a súa propia retirada nun movemento que transcende a vila e olla á batalla pola Deputación, igual que o fixeron previamente as mocións de censura en Viveiro e no Valadouro.

O pacto ten unha obvia lectura provincial, onde Sarria se encadra no transcendental partido xudicial de Lugo para compoñer un goberno que en 2023 PSdeG e BNG mantiveron por uns poucos centos de votos malia ao medre do PP

O pasado sábado, nun acto presidido por Candia e mais pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, Garrido rubricou cos populares sarriáns un acordo de 15 puntos consistentes, esencialmente, en promesas de investimentos da Xunta. Algúns deles, en eidos que xeraron amplos conflitos na vila coma o deterioro do colexio Frei Luís de Granada. O pacto leva anexo, confirmou Garrido, que Camiña Sarria "dá por alcanzados os nosos obxectivos fundacionais" e "dar por completado e finalizado o noso ciclo político ao termo deste mandato".

Camiña Sarria, deste xeito, non concorrerá catro anos despois de lograr ser a primeira forza na vila (7 edís fronte a 5 do PP, 3 do PSdeG e 2 do BNG) nunhas eleccións municipais nas que os de Garrido se aliaran a nivel provincial con Galicia Sempre, a marca baixo a que Manuel Martínez goberna en Becerreá, co obxectivo declarado de tentaren lograr cando menos un escano na Deputación e condicionar a cor do goberno. Non o lograron e aínda que estivo máis preto que noutras ocasións -faltáronlle uns poucos centos de votos- o PP non deu superado a suma de PSdeG e BNG.

O PSdeG ve "a maior bazofia política da historia" da vila

José Tomé, presidente da Deputación de Lugo e líder provincial do PSdeG, este 28 de setembro en Sarria para avaliar o pacto entre PP e Camiña CC-BY-NC-SA PSdeG

Neste contexto, o pacto do PP con Garrido ten unha obvia lectura en clave de pugna pola Deputación. Nesa carreira Sarria está dentro do partido xudicial de Lugo, que conta cunha ducia dos 25 escanos da corporación provincial, repartidos nas últimas municipais -e tamén nas anteriores- a partes iguais entre esquerda e dereita: 6 para o PP, 4 para o PSdeG e 2 para o BNG. Dado que o goberno se decidiu por un único escano, calquera alteración pode ser significativa. De aí a importancia do que poida acontecer en Sarria tras a retirada de Camiña.

Tomé coida que o pacto só responde a "problemas persoais do alcalde" e "ambicións" da líder provincial do PP e agoira un escenario semellante ao acontecido en Samos o mandato pasado, cando o rexedor socialista acabou apoiando o PP pero as urnas compuxeron unha maioría de esquerdas

Para o presidente da Deputación e secretario xeral do PSdeG na provincia, José Tomé, o pacto de Garrido co PP é "a maior bazofia política da historia de Sarria". "Só busca arranxar problemas persoais do alcalde" e mais "servir as ambicións" de Candia que, coida, "afortunadamente non o vai conseguir". Coida Tomé que Garrido "vendeuse politicamente o PP" e con el "vende a veciñanza de Sarria", toda vez que "boa parte dos votos que tiña a súa candidatura pertencían á esquerda" e por iso "estou convencido de que a inmensa maioría volverá confiar na alternativa progresista".

"Estou convencido de que a cidadanía de Sarria non aceptará este tipo de cuestións", agrega Tomé, quen proxecta para a vila un escenario semellante ao movemento protagonizado polos populares en Samos antes das anteriores municipais. Daquela, o que fora alcalde polo PSdeG abandonara o seu partido para pasar a apoiar o PP, que ao tempo fichaba ao seu fillo como candidato. A operación, que semellaba encamiñada a unha maioría absoluta dos populares, acabou cunha absoluta da esquerda encabezada polo BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.