O colexio apuntalado en Sarria leva as clases á rúa para criticar as aulas "terceiromundistas" ofrecidas pola Xunta

Réplica dunha aula de Escola Fogar no malecón de Sarria © Plataforma en Defensa do Frei Luis de Granada

A Plataforma denunciara nas últimas semanas a negativa da Consellería de Educación a permitir que as aulas foran visitadas "polos medios de comunicación e pola cidadanía"

Durante este domingo puido verse no Malecón de Sarria unha réplica dunha das aulas provisionais que a Consellería de Educación habilitou nun dos edificios do colexio Frei Luis de Granada, que en xaneiro tivo que ser apuntalado ante os seus evidentes problemas construtivos. Un gran número de persoas pasaron pola instalación, coa que a Plataforma en Defensa do Frei Luis de Granada, formada principalmente polas nais e pais do alumnado, busca alertar das malas condicións destas aulas, situadas na antiga Escola Fogar. 

As aulas xa foran criticadas hai unhas semanas por incumprir a normativa vixente, en concreto o Real Decreto 132/2010, que regula os requisitos mínimos dos centros educativos e que establece que cada aula debe ter un mínimo de 1,5 metros cadrados por posto escolar.

Xornada de 'aulas abertas' no Frei Luis de Granada de Sarria © Plataforma en Defensa do Frei Luis de Granada

Esa é a razón que levou ás nais e pais a organizar unha 'Xornada de Aulas Abertas' para que a cidadanía puidese comprobar "as pésimas condicións nas que se atopan os alumnos e mestres do colexio"

A Plataforma denunciara nas últimas semanas a negativa da Consellería de Educación a permitir que as aulas foran visitadas "polos medios de comunicación e pola cidadanía". Para a entidade, a Xunta busca "ocultar as aulas, que neste momento son totalmente terceiromundistas, ignorando deliberadamente toda a lexislación que regula as condicións que deben cumprir os espazos educativos". 

Ademais dese espazo mínimo para cada neno ou nena, critícanse outros aspectos, como pingueiras, fallos eléctricos, malos cheiros e a existencia de baños compartidos. E, igualmente, a carencia de ximnasio e biblioteca (que se atopan no edificio que está sendo sometido a obras de acondicionamento) ou eivas na accesibilidade. 

Esa é a razón que levou ás nais e pais a organizar unha 'Xornada de Aulas Abertas' no Malecón, para que a cidadanía da vila puidese comprobar por exemplo o espazo do que cada alumnos e alumna dispón nas aulas provisionais e "as pésimas condicións nas que se atopan actualmente os alumnos e mestres do colexio público da nosa vila". Na entrada da instalación puideron verse dous carteis contrapostos, coas mensaxes "os vosos despachos" e "as nosas aulas", reiterando a crítica á Consellería de Educación.

"Queremos unha infraestrutura que cumpra cos requisitos dun colexio do século XXI, un colexio en plenas condicións, para o cal, a consellería debe mellorar considerablemente as circunstancias actuais", di a Plataforma, que sinala que "precisamos garantir unha educación de calidade, e, a día de hoxe, estamos moi lonxe de ter, non xa unha educación de calidade, senón unhas condicións dignas".

Interior da réplica dunha aula instalada no Malecón de Sarria © Plataforma en Defensa do Frei Luis de Granada

A Plataforma esixe "unha solución integral ao Frei Luís, solución que non pode pasar polas pequenas obras que se teñen feito polo momento"

A entidade reclama que se acomode aos nenos e nenas "con mellores condicións" mentres se presenta "unha solución integral ao Frei Luís, solución que non pode pasar polas pequenas obras que se teñen feito polo momento". Neste senso, nais e pais seguen esixindo a rehabilitación integral do edificio, un proxecto que a Xunta se comprometeu a presentar en abril. De momento, a pasada semana remataron as obras de reforzo no edificio danado, que pasaron pola colocación de vigas metálicas de reforzo e a reparación das fendas aparecidas.

As familias convocarán unha manifestación en Sarria para as vindeiras semanas

As familias esixen "unha solución integral" e non "parches" e lembran que os problemas que apareceron en xaneiro eran os mesmos que xa sufrira o inmoble hai uns anos. Por iso, á espera da resolución das obras de reforma integral, están a manter contacto cos responsables de centros de ensino da comarca que se ofreceron a acoller o alumnado. Ademais, están a manter contactos coas distintas forzas políticas e, igualmente, está prevista a realización dun pleno extraordinario no Concello de Sarria. Finalmente, as familias convocarán unha manifestación en Sarria para as vindeiras semanas, aínda pendente de fixar unha data.

A situación do Frei Luis de Granada estivo moi presente nas comparsas do entroido en Sarria © Plataforma en Defensa do Frei Luis de Granada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.