Este luns, despois de dúas semanas sen acudir ás clases, a maior parte do alumnado do CEIP Frei Luis Granada de Sarria regresaron ás aulas, aloxados nunhas instalacións temporais, habilitadas durante a semana anterior, mentres no edificio principal do centro se levan a cabo obras de reforma para corrixir algúns dos problemas que obrigaron a apuntalar o inmoble.
Pingueiras, fallos eléctricos, aulas pequenas, cheiros e baños compartidos están entre as denuncias
Porén, xa dende este luns nais e pais criticaron o estado das instalacións provisionais (situadas no edificio da denominada Escola Fogar, no mesmo complexo), destacando eivas de grande importancia, como pingueiras nunha das aulas de primeiro de Primaria, fallos eléctricos que deixaron outra aula sen luz, cheiros nos baños ou o propio tamaño dos espazos, moi pequenos para acoller as clases trasladadas dende o outro edificio.
O BNG subliña que cada aula debe ter un mínimo de 1,5 metros cadrados por posto escolar
No mesmo senso, o BNG de Sarria denunciou este mércores que a Consellería de Educación "reubicou parte do alumnado do Frei Luis de Granada en aulas que incumpren a normativa vixente”. O voceiro nacionalista, Efrén Castro, detallou que “algúns dos espazos habilitados na Escola Fogar non cumpren co Real Decreto 132/2010, que regula os requisitos mínimos dos centros educativos e que establece que cada aula debe ter un mínimo de 1,5 metros cadrados por posto escolar”.
Castro tamén explicou que “os baños son compartidos” e cuestionou as condicións de accesibilidade do
edificio, concluíndo, ao igual que nais e pais que "a situación está moi lonxe de volver á normalidade que anunciou a Xunta”.
O BNG de Sarria denuncia que “o Goberno de Feijóo respondeu á mobilización dos pais cunha solución improvisada coa que non fai máis que dar un novo golpe ao ensino público en Sarria”. A formación xa cuestionou no seu momento a reubicación dos nenos e nenas na Escola Fogar e criticou “que se descartase aopción de levar aos nenos e nenas aos outros centros escolares da vila que si reúnen todos os requisitos, como xa se fixo en 2011”.
“O Goberno de Feijóo respondeu á mobilización dos pais cunha solución improvisada coa que non fai máis que dar un novo golpe ao ensino público en Sarria”
Nais e pais xa anunciaron a súa intención de constituírse en plataforma para levar as súas reivindicacións ante as administracións, unhas demandas que inciden en reclamar "unha solución integral" e non "parches" para un centro no que se veñen reproducindo problemas estruturais dende o ano 2011.
Tamén o BNG volveu cuestionar o “plan de rehabilitación integral” anunciado pola Xunta, sinalando que “o único que sabemos ata agora dese proxecto é que actuarán sobre os voladizos, cando os informes da propia Consellería demostran que o deterioramento afecta a outras partes estruturais do edificio”.