A maior parte dos alumnos e alumnas do colexio Frei Luis Granada de Sarria continúan sen acudir ás clases, por segunda semana consecutiva. O luns pasado a fachada do edificio e algunha das aulas apareceron apuntaladas "por precaución", ante as evidentes eivas estruturais que presenta o inmoble, con solos curvados, fendas nas paredes e dificultades para pechar portas e fiestras. As protestas de pais e nais forzaron á Xunta a ofrecer solucións alternativas mentres se realizan obras de reforzo nas estruturas danadas.
O Goberno galego asegura que a partir do luns 3 de febreiro se poderán retomar as clases "con normalidade". De momento, este luns unicamente 46 dos 367 nenos e nenas acudiron ás aulas
Optouse finalmente por trasladar os 367 alumnos e alumnas a outra parte do complexo, a denominada Escola Fogar, na que durante toda esta semana se están a realizar obras de acondicionamento que permitan instalar alí con seguridade e comodidade a todos os nenos e nenas. O Goberno galego asegura que a partir do luns 3 de febreiro se poderán retomar as clases "con normalidade". De momento, este luns unicamente 46 dos 367 nenos e nenas acudiron ás aulas.
A pesar de que a solución escollida permitirá o retorno dos nenos e nenas ás clases e de que as obras que se levarán a cabo no edificio resolverán algúns dos defectos máis evidentes, a maioría das nais e pais amósanse moi críticas coa xestión realizada dende a Xunta.
Tanto na concentración que tivo lugar ante o centro o pasado mércores como sobre todo na manifestación que percorreu as rúas de Sarria o venres pola tarde, pais e nais esixiron "unha solución integral" e non "parches", lembrando que o edificio leva anos arrastrando problemas moi semellantes, que xa obrigaron ao traslado do alumnado no ano 2011.
"Non imos permitir o que sucedeu no 2011, unha obra meramente estética, a que directamente non se fixo nada, que reflicte a súa utilidade como podemos observar", di nais e pais
No manifesto lido ao remate da marcha denunciouse "o estado de abandono no que se atopan as instalacións: sen calefacción, con problemas nos baños, cristais rotos e madeira podre nas fiestras" e esixiuse "unha obra que poña fin verdadeiramente a esta situación". E alertouse de que "a Xunta só anuncia un parche que non soluciona os problemas reais que presenta o edificio". "Non imos permitir o que sucedeu no 2011, unha obra meramente estética, a que directamente non se fixo nada, que reflicte a súa utilidade como podemos observar", engadiron.
Neste senso, nais e pais do centro reclaman "un estudo integral e completo dos problemas que presenta o edificio" e, unha vez que se coñeza o diagnóstico, "unha solución integral con criterios exclusivamente técnicos e non políticos ou orzamentarios". "Non imos pasar por máis medidas preventivas, sobre todo non imos pasar por só arranxar os voladizos como anuncian. Os problemas que estes e outras partes do edificio presentan falan de problemas estruturais importantes", engaden.
"Non pode suceder o mesmo que en 2011, que se sinalaron unha serie de defectos construtivos e non foron corrixidos", asegura o Concello de Sarria
Nais e pais esixíanlle tamén ao Concello de Sarria "un labor de supervisión das obras", unha petición que o Goberno local recolleu de inmediato, aprobando un decreto que busca "realizar un seguimento das reparacións e medidas correctoras que se tomen no edificio e transmitir aos pais e consello escolar a marcha dos mesmos". "Non pode suceder o mesmo que en 2011, que se sinalaron unha serie de defectos construtivos e non foron corrixidos", denunciaba o Concello, encabezado polo seu alcalde, Claudio Garrio, que cualificou de "lamentable" que o informes técnico realizado hai case unha década "xa dixera cales eran as decisións que había que tomar para resolver o problema estrutural, que é a causa do que sucede agora".
O propio informe técnico realizado hai uns días a instancias da Consellería de Educación, trala aparición dos defectos que obrigaron a apuntalar o centro, sinala que "as fisuras dos tabiques dos corredores reaparecen nos mesmos puntos que no ano 2011" e que "se trata dunha estrutura mal deseñada con vigas de grandes luces que favorecen as deformacións". Nais e pais e o Concello baséanse nas conclusións deste informe para esixir unha actuación integral que asegure a solidez dunha estrutura que sofre "un deterioro paulatino", segundo o documento
"Non toleraremos máis mentiras da Xunta", sinalan finalmente nais e pais no seu manifesto
"Non toleraremos máis mentiras da Xunta", sinalan finalmente nais e pais no seu manifesto, no que carga especialmente contra as técnicas da Consellería de Educación que lles aseguraron a nais e pais que non existía perigo ningún e contra o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, ao que lle esixiron a súa "dimisión" e acusaron de "mentir publicamente" e de poñer "en perigo a seguridade de toda a comunidade educativa". Antes de coñecer o informe técnico, Balseiro asegurou que a actividad lectiva podía continuar "sen maior problema".
Críticas de CIG, CC.OO. e BNG
As críticas chegaron tamén por parte dos sindicatos do sector do ensino. CC.OO. criticou "a falta de seguridade e a total improvisación nas actuacións" levadas a cabo pola Consellería de Educación. O sindicato manifestou o seu apoio á comunidade educativa do centro e o seu rexeitamento "das actuacións deficitarias e totalmente improvisadas" por parte da Xunta. CC.OO. demandou finalmente "máis transparencia e garantías por parte da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Educación sobre a seguridade do edificio e unha certificación técnica escrita de que o centro é totalmente seguro".
CIG Ensino denunciou "a indefensión das equipas directivas á hora de tomar decisións en canto á suspensión das actividades lectivas"
Pola súa banda, CIG Ensino denunciou "a indefensión das equipas directivas á hora de tomar decisións en canto á suspensión das actividades lectivas xa sexa por mor dun temporal ou problemas de inundacións ou ben, como foi esta semana o caso do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria, por mor de problemas estruturais do propio edificio". "As equipas directivas teñen que ter un protocolo de actuación no que a súa decisión se respecte; non poden estar ao albor de decisións xerais tomadas desde un despacho dun responsábel político sen ter en conta a situación real dos centros educativos ou da climatoloxía de cada zona. Nalgúns casos esas decisións chegan mesmo a cuestionar as que poden ter tomado, por responsabilidade, as direccións dos centros", sinala o sindicato.
CIG Ensino esixe a negociación dun protocolo de actuación para que as equipas directivas "teñan claro como actuar en cada momento, limitando ao máximo a discrecionalidade e arbitrariedade, asumindo a responsabilidade última a propia Administración" e deixando claro que cando as direccións se vexan na obriga de tomar unha decisión "non van ser cuestionadas pola Consellaría".
"Como vimos en Verín, aquí tamén se están erguendo os vecinos e as veciñas en defensa dun dereito fundamental como é a educación", di o BNG
Pola súa banda, o BNG de Sarria salientou que "o que necesita a vila de Sarria é un centro novo, do século XXI, que garanta a seguridade do alumnado e do profesorado", destacando a deputada Olalla Rodil que "a mobilización social é a que consegue facer presión suficiente para que a Xunta do señor Feijóo teña que moverse".
Rodil lembrou o recente éxito da mobilización en Verín e engadiu que "como vimos en Verín, aquí tamén se están erguendo os vecinos e as veciñas en defensa dun dereito fundamental como é a educación". "Temos dereito a contar con servizos públicos de calidade e a ter á fronte do goberno persoas que consideren que os servizos públicos son un dereito e que non poden ser desmantelados", concluíu.