O alumnado do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria será trasladado mentres duren as obras que buscan reforzar a estrutura, que sofre importantes eivas. As 16 aulas situadas na parte do inmoble na que se realizarán as actuacións deberán reacomodarse en espazos pertencentes a outra parte do complexo educativo, denominada Escola Fogar, que non presenta problemas.
O alumnado do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria será trasladado mentres duren as obras que buscan reforzar a estrutura
Porén, as familias manteñen as súas cautelas e as súas críticas. De feito, a maior parte dos nenos e nenas (un total de 377) non acudiron ás clases durante os últimos cinco días e continúan sen facelo. Pais e nais critican a falta de concreción, pois aínda non foi aclarado cando se realizará este traslado nin as condicións en que se fará. O espazo da Escola Fogar conta unicamente con 12 aulas, insuficientes para acoller a actual distribución de cursos e grupos.
Ademais, esa parte do edificio, que na súa maioría carece de actividade habitual, debe aínda ser acondicionado, e tampouco se concretaron os prazos ou a forma en que isto se fará. A isto hai que engadir outros problemas, como que os nenos e nenas non poderán usar o patio ou o ximnasio, situados na parte do inmoble no que se levarán a cabo as obras. As familias tamén demandan que dende a Consellería ou dende o Concello se acheguen solucións para facilitar a conciliación e o coidado dos nenos e nenas mentres non poden acudir ás clases.
Pais e nais convocan unha manifestación este venres baixo os lemas "esixamos unha solución integral para o novo colexio" e "queremos o noso colexio arranxado, non parcheado"
Pais e nais convocan unha manifestación polas rúas de Sarria este venres ás 20.30 horas, nunha marcha que sairá dende o propio CEIP. Na convocatoria da marcha sublíñase "non permitamos que nos volvan enganar. Esixamos unha solución integral para o novo colexio" e "non queremos máis puntais, queremos o noso colexio arranxado, non parcheado". A Xunta ten que dar unha solución".
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, mantivo un encontro coas nais e pais dos alumnos e alumnas este xoves pola tarde. Nesta xuntanza, presentouse o informe técnico realizado nos últimos días para diagnosticar as causas dos fallos que vén presentando o edificio, e que obrigaron a apuntalalo a pasada fin de semana.
No encontro deste xoves a conselleira destacou que "o fundamental é a tranquilidade das familias" e reiterou que o edificio non supón perigo ningún para os seus ocupantes. A Consellería ofreceu tamén unha solución alternativa ao traslado á 'Escola Fogar': a distribución do alumnado entre outros centros de ensino da comarca, de Oural a Paradela ou Samos. Porén, esta opción tería o problema da separación dos actuais grupos e, así mesmo, debería achegarse unha solución de trasporte escolar.
O informe indica que "aínda que non existe risco inmediato en canto á súa estabilidade, as deformacións das fiestras poderían producir a rotura dos cristais ou a caída de fragmentos da fachada"
O devandito informe técnico sinala que "a estrutura do edificio, en xeral, non presenta falta de capacidade portante" e que "os danos observados son debidos aos movementos normais da estrutura por acción das cargas ás que está sometida". O texto apunta, con todo, que "se trata dunha estrutura mal deseñada con vigas que favorecen as deformacións" e que "as fisuras dos tabiques dos corredores reaparecen nos mesmos puntos que no ano 2011". O documento conclúe que "se está producindo un deterioro paulatino, e aínda que non existe risco inmediato en canto á súa estabilidade, as deformacións das fiestras poderían producir a rotura dos cristais ou a caída de fragmentos da fachada". O informe recomenda neste senso manter "o apuntalamento instalado baixo os voadizos para, posteriormente, proceder ao reforzo da súa estrutura".
O documento recomenda "que se fagan actuacións de cara a rixidizar a estrutura, o que evitaría que esta sufrise movementos excesivos e as roturas periódicas dos tabiques"
O informe vai máis alá e remata dicindo que "dadas as alarmas que se producen de forma recorrente nos usuarios do edificio polos defectos crónicos que este presenta, e a fin de evitar as mesmas, recoméndase que se fagan actuacións de cara a rixidizar a estrutura, o que evitaría que esta sufrise movementos excesivos e as roturas periódicas dos tabiques".
Polo tanto, semella probable que ademais dos traballos de reforzo que se levarán a cabo nas vindeiras semanas, haberá que realizar unha obra máis complexa para tentar solucionar por completo os problemas estruturais que sofre o inmoble. Estas actuacións, que deben ser aínda deseñadas e licitadas, poderían alongarse moito máis no tempo.