Familias do colexio de Sarria apuntalado advirten de que "non temos a seguridade de que non haxa risco para os nenos"

Unha das aulas apuntaladas do colexio Frei Luis Granada de Sarria CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Dende a Xunta asegúrase que o edificio está "perfectamente" e que non existe risco ningún para os seus ocupantes

Cando este luns alumnado, profesorado e pais e nais do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria chegaron ao centro atoparon que en varias das súas aulas e fachadas foran colocadas puntais de obra. O apuntalamento realizárase "de forma preventiva", debido á intensificación dos defectos construtivos que dende hai anos ven sufrindo o edificio: solos inclinados nalgunhas zonas, aparición de grandes fendas nas paredes "polas que se podía meter unha man" ou a imposibilidade de pechar moitas das portas e ventás, por mor da curvatura dos marcos.

Dende a dirección do centro asegurouse que non existía perigo ningún e que só se tomaba esta medida como "precaución" mentres se realiza un estudo para diagnosticar a orixe dos problemas. Uns problemas que non son recentes, pois xa no ano 2011 as aulas tiveran que ser desaloxadas ante a aparición de defectos semellantes aos actuais. Nese momento foi preciso intervir sobre a infraestrutura nunhas obras que duraron dez meses e que obrigaron a reubicar o alumnado noutro centro.

Xa no ano 2011 as aulas tiveran que ser desaloxadas ante a aparición de defectos semellantes aos actuais.

O luns, tanto pais e nais coma o profesorado negáronse a que os rapaces acudisen ás aulas nestas condicións. O martes si houbo clases, pero a elas só acudiu un 20% do 367 alumnos e alumnas totais (71 en Infantil e 296 en Primaria), unha situación semellante á vivida este mércores.

O martes pola tarde unha longa e multitudinaria asemblea de máis de tres horas, á que asistiron ao redor de 300 pais e nais, serviu para que os proxenitores preguntasen as súas dúbidas a representantes da Consellería de Educación, aínda que unha boa parte dos asistentes ficaron decepcionados coa falta de información recibida. Dende a Xunta asegúrase que o edificio está "perfectamente" e que non existe risco ningún para os seus ocupantes. Así mesmo, deféndese que dende a aparición dos referidos problemas no 2011, "de forma periódica" se realizan controis para comprobar a seguridade do inmoble.

Unha das aulas apuntaladas do colexio Frei Luis Granada de Sarria CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

O inmoble permanecerá apuntalado e realizaranse pequenas obras durante ao redor dun mes

Tanto a Consellería de Educación como a propia comunidade educativa do centro están á espera dun informe que debe valorar o estado actual do edificio e guiar as actuacións que se deben poñer en práctica para solucionar as súas eivas. De momento, segundo indican dende a Xunta, o inmoble permanecerá apuntalado só no exterior e realizaranse pequenas obras durante ao redor dun mes. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destaca que os técnicos consideran que as fisuras son leves e non entrañan riscos de colapso da estrutura. E reitera que a decisión de instalar os puntais no colexio foi tomada “por unha mera cuestión de prudencia en tanto se recababan todos os datos que permitiran valorar a situación”.

Pais e nais levaron a cabo este mércores unha concentración ás portas do centro baixo o lema "coa seguridade dos nosos fillos non xoga ninguén". As familias amósanse moi críticas coa xestión da Consellería de Educación e critican tanto a falta de información, como o feito de que as obras previstas se vaian levar a cabo cos propios nenos e nenas no interior do edificio. Na asemblea deste martes tamén alertaron contra a falta de seguridade existente nalgúns puntais, que podían provocar feridas nalgúns dos nenos.

"Din que non hai risco de que caia o edificio, pero quédanos a dúbida de por que se puxeron os puntais", sinala Daniel, un dos pais

"Din que non hai risco de que caia o edificio, pero quédanos a dúbida de por que se puxeron os puntais", sinala Daniel, un dos pais, que engade que "non temos a seguridade de que non haxa perigo para os nenos". Asegura que de momento vai seguir sen enviar os seus fillos ás clases, ao igual que estes dous días fixeron unha parte importante das familias. 

"Non sabemos se os pais e nais que si están levando os nenos ao colexio o fan porque pensan que non hai perigo ou porque non teñen opcións para deixalos noutro lugar", comenta. "Nós si temos a opción de non levar a nena ao colexio. E se algún día non temos opción, teremos que levala, aínda que non temos a seguridade de que non haxa risco para ela", engade.

Nais e pais sinalan a perigosidade dos propios puntais CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

“Que se derive o problema as nais e os pais cando a responsabilidade de garantir as condicións de impartir aulas é da mesma Xunta, é unha irresponsabilidade por parte deste goberno”, di Olalla Rodil (BNG)

Pola súa banda, José Luís (outro dos pais) pide agardar ao informe da situación, pero reclama que se adopten medidas para solucionar as causas que están provocando estes problemas e non se limiten a facer "parches". "Se eles din que o edificio é seguro, será seguro, pero iso non significa que non haxa que solucionar isto, non podemos estar así, con solos curvados e portas que non abren", di. "No momento en que saiban o que hai que facer, veremos se as obras son compatibles con que os rapaces sigan indo ás aulas", remata. 

O BNG criticou publicamente esta situación sinalando a deputada Olalla Rodil que “rodeadas de centos de puntais, as alumnas e alumnos non poden recibir unha educación pública de calidade”. A parlamentaria cualifica a actitude da Xunta de "imprudente". “Que se derive o problema as nais e os pais de levar as súas fillas e fillos ao centro cando a responsabilidade de garantir as condicións de impartir aulas é da mesma Xunta, é unha irresponsabilidade por parte deste goberno”, afirma Rodil.

Nalgunha das aulas apareceran fendas de gran tamaño CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.