Foi un dos golpes de efecto do PP lucense na precampaña das pasadas municipais. A dirección provincial do partido, co pleno aval da cúpula galega, executou unha desas operacións que noutrora (nos tempos do falecido Francisco Cacharro Pardo) sería difícil concibir que rematasen en fracaso: os populares ficharon como cabeza de lista en Samos (1.200 habitantes) a Miguel Gallego, fillo de Julio Gallego Moure, alcalde da vila polo PSdeG dende 2007, e neto de Julio Gallego Losada, rexedor por Coalición Galega entre 1983 e 1987.
Paralelamente ao anuncio do PP, o pai do novo candidato popular confirmaba que non volvería presentarse á reelección como alcalde socialista e que pediría o voto para o fillo, porque "agora" se "considera de dereitas". A continuación, o PSdeG expulsouno mentres o resto do grupo municipal apoiaba o novo candidato, Antonio García, que á súa vez era destituído como tenente da alcaldía por parte de Julio Gallego.
Todo semellaba encamiñado para que se cumprise o obxectivo da dirección popular nesta pequena vila: mudar unha maioría absoluta do PSdeG por outra do PP. Pero non sucedeu. Tras o 28M houbo cambio de goberno pero non no sentido deseñado na sala de máquinas conservadora: Samos ten nova alcaldesa e é María Xesús López, do BNG, que foi candidata por primeira vez en 2019.
A operación, 'bendicida' pola cúpula popular ao máis alto nivel, marcou o obxectivo de lograr a maioría absoluta que ata agora ostentara o pai do candidato, que dixo considerarse "de dereitas" tras a fichaxe do fillo polo PP
"O Bloque vai ser quen abra un novo camiño, cun proxecto centrado na veciñanza e sen ningún xogo de cromos polo medio", declaraba Chus López o pasado abril, mentres a dirección galega e e mesmo a estatal dos de Rueda e Feijóo amosaba a súa adhesión á operación. Así, por exemplo, trasladaron a Samos unha "xuntanza de traballo" con candidatos da comarca presidida por Paula Prado e Miguel Tellado.
Alí advertiron de supostos riscos "do sanchismo" e sinalaron o fichado Miguel Gallego como "referente da xente nova que se implica na política", en verbas da secretaria xeral do PPdeG. O obxectivo era a maioría absoluta, reiteraron noutro mitin no que o candidato foi avalado por Francisco Conde, na altura aínda vicepresidente primeiro da Xunta.
O PSdeG, pola súa banda, tentaba recompoñerse da abrupta saída do alcalde rumbo ao PP. "Temos que pechar este esperpento e apostar por unha candidatura gañadora, que coloque a política municipal de Samos lonxe do Falcon Crest familiar que está montando o PP", advertían. O acontecido, lamentaban, fora "de extrema gravidade".
Malia ao crecemento do PP, o Bloque triplicou representación e Chus López converteuse na primeira alcaldesa da historia da vila: "Samos deu un paso á fronte para abrir un tempo novo", di
E chegou a hora de votar. O PP logrou duplicar representación, de 2 a 4 edís e o 43% dos votos, un crecemento de 21 puntos, mentres o PSdeG pasaba de 5 a 2 concelleiros e caía trinta puntos, ata o 21%. Pero dende o fondo da corporación anterior chegou acelerando a candidata do BNG: do 13% a case o 30% dos votos e de 1 a 3 edís nunha corporación da que desapareceu CxG.
Con estes números, a maioría absoluta da esquerda na corporación investiu o pasado sábado a Chus López como alcaldesa, a primeira muller e a primeira representante do BNG en gobernar na historia da vila. "Samos deu un paso á fronte para abrir un tempo novo, temos un equipo preparado para facer que Samos avance cun goberno de progreso", afirma a rexedora, que dirixirá o concello en coalición cos socialistas.