A desconexión gobernamental da CRTVG, desactivada tras trece anos no conxelador

Sánchez Izquierdo, con Alfonso Rueda en 2014, tras asinar un convenio entre a CRTVG e a Vicepresidencia da Xunta CC-BY-SA Conchi Paz /Xunta

Febreiro de 2010. Menos dun ano despois do retorno do PP á Xunta grazas á maioría absoluta lograda con Alberto Núñez Feijóo á fronte por escano de diferenza sobre a suma de PSdeG e BNG, os populares aceptan a proposta socialista de abordar a reforma da lei de creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia, que databa de 1984. O texto inicial foi elaborado nunha comisión tripartita e en novembro de 2011 acabou vendo a luz a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia cos votos a prol de PP e PSdeG -o Bloque desmarcárase na parte final da negociación.

Entre as novidades do novo texto incluíase unha das promesas do PP nos seus catro anos de oposición e que socialistas e nacionalistas aseguraban compartir, aínda que non chegaran a aplicalo na súa etapa de goberno. Tratábase da elección da dirección xeral da CRTVG por maioría reforzada de dous terzos do Parlamento -50 escanos-, o que obrigaba a pactar o nome entre, cando menos, o partido do Goberno e un dos da oposición. 

Promesas do programa do PP en 2009 relativas aos medios públicos de comunicación galegos CC-BY-SA PPdeG

O texto final estableceu ese limiar dos dous terzos da Cámara para elixir a dirección xeral, rebaixándoo a tres quintos -45 escanos- se non era posible chegar aos 50 apoios. Con esa fórmula, quedou escrito na exposición de motivos da norma, quedaba asegurada unha "maior independencia e profesionalidade na xestión". A persoa que ostentase a máxima responsabilidade nos medios públicos pasaba de ser unha designación directa do Goberno a depender de máis dun grupo político do lexislativo para un mandato de cinco anos prorrogable por outros tantos.

A lei de 2011 establecía que antes de mediados de xuño de 2012 Sánchez Izquierdo, designado por Feijóo ao abeiro da normativa de 1984, tería que ser remudado por maioría reforzada da Cámara, o cal nunca sucedeu

A lei de 2011 tamén puña prazos para poñer fin ao modelo de 1984. En seis meses -a máis tardar, o 17 de xuño de 2012-, o director xeral escollido por Feijóo ao chegar á Xunta, Alfonso Sánchez Izquierdo, tería que estar remudado por outra persoa co apoio fixado na nova norma. Pero iso non sucedeu. Comezaba a entrar no conxelador a clave de bóveda dunha desconexión gobernamental da CRTVG que o actual Executivo do PP, presidido por Alfonso Rueda, se dispón a desactivar de vez cunha nova lei que vén de empezar a tramitar.

A última fronteira para nomear a nova dirección xeral apuntábase ao momento en que a antiga Compañía de Radio e Televisión de Galicia quedase legalmente transformada na Corporación Radio e Televisión de Galicia, agrupando as dúas empresas do grupo (a Radio Galega e a TVG) nunha soa. Un proceso xurídico e empresarial complexo que, tras unha prolongada demora, estaba preparado para activarse a 1 de xaneiro de 2016.

Persoal da CRTVG conmemora os 300 'venres negros' o pasado febreiro CC-BY-SA Defende A Galega

Antes, no verán de 2015, o Parlamento renovou o consello de administración da CRTVG -todos os postos agás a dirección xeral- por primeira vez conforme á nova lei mediante outro acordo entre populares e socialistas que non secundara o resto da oposición -formada na altura por AGE e BNG-. Pero pouco despois, aproveitando a tramitación dos orzamentos de 2016, o PP reformou a lei de 2011 en solitario: se cando comezase a funcionar a nova Corporación (o 1 de xaneiro de 2016) Sánchez Izquierdo non tiña remuda, podería quedar no posto por tempo indefinido.

Nove anos despois de reformar en solitario a lei da CRTVG para manter a Sánchez Izquierdo na dirección xeral por tempo indefinido, a Xunta ultima a norma coa que o PP só se precisará a si mesmo para elixir a persoa que o remude á fronte da que pasará a ser a CSAG

A desconexión gobernamental da dirección dos medios públicos quedaba conxelada de vez. Nos anos seguintes, Xunta e PP evitaron a cuestión. Así, por exemplo, en 2020 a daquela secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, respondía unha pregunta parlamentaria do PSdeG ao respecto limitándose a indicar que a remuda chegaría cando existisen "unhas condicións de diálogo parlamentario que permitan acadar un acordo de maioría reforzada ao redor do perfil do director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia".

Mentres todo isto sucedía, as protestas do colectivo Defende a Galega, activo dende 2018, así como as mobilizacións do comité intercentros dos medios públicos de comunicación, tentaron por diversas vías -dende as redes sociais ás protestas dos venres negros, pasando por varias folgas- tentar socializar o que consideran unha situación insostible de manipulación informativa agravada pola alegalidade da dirección xeral. O Goberno galego desdeñounas antes e despois de cada convocatoria electoral da que o PP saíu vitorioso.

Disposición do anteproxecto da nova lei da CRTVG na que a Xunta establece que será dabondo con maioría absoluta para remudar a dirección xeral CC-BY-NC-SA Praza.gal

E así chega a nova norma, que previsiblemente iniciará trámite parlamentario en setembro e na que a Xunta introduce unha disposición adicional -a segunda, concretamente-mediante a cal, se non existisen 50 ou 45 escanos para avalar un novo director ou directora da que agora pasará a denominarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), será dabondo coa maioría absoluta do PP. O texto completo está aberto á consulta pública e en prazo de envío de achegas cidadás ata o 22 de agosto.

Isto é, os populares só se precisarán a si mesmos para remudar a Sánchez Izquierdo, de 75 anos de idade, cuxa marcha se activará " nos tres meses posteriores á entrada en vigor da lei". Fano, xustifican, para evitar "situacións de interinidade" tras doce anos co actual director xeral elixido cunha fórmula allea á lei vixente e cando xa pasaron case nove anos da reforma mediante a que lle concederon mandato por tempo indefinido.

Texto íntegro do anteproxecto de lei que impulsa a Xunta para substituír a vixente normativa dos medios públicos de comunicación

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.