"Lonxe de avanzar na independencia dos medios públicos, significa un retroceso moi preocupante", subliña o CPXG
"Lonxe de avanzar na independencia dos medios públicos, significa un retroceso moi preocupante". O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia salda cunha oposición "frontal" a primeira análise do anteproxecto de lei co que a Xunta pretende reformar a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) mediante a substitución da lei dos medios públicos de 2011, que nunca chegou a aplicar integramente.
O texto que impulsa o Goberno do PP, sinala a Xunta de Goberno da entidade profesional, foxe da "necesaria desgobernamentalización dos medios públicos" ao eliminar "algunhas das claves de bóveda" da lei anterior. "Se ben é certo que levaban máis dunha década" sen aplicar preceptos centrais da norma como a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento, "non é o persoal dos medios públicos non o conxunto da cidadanía -advirten- quen debe pagar a falta de vontade das e dos responsábeis políticos".
"A anomalía que supoña o incumprimento de aspectos cruciais da lei actual", subliñan, "non pode resolverse en ningún caso eliminando mecanismos" que "cando menos sobre papel", pretendían "garantir a independencia editorial" da Radio Galega e da Televisión de Galicia". A comezar porque resulta "esencial", din, que a dirección xeral sexa froito dun amplo consenso e non "só dos votos do partido no Goberno", tal e como promove unha das disposicións da nova lei. O resultado será "reforzar o uso dos medios públicos como ferramenta de propaganda", advirten.
Ao Colexio resúltalle rechamante que a Xunta cite o novo Regulamento da UE para os medios "como un os motivos" para lanzar a nova lei, que "alerta explicitamente" contra as reformas que aumentan "o control gobernamental" nos medios públicos
Neste sentido, ao CPXG resúltalle especialmente rechamante que o anteproxecto "chegue ao punto de citar o Regulamento sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación", a nova norma europea de obrigado cumprimento, "como un dos seus motivos". Esa normativa, salientan, "alerta explicitamente contra aqueles casos nos que as reformas lexislativas" aumentan "o control gobernamental nos medios de comunicación de servizo público", tamén "no que respecta ao nomeamento das persoas que exerzan a dirección do consello de administración", caso da dirección xeral da CRTVG.
A eliminación do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos -que nunca foron postos en marcha- e a súa "dilución" nun "Consello Asesor" de carácter "fundamentalmente consultivo" son outros aspectos que a entidade profesional ve criticables e, neste sentido, tamén "un menosprezo ás e aos xornalistas". A nova lei suprime tamén a creación dunha autoridade audiovisual independente como "organismo avaliador externo", o que o Colexio le como un afondamento "no control e a dependencia política dos medios públicos galegos".
"A sociedade terá que oporse con contundencia a unha norma que só pode redundar na deterioración da nosa calidade democrática"
Estes son só algúns dos motivos que levan o Colexio Profesional de Xornalistas a acoller con "fonda preocupación" a lei que impulsa a Xunta. O Goberno galego, agregan, debera "substituílo" por outro que "garanta a independencia dos medios públicos no canto de reverter os avances conseguidos nestas décadas". A sociedade galega, pola súa banda, consideran, terá que "oporse con contundencia a unha norma que só pode redundar na deterioración da nosa calidade democrática".