Profesionais dos medios públicos galegos levan 321 semanas de insólita mobilización nos ‘venres negros’ que promoven desde o colectivo Defende A Galega. Unha reivindicación que este venres se centra na aposta pola produción propia que conte con todo o persoal da CRTVG fronte á "externalización" de programas en auxe e o "desmantelamento" do ente público. "Non á propaganda, si á información", manifestan vestidas de negro como desde hai máis de seis anos.
Diversos colectivos e organizacións agrupados en defensa da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) presentaron este xoves unha iniciativa lexislativa popular (ILP), que rexistrarán no Parlamento á volta do verán, baixo o lema Liberemos a Galega! ao considerar que "a sociedade galega debe saír ao rescate" do servizo público de comunicación audiovisual.
"O executivo galego mantén secuestradas a nosa radio e a nosa televisión. Actuando ao servizo da forza política no goberno, a actual dirección da CRTVG antepón os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo", argumentan no manifesto que leu a xornalista Tareixa Navaza, que actuou como portavoz das entidades promotoras.
Reclaman que se "garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais"
"Que garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais" é a reclamación que integra todas as peticións que veñen realizando tanto as traballadoras e traballadores dos medios de comunicación públicos do país como diferentes movementos sociais, sindicais e políticos.
Preto de corenta organizacións promoven esta ILP que chegará o Parlamento despois do verán e para o que é precisa recoller, como mínimo, 10.000 sinaturas de apoio. Son A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en LIngua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGT-Galicia e Vía Galega.
A pesar dos seis anos de mobilizacións do cadro de persoal da CRTVG organizado na plataforma Defende a Galega que se fixeron o pasado mes de maio e das múltiples denuncias públicas do Comité Intercentros, que tratou de que as súas demandas fosen escoitadas no Europarlamento, Navaza di que quere ser "optimista" a respecto da resposta social que pode suscitar esta lei popular. O propio goberno de Alfonso Rueda tamén está en trámites de presentar unha nova lexislación tras unha década de incumprimentos da anterior, comezando pola permanencia de maneira indefinida do director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo.
O director xeral da CRTVG así como o director de recursos humanos, o subdirector de informativos e outros seis altos cargos e exdirectivos están a ser investigados por un presunto delito de acoso laboral
A ILP que agardan que debata o pleno da Cámara galega incide en que se garanta "o dereito de acceso, segundo criterios obxectivos de representación e implantación social, sen que poida excluírse ningún grupo social e co máximo respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega". Neste sentido, incorpora a demanda da recuperación das desconexións locais e que se impulse desde os contidos "a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero e fomentando accións positivas, así como o uso da linguaxe non sexista".
Tareixa Navaza explica que nun contexto no que "os altos cargos da CRTVG están pasando polos xulgados, hai traballadores que teñen que abandonar os seus postos porque non poden máis e outros que precisan atención psiquiátrica polo ataque físico, emocional e laboral ao que están sometidos" é momento de que a sociedade comprenda "que un país non ten democracia plena sen uns medios públicos libres, porque os medios de comunicación públicos teñen que responder ante o pobo".
Xa son nove os altos cargos da CRTVG que están investigados por un presunto delito de acoso laboral contra unha xornalista crítica que denunciou como a actual dirección da corporación "atacouna", "ninguneouna" e someteuna a unha "presión reiterada" desde o ano 2018. Neste caso está implicado o propio director xeral, Sánchez Izquierdo, así como o subdirector de informativos do ente público. Agora a maxistrada inclúe o actual director de recursos humanos, que terá que declarar no xulgado o vindeiro 9 de outubro.
O Comité Intercentros da CRTVG solicita ao presidente da Xunta o "cesamento imediato das persoas directivas investigadas"
Nesta causa, que para a xornalista demandante ademais inclúe presuntos delitos contra os dereitos dos traballadores, tamén figuran como investigados –segundo o auto xudicial ao que tivo acceso Praza.gal– o responsable de seguridade, saúde e protección; a exdirectora de recursos humanos; a actual xefa de xestión de persoas, nóminas e seguridade social; o director da área de innovación e negocio; a actual coordinadora de persoal da Radio Galega; e a exdirectora de programas da radio pública.
Tras coñecer a ampliación de investigados por esta querela presentada en 2023, o Comité Intercentros da CRTVG remitiu este venres unha carta ao presidente da Xunta na que solicita o "cesamento imediato das persoas directivas investigadas, co fin de afastar a xestión dos nosos medios públicos de calquera dúbida ou sospeita, sen prexuízo da presunción de inocencia e o respecto á decisión que finalmente adopte a autoridade xudicial".