O Goberno galego pide ideas para unha futura 'Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual para a sociedade dixital' coa que adaptará á UE a normativa xa existente pero sen concretar se mudará o sistema de elección da dirección da CRTVG
A Xunta anunciou este venres, Día da Liberdade de Prensa, que está a elaborar unha futura nova lei para os medios públicos de comunicación coa que adecuará a normativa autonómica xa existente a novidades lexislativas europeas e estatais. A nova norma, denominada Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, abre agora o proceso de consulta pública previa, no que calquera persoa pode formular propostas antes de que a administración presente un primeiro texto articulado.
A nova norma chega logo dunha década de incumprimento da Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, entre outras cuestións no que ten que ver coa elección do máximo responsable da CRTVG a través dunha maioría reforzada do Parlamento de dous terzos en primeira votación ou tres quintos en segunda. Á espera aínda de se aplique aquela norma por primeira vez, o actual titular do posto, Alfonso Sánchez Izquierdo, ten mandato por tempo indefinido grazas a unha reforma introducida en solitario polo PP en 2015, cando o ourensán xa levaba seis anos no cargo tras ser designado polo propio Feijóo cando aínda estaba vixente a lei anterior, a de 1984. Pero a lei de 2011 tamén está a ser incumprida no que ten que ver coa creación dun Consello de Informativos ou dun Estatuto de Redacción.
O pouco que comunicou este venres a Xunta sobre a futura nova lei, na web na que recibirá as propostas que se acheguen, é que o que pretende facer coa nova norma é "adecuar a normativa autonómica" ás novas normas europeas en materia de comunicación, entre elas o novo Regulamento sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación aprobado este pasado mes de abril e que irá entrando en vigor ao longo dos próximos meses. Tamén quere "adecuar a normativa autonómica" á lei estatal xeral de comunicación audiovisual de 2022 e "posicionar a CRTVG para afrontar os retos ao que deben enfrontarse os medios públicos nun marco de competitividade de medios e servizos audiovisuais".
O Goberno galego limítase a sinalar que as recentes modificacións legais europea e estatal "xunto cos avances tecnolóxicos obrigan a reconsiderar o vixente texto legal co obxectivo de axustalo á referida normativa e aos hábitos de consumo televisivo".
A Xunta di que as novas normas europeas e estatais "obrigan a reconsiderar o vixente texto legal co obxectivo de axustalo á referida normativa e aos hábitos de consumo televisivo"
A Xunta tamén engade que "os avances técnicos fixeron posible a converxencia entre servizos televisivos e outros servizos de comunicación audiovisual". Nesa liña incide en querer "avanzar na transformación e adaptación dos servizos públicos de comunicación audiovisual de Galicia á sociedade dixital" e en "configurar unha ferramenta para transmitir valores, significados e identidades, así como para contribuír a promover a identidade cultural e lingüística de Galicia".
Á marxe do comunicado formalmente na apertura da consulta pública previa, o Goberno galego emitiu un comunicado de prensa no que di que "tamén se busca reforzar a misión e valores do servizo público que presta a CRTVG, entre eles o reto de posicionar axeitadamente a lingua galega no contexto dos novos formatos dixitais de información e entretemento".
A Xunta non menciona en ningún momento nada referente ao proceso de elección da dirección dos medios públicos, eido no que o novo regulamento europeo indica que os membros dos consellos de administración dos medios públicos deben ser "nomeados seguindo procedementos transparentes, abertos, efectivos e non discriminatorios".