Respostas á arenga de Feijóo pola "prensa libre": "Puido empezar polos medios públicos galegos"

Feijóo e o director xeral da CRTVG, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Ana Varela

O ex-presidente Alberto Núñez Feijóo saíu en tromba contra Pedro Sánchez tras anunciar o socialista que o resultado da súa "reflexión" fora continuar na presidencia do Goberno de España, pero alertando sobre riscos para democracia como un debate público baseado en "mentiras" ou "loiadas" de diversas cabeceiras. Xa este luns, o líder do PP asumiu como propia a teoría dun suposto "cambio de réxime" no Estado e este martes centrou o ataque en alertar de teóricos riscos para a liberdade de prensa.

Defende a Galega ironiza co chamamento do líder do PP tras case seis anos de mobilización esixindo o cumprimento íntegro da lei da CRTVG e a fin da "manipulación"

"Si á prensa libre en España", proclamou Feijóo nunha xuntanza con membros dos grupos parlamentarios do PP no Congreso e no Senado. A arenga foi recibida a medio camiño entre a hilaridade e a indignación en persoas e entidades que consideran o seu paso pola Xunta como unha mostra de todo o contrario. A comezar polo colectivo Defende a Galega, que dende hai case seis anos vén reclamando a aplicación completa da lei dos medios públicos de comunicación e a fin do que consideran sistemática manipulación informativa a prol do Goberno do PP en Galicia.

Alocución de Feijóo sobre a "prensa libre", este 30 de abril no Congreso con membros dos grupos parlamentarios do PP

"Que di Feijóo que 'si á prensa libre en España', e logo non puido empezar por liberar os medios públicos galegos do férreo control político ao que os somete o seu partido?", ironizou Defende a Galega a través das redes sociais en resposta ao líder conservador. "Aínda está a tempo, ou?", agrega o colectivo de persoal mobilizado na CRTVG xunto á etiqueta #QueNonCheContenPelículas.

O ex-presidente atribúe a Pedro Sánchez condutas como "insultar" xornalistas ou "pedir campañas orquestradas contra eles"

"Non a insultar a ningún xornalista como fan os ministros", "non a pedir campañas orquestradas contra eles", sinalou Feijóo antes de dicir tamén "non a que militantes socialistas dirixan medios públicos" ou "non a que este Goberno ou calquera outro pida calar e deslexitimar os xornalistas". "E si, si á prensa libre en España", finalizou entre aplausos dos membros dos grupos do PP, entre eles a ex-secretaria xeral de Medios da Xunta, Mar Sánchez, que cando menos nese fragmento concreto -tamén difundido en vídeo polo partido a través das redes sociais- non aplaudiu.

As críticas de Defende a Galega non foron as únicas. Tamén varias persoas que traballan ou traballaron na CRTVG as secundaron. Así o fixo tamén a vicevoceira parlamentaria do BNG, Olalla Rodil. Boa parte destas críticas diríxense á situación da CRTVG por, entre outros aspectos, non ter desenvolvida por completo a lei -no que atinxe á creación do Consello de Informativos, por exemplo- ou á permanencia por tempo indefinido do director xeral grazas a unha reforma inserida en solitario polo PP en 2015.

O Colexio de Xornalistas lembra a urxencia de "combater a desinformación"

Imaxe de arquivo do Colexio Profesional de Xornalistas © CPXG

Alén do eido gobernamental e partidario, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia aproveitou o "torrente de reflexións" dos últimos días para lembrar que os colectivos da profesión levan "décadas propondo solucións para combater a desinformación e fomentar o xornalismo libre e profesional". Por iso a entidade galega chama os gobernos a "tomaren medidas urxentes" para, por exemplo, "reformaren a lexislación sobre axudas a medios e publicidade institucional" ou "estabelecer organismos reguladores da comunicación".

O CPXG lembra que as entidades profesionais levan décadas reclamando medidas como "reformar a lexislación sobre axudas a medios e publicidade institucional" ou "estabelecer organismos reguladores da comunicación".

"Cómpre lembrar tamén que a situación actual podía evitarse se se atendesen hai tempo as peticións das comunicadoras e comunicadores", indica o Colexio, que subliña que leva anos reclamando, entre outros aspectos, "que a inxección de diñeiro público nos medios de comunicación sirva efectivamente para promover o xornalismo libre e plural, e non para comprar vontades e fomentar a propaganda". Neste sentido, resaltan, "existen criterios obxectivos e medíbeis que teñen que rexer a concesión destas partidas, como a pluralidade informativa, a profesionalización dos medios, o respecto á deontoloxía ou, no noso caso, o uso efectivo da lingua galega".

Do mesmo xeito, reiteran, "urxe a posta en marcha na nosa contorna de organismos reguladores da profesión como os que son habituais en toda Europa", caso do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas ou, no caso galego, "a creación dun Consello da Comunicación de Galicia como un organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos, que defendese a sociedade dos intentos de limitar o dereito dos cidadáns á liberdade de expresión e de información".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.