Pedro Sánchez queda e promete a "rexeneración pendente da nosa democracia"

Pedro Sánchez, o pasado marzo nas instalacións da Presidencia do Goberno de España, no Palacio de La Moncloa (Madrid) © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Pedro Sánchez queda e faino "con máis forza, se cabe, á fronte da presidencia do Goberno de España". Pero "esta decisión non é un punto e seguido, é un punto e á parte" para traballar, di, pola "rexeneración pendente da nosa democracia". "Garántollelo", prometeu.

Asegura que a reflexión non obedeceu "a ningún cálculo político": "A única forma de avanzar, ás veces, é deterse", di

O anuncio chegou mediante unha declaración institucional apenas unha hora despois de que comunicase a súa decisión ao rei e, a continuación, ao seu núcleo de dirixentes máis próximos do Goberno de España e do PSOE nun clima de tensión no que en múltiplos sectores chegou a darse por feita a súa marcha. Tensión xerada polo propio Sánchez, coa súa carta á cidadanía da pasada semana que, admite, "puido desconcertar". Pero, asegura, "non obedeceu a ningún cálculo político", senón a motivos familiares e á "convicción" de que "ou dicimos basta, ou a degradación da vida política determinará o noso futuro, condenándonos como país".

Pedro Sánchez anuncia que continúa como presidente do Goberno de España CC BY-NC-SA Imaxe: Sinal institucional Moncloa | Edición: Praza.gal

"Sexa cal sexa o noso oficio", di Sánchez, "vivimos nunha sociedade na que se nos esixe manter a marcha a toda costa". E, no caso da política, esa esixencia implica reclamar "resistencia incondicional" ante as "loiadas" e o "fango", o que ao seu xuízo é tanto como "poñer o foco nas vítimas e non nos agresores" e "confundir liberdade de expresión con liberdade de difamación". "Unha perversión democrática".

O presidente do Goberno de España anuncia que segue adiante "con máis forza" co propósito de facer fronte ao "movemento reaccionario mundial" que aspira a "impoñer a súa axenda regresiva" mediante "a difamación", a "falsidade" e o "odio"

Pero "a única forma de avanzar, ás veces, é deterse, reflexionar e decidir con claridade por onde queremos camiñar", considerou Sánchez. E a súa decisión, di, é manterse para facer fronte ao "movemento reaccionario mundial" que aspira a "impoñer a súa axenda regresiva" mediante "a difamación", a "falsidade" e o "odio".

Neste contexto, o presidente socialista asegura que tanto a súa esposa, Begoña Gómez, coma el mesmo saben que "esta campaña non parará". "Levamos dez anos sufríndoa", o cal "é grave", pero "non é o máis relevante". "Podemos con ela", asegura, nun contexto non que "non pagaría a pena" continuar se "aceptamos que a acción política permite o ataque indiscriminado a persoas inocentes" ou "se permitimos que as mentiras máis groseiras substitúan o debate respectuoso e racional baseado en evidencias".

Militantes e simpatizantes do PSOE reclaman a Pedro Sánchez que permaneza no cargo ante a sede federal do partido o 27 de abril de 2024 CC-BY-NC-ND PSOE

Unha vez coñecida a decisión resta saber, en calquera caso, se a enésima viraxe do taboleiro político lograda por Sánchez ten repercusións prácticas na acción do Goberno e na súa axenda lexislativa. Iso é, precisamente, o que lle reclaman boa parte dos grupos parlamentarios que apoiaron a súa investidura e dos que depende que saian adiante as posibles reformas para lograr os obxectivos anunciados polo xefe do Executivo este luns.

Mobilización total do PSOE, comparación con Franco no PP

Sánchez fixo pública a súa decisión tras catro días inéditos nos que o PSOE mantivo un estado de mobilización total para pedirlle que non marchase, unha "mobilización social" que admite como "decisiva" na súa permanencia. Esa reivindicación marcou tamén o Congreso Nacional do PSdeG, celebrado este domingo, no que o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, o animou a non dar "nin un paso atrás".

Mentres, dende a dereita, o PP descualificou o movemento do socialista como mera estratexia para seguir no poder. Tamén como unha "performance vitimista", en verbas de Alfonso Rueda, marcada por, segundo Alberto Núñez Feijóo, "un tic autoritario que dende Franco nunca víramos" xa que, ao seu xuízo, perseguiu sinalar determinados xuíces ou medios de comunicación.

Rueda e Feijóo, nun acto electoral en 2023 © David Mudarra / PP

Unha vez coñecida a permanencia de Sánchez, Feijóo afondou nese mesmo ton. Sitúa o líder socialista no "ridículo", nun "esperpento" artellado, acusa, para "fuxir cara a adiante". Segundo o ex-presidente galego, Sánchez "non acepta a discrepancia" nin "quere oposición" e cae no "caudillismo", di, nun contexto no que introduce o xefe do Estado na ecuación para afirmar que "chegou a usar o rei como actor secundario". Feijóo, non obstante, desbota formular unha moción de censura porque, di, Sánchez "mercou a vontade dos seus socios".

Feijóo sitúa o líder socialista no "ridículo" e no "esperpento" e acúsao de "usar o rei como actor secundario". Rueda reduce o acontecido a unha "teatralización absurda"

Neste mesmo sentido, ao ser preguntado ao respecto polo anuncio de Sánchez tras a reunión semanal do Consello da Xunta, Rueda considerou o acontecido como unha "teatralización absurda" que "non fixo ningún favor ao país" mentres "as explicacións seguen sen darse". Porque "o que máis importa a Pedro Sánchez é o propio Pedro Sánchez.

Sobre as palabras de Sánchez, o tamén líder do PPdeG mantén que "polarización foi" a súa carta "ou ese tuit do mércores". Porque "ademais de anunciar ese período de reflexión, xa distinguía entre bos e malos". En calquera caso, o presidente da Xunta asegura ter o "convencemento persoal" de que "o mércores xa se sabía o que se ía dicir o luns".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.